Novos xuíces do Couto Mixto

A antropóloga e profesora da universidade de Lisboa, Paula Godinho, é a a utora dun documentadísimo estudo sobre as relacións transfronteirizas na raia seca. O libro, publicado polo Servizo de Publicacións da Deputación de Ourense leva o suxerente título “Oír o galo cantar dúas veces”.Paga a pena lelo. Este traballo de investigación sobre a cultura da raia, que foi galardoado co “Premio Xesús Taboada Chivite”, descubre feitos e aconteceres de gran importancia para entender as relacións entre galegos e portugueses, ali onde a fronteira non está separada por ningún accidente xeográfico como acontece co río Miño noutro treito fronteirizo.

Por Xosé Glez. | Redondela | 26/06/2012

Comparte esta noticia
Luís M. García Mañá na súa obra “Couto Mixto, unha república esquecida”, ofrécenos información abonda para coñecermos a oríxe histórica de tan singular territorio mentres estivo vixente o seu estatus xurídico-político. As súas pescudas foron decisivas para reconstruír a súa identidade esvaída polo paso do tempo. Aqueles aconteceres históricos son hoxe rememorados pola Asociación de Amigos do Couto Mixto, que todos os anos conmemora a existencia dun territorio histórico que os Parlamentos de Europa,  Galicia e o Congreso dos Deputados  recoñeceron con diversas iniciativas parlamentarias.
 
Para perpetuar a memoria dun pobo que gozou de privilexios e de independencia respectos dos reinos de Portugual e España ata 1864, a Asociación de Amigos do Couto Mixto vén celebrando todos os anos un acto que reaviva os sentementos de irmandade das xentes dun   e doutro lado da raia. Algo que hoxe ten moito sentido se temos en conta que a Unión Europea tenta construír a chamada Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Unha proposta necesaria  para abordar o desenvolvemento soecioeconómico dun macro espazo territorial habitado por sete millóns de persoas.
 
Nese contexto a Asociación de Amigos do Couto Mixto quere afortalar o discurso europeo-transfronteirizo inzado de prexuízos histórico que veñen de vello e que tollen o proceso de reencotro de dous pobos que están chamados a  planificar conxuntamente as súas estratexias para acadar mellores cotas de riqueza e benestar social.
 
Pero para que isto aconteza cómpre contar con personalidades e institucións que aviven o discurso do reencontro transfronteirizo máis aló da raia. Por iso a Asociación de Amigos do Couto Mixto  distingue a eses animadores co nomeamento de “Xuíces Honorarios”. Un galardón que este ano recaeu no músico e gaiteiro universal Carlos Núñez; no profesor de dereito da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé A. Gómez Segade, e nas cámaras municipais de Verín e Chaves por tomaren a decisión de crear unha eurocidade.
 
O acto terá lugar este próximo sábado, día 30, na igrexa de Santiago de Rubiás, ás 12:00 horas. Din que quen vai un ano, engaiolado pola paisaxe e a liturxia da cerimonia, volve sempre. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA