Un proxecto "igualitario" e "acolledor" das "lecturas da liberación nacional"

Galicia como nación, democracia participativa, defensa dos intereses populares, auto-organización, igualitarismo, feminismo ou antiimperialismo son algúns dos principios que vertebran o novo proxecto asembleario saído do NPC. GC publica os seus principios políticos e os organizativos.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/06/2012 | Actualizada ás 19:47

Comparte esta noticia

Son "persoas de diversa procedencia" que coinciden na necesidade de recuperar a "dignidade" dunha acción política baseada na "radicalidade democrática"; nos principios republicanos de igualdade, liberdade, fraternidade e laicidade; na conciencia sobre os limites ecolóxicos do planeta ou na loita contra calquera caste de discriminación.

 

Este proceso, que comezou en febreiro, xa está listo tras debatirse en asembleas de numerosos concellos de Galicia.  Así, considera que os principios inspiradores do nacionalismo galego contemporáneo están "máis vixentes que nunca" pero, as mudanzas da sociedade galega, esixen, segundo este colectivo, "que, dende a pluralidade, ser quen de acoller as diversas lecturas do proxecto común de liberación nacional e social".

 

Por iso, insisten na necesidade de conquistar a soberanía política da nación galega e un cambio mundial de sistema porque o actual modelo "está esgotado".

 

Para iso, o NPC se organiza con "carácter asembleario, aberto e plural, de integración individual, organización territorial e en rede, con vocación de continuidade na acción social, de carácter nacionalista, expresión política do galeguismo, e enmarcada tanto na tradición plural da esquerda como nas novas expresións da mesma".

 

Estes son os seus principios:

 

 

PRINCIPIOS POLÍTICOS



Quen somos

Persoas de diversa procedencia coincidimos na necesidade de recuperar a dignidade dunha acción política baseada na radicalidade democrática; nos principios republicanos de igualdade, liberdade, fraternidade e laicidade; na conciencia sobre os limites ecolóxicos do planeta; na loita contra calquera caste de discriminación; na permanente fiscalización por parte da cidadanía dos elixidos e elixidas e en que a orientación das políticas, en todos os ámbitos, deberá sempre estar presidida pola defensa do benestar das maiorías sociais e a defensa das minorías oprimidas.


CONSIDERAMOS:

1º.- Que os principios inspiradores do nacionalismo galego contemporáneo, expresión política do galeguismo, na medida en que recollen obxectivos estratéxicos non acadados, están máis vixentes que nunca. Mais hoxe deben ser interpretados baixo o prisma dun cambio de sistema e das ideas antes indicadas así como da pluralidade de modelos postos en práctica nalgúns estados da periferia do sistema.

2º.- Que as mudanzas na estrutura social galega producidas nas derradeiras décadas segue a esixirnos que, dende a pluralidade, sexamos quen de acoller as diversas lecturas do proxecto común de liberación nacional e social.

3º.- Que a conquista da soberanía política da nosa nación segue a ser un obxectivo estratéxico que debe incorporar novas concepcións da soberanía como a soberanía alimentar, a soberanía enerxética, a soberanía cultural e  o exercicio real da soberanía popular.

4.- Que a loita polos nosos dereitos nacionais e por un modelo social ao servizo dos intereses populares é a nosa achega á loita por un cambio mundial de sistema; a concreción da expresión “pensar globalmente, actuar localmente”. Galicia é o noso marco de acción porque cremos na capacidade e necesidade de autoorganización política.

5.- Que a loita a prol das maiorías sociais agredidas polo sistema precisa de novas formas organizativas dentro da tradición política e cultural dunha esquerda inclusiva na que teñan cabida non só as clásicas culturas da esquerda senón tamén as lecturas realizadas á luz do ecoloxismo, o feminismo, o anticonsumismo, o antiautoritarismo etc.

6.- Que estamos ante a fin dun ciclo histórico tanto a nivel mundial como europeo tras catro décadas de imposición  de políticas económicas contrarias ás maioría sociais, que desmantelaron o modelo do estado do benestar e provocaron a maior crise económica, social e política do capitalismo. 

7.- Que este fin de ciclo manifestase tamén no Estado Español no esgotamento do modelo político denominado da transición manifestado na gravidade da crise económica, no descrédito da forma do Estado e nas políticas recentralizadoras.

8.- Que o modelo do estado das autonomías está esgotado. 

9.- Que dende o pensamento dunha esquerda plural e inclusiva e dende a reivindicación da nación dos galegos e galegas cumpre formular modelos alternativos que superen tanto o actual sistema económico como o modelo de organización xurídico-política do estado.

Por iso é polo que recollendo o expresado pola Coordinadora de Asembleas reunidas, en réxime de autoconvocatoria, en Teo o pasado 2 de xuño 


CONSTITUÍMONOS:

"nunha organización de carácter asembleario, aberto e plural, de integración individual, organización territorial e en rede, con vocación de continuidade na acción social, de carácter nacionalista, expresión política do galeguismo, e enmarcada tanto na tradición plural da esquerda como nas novas expresións da mesma"


COINCIDINDO nos seguintes principios:


Galiza é unha nación.

Democracia participativa. 

Modelo social en defensa dos intereses populares. 

Auto-organización. 

Antiimperialismo e Paz Mundial. 

Feminismo

Sustentabilidade ecolóxica e social

Igualitarismo


Principios ético-políticos

A ética na política. Sen ética non hai democracia, e na esquerda, ética de esquerdas.

O feito de partirmos de asembleas locais soberanas que se confederan fai imprescindíbel que asembleas e persoas nos recoñezamos nuns principios ético-políticos partillados e establezamos mecanismos que garantan o seu cumprimento.

O órgano encargado de velar polo cumprimento dos principios ético-políticos será a COMISIÓN ÉTICA E DE GARANTÍAS definida nos ESTATUTOS que no referido aos principios éticos terá capacidade para o caso de violacións graves, adoptar medidas cautelares que poden incluír a separación de asembleas e/ou persoas da organización.

Principios que deben ser respectados, defendidos e practicados polas persoas integrantes do novo referente político:

1. -

OPCIÓN A.-A organización, as súas asembleas e todas as persoas que a integran asumen o compromiso de exercer con absoluta enerxía e rotundidade o uso exclusivo dos métodos de combate pacíficos e democráticos, con exclusión do uso ou xustificación da violencia ou amparo política de quen a practique.

OPCIÓN B.- A nova organización política nacionalista desenvolve a súa actividade dentro do actual marco xurídico-político, a través de vías legais e pacíficas.

2.- Fraternidade entendida como democracia horizontal o que na organización política ven significar asemblearismo.

3.- Cooperación, como valor antitético da competición. Afirmamos que sen cooperación nin sequera pode haber democracia. Non hai esquerda que poida sobrevivir coa competición no seu seo.

4.- República. Asumimos a república como cultura civico-política e non só como réxime político formal.

5.- Democracia participativa. Sen participación non é posíbel a democracia. Sen participación a democracia representativa esclerotízase e deriva en oligarquía, os partidos convértense en “aparatos” e as cámaras de representantes en parodias. Propugnamos reconstruír pontes entre a cidadanía e a instancia política, cos seus piares no tecido asociativo horizontal e diverso da cidadanía.

6.- Primacía dos dereitos colectivos. Porque a alternativa á asunción deste valor non é outra que o individualismo a negación mesma da organización social.

7.- Igualitarismo. Este valor está proclamado en todas as constitucións políticas e cartas de dereitos fundamentais de todos os estados e institucións internacionais. Sen embargo a desigualdade agrávase, convertendo en papel mollado estas proclamas. Referímonos especialmente á desigualdade perante a lei -e non só as desigualdades económicas, sociais e culturais- ou sexa, ao principio democrático da “igualdade perante a lei”. Ao tempo proclamamos que non pode existir igualdade sen dereito á diferencia e respecto da diversidade.

8.- E necesario tamén tomar conciencia das situacións de discriminación por razóns de xénero; e moverse para a superación das mesmas: non pode haber igualdade ante a lei senón hai tamén igualdade real entre os individuos dunha sociedade.

9.- Autodeterminación cara a independencia. Só o combate pola nosa autodeterminación como pobo, orientada cara a independencia, poderá chegar a algures, só esa actitude suscitará respecto cara nós e os nosos dereitos cívico-políticos. Compre elevar o nivel da nosa pacífica e cívica proposta para chegarmos alén das posicións que defenden o actual marco xurídico – político para acadar unha solución satisfactoria para a nosa reivindicación nacional.

10.- Socialización. Non pode haber democracia real e efectiva sen socialización como eixo do avance histórico dos pobos. A socialización é un proceso constante de aprendizaxe da convivencia, en interacción co seu contorno, non pode consistir na simple nacionalización ou colectivización das unidades e medios de produción, nin cinxirse á instancia económica de sociedade. 

11.- Un novo activismo político, libre de ataduras persoais, democrático e con respecto pola compañeira ou compañeiro que pensa diferente, con dereito a falar, a debater , a

expresarse, sen sufrir censura, nin agresión verbal.

Para que nos organizamos?

Para ser suxeitos dunha democracia viva, directa e participativa, actores comprometidos nos asuntos da res publica, traballadores/as en rede plural e diversa das organizacións e movementos que laboran en toda a parte por un mundo e unha sociedade máis xustos e mellores, galegos e galegas que queremos vivir nunha Terra definitivamente libre, soberana, próspera e en paz.


A indignación cívica expresada nos diversos movementos xurdidos en 2011 non só serviu para pór de manifesto a existencia desa corrente de desafección, senón que actuou asemade como elemento aglutinador dun conxunto de novas propostas e ideas alternativas, fixo visíbel a crítica e o malestar social reinantes, posibilitou a superación do estado de inacción anterior e puxo en marcha un novo tempo político, cargado de esperanzas, en que a principal arela é que a voz e o poder da cidadanía volva estar colocado no lugar que democraticamente lle corresponde.


Por iso, acreditamos na necesidade de crearmos e dotármonos dunha nova ferramenta política que, tendo como parámetros fundamentais o asemblearismo participativo, o pluralismo, a defensa da Terra e o traballo a prol dos intereses das maiorías sociais, reivindique como elementos esenciais:


a) A política como mecanismo lexítimo de poder, imprescindíbel para coutar os outros poderes, nomeadamente o económico-especulativo da plutocracia financeira, que nos últimos decenios someteu aos seus intereses aos poderes públicos e arrastrou a toda a sociedade a unha crise e a unha depresión sen precedentes, especialmente grave en países sen soberanía política como o galego.

b) A radicalidade democrática e a ética da acción política, aumentando o poder de decisión da sociedade e practicando a transparencia, nomeadamente nas decisións económicas.


c) A mudanza dos valores actualmente hexemónicos na sociedade, que están na base do sistema actualmente en crise (egoísmo, insolidariedade social, afán de lucro, competitividade extrema, explotación...), promovendo outros alternativos de xustiza, equidade, solidariedade, fraternidade e benestar colectivo.


Asemade, en relación colaborativa e dialogada cos movementos sociais, con respecto mutuo aos seus ámbitos de decisión e a súa autonomía, a nova organización traballará con eles a prol dunha Galiza e dun mundo ecoloxicamente sustentábel e combaterá todas as formas de inxustiza e exclusión social que se produzan, por razón de xénero, raza, cultura, condición, clase, orientación sexual, saúde ou idade.


Practicará e promoverá, igualmente, unha cultura cívica radicalmente democrática de participación e transparencia na acción política aceptándose as seguintes achegas das asembleas constituídas como 

Propostas Programáticas:


Contra o espolio:

1.- Auditoría da débeda pública e o compromiso de non aportar fondos públicos para viabilizar entidades bancarias. Reconstitución dun sector financeiro público ao servizo da cidadanía galega e apostar pola reversión das caixas de aforro á súa natureza orixinal de entidades non capitalistas de economía social.


2.- Reversión ao dominio público das concesión feitas ao sector privado en materia de infraestruturas, recursos, bens e servizos estratéxicos que poidan ser interpretados como de interese público ou común.


3.- Regulación pública vía taxación dos mercados, intermediarios, fluxos financeiros e movementos de capitais, con especial rigor no tocante ás operacións especulativas.


4.- Control democrático da política monetaria hoxe nas mans dos “técnicos” do BCE.




Defensa do noso


5.- Defensa activa contra a desaparición da identidade galega, contra o exterminio planificado da nosa lingua, o deterioro da nosa paisaxe, o abandono do noso patrimonio cultural e a deturpación da nosa historia.


6.- Defensa do ámbito informativo galego con medios de comunicación non sometidos aos poderes políticos e económicos.


7.- Soberanía alimentaria e enerxética. Sustentabilidade ecolóxica e social.


8.- Ordenación territorial e urbanística con criterios sociais e ecolóxicos, buscando o reequilibrio territorial, recuperando as formas de poboamento tradicionais e humanizando os núcleos urbanos.


Igualdade e dereitos sociais:


9.- Establecemento e fortalecemento, tanto na función pública canto no sector privado, dos marcos normativos reguladores do mercado laboral e dos réximes salariais a prol dos dereitos e garantías económicas e sociais na igualdade de xéneros e idades garantindo: a estabilidade e seguridade no emprego, a redución da xornada laboral, a cobertura do paro e das xubilacións, a participación equitativa da forza de traballo no valor engadido e o incremento da produtividade. Derrogación das sucesivas reformas laborais. Democratización da empresa regulando a participación das persoas traballadoras na súa dirección e xestión.


10.- Igualdade real de homes e mulleres no eido laboral, medidas para a erradicación da violencia machista, respecto aos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres.


11.- Defensa innegociable dos servizos sociais públicos, nomeadamente dunha sanidade e dun ensino gratuítos, públicos, universais e de calidade.


12.- Medidas para regularizar a situación das persoas migrantes e para garantir a plena igualdade de dereitos co resto da poboación.


Solidariedade económica e desenvolvemento:


13.- Reforma tributaria para restablecer unha fiscalidade progresiva, nomeadamente sobre os tramos elevados de ingresos e patrimonios privados, a prol dunha indispensábel política redistributiva de benestar social, encamiñada a garantir as condicións materiais da liberdade.


14.- Políticas de defensa do sector labrego, revitalizando as pequenas e medianas explotacións, apostando pola recuperación dos ecosistemas agrarios e a sustentabilidade económica, impulsando a ordenación do territorio e a fixación de poboación no medio rural. Políticas análogas para o mundo mariñeiro e a beiramar.


15.- Políticas de promoción e equidade económica, fiscal e social para as formas de traballo autónomo e de pequenas empresas, con fincapé nas formas cooperativas e de economía social.


16.- Ordenación do sector comercial a prol da revitalización racionalizada do pequeno e mediano comercio fronte ao grande capital comercial, impulsando a necesaria reforma do marco normativo do sector.



****************************************


PRINCIPIOS ORGANIZATIVOS 



Asembleas soberanas no seu ámbito local e que se confederan para ser un actor político nacional

Asemblearismo entendido como a participación directa e indelegábel (collen aquí formas de referendo mediante as TIC para consultas), nas grandes decisións e na elección dos órganos de coordinación e/ou executivos nacionais así como eventuais candidaturas.

Aceptación dun código ético partillado.

Os órganos nacionais estarán sometidos a revogabilidade e a elección, que se tentará facer en primeira instancia por consenso, será aberta á presentación de calquera militante e cun sistema proporcional puro ou mediante listas abertas.


Os órganos de dirección/coordinación en calquera ámbito non poden ter unha participación de calquera dos xéneros superior ao 60%.


Estas decisións fundacionais, PRINCIPIOS ORGANIZATIVOS E ESTATUITOS, só poderán ser modificadas en Asemblea Nacional e por unha maioría cualificada de 2/3.


ESTATUTOS


TÍTULO PRELIMINAR.- A nova organización denominarase


1.- AFILIACIÓN, DEREITOS E DEBERES


Artigo 1.- Ten dereito a ser afiliado/a toda persoa que así o desexe e que se comprometa a respectar as normas e principios de funcionamento e actuación democraticamente adoptados pola organización. A afiliación e integración é de carácter exclusivamente individual.


O órgano competente para aceptar unha petición de alta na organización é a Asemblea de Base correspondente. Un acordo rexeitando unha petición de alta pode ser recorrido diante da Coordinadora Nacional.


Artigo 2.- Toda persoa afiliada terá dereito a:


a.- Expresar libre, individual ou colectivamente, as súas opinións dentro da organización, e publicamente como persoa afiliada.

b.- Elixir, ser elixida e formular propostas de revogación nos distintos órganos, cos procedementos contemplados nestes Estatutos.

c.- Participar e votar en todas e cantas situacións afecten á vida organizativa segundo os mecanismos estabelecidos nos presentes Estatutos.

d.- Utilizar o material, locais e demais servizos que se poidan crear e ofrecer.

e.- Recibir, en caso necesario, defensa, asesoría e apoio solidario en toda situación problemática que se derive ou relacione coa súa pertenza e actividade a prol ou en nome da organización.

f.- Participar na proposta, planificación, elaboración, control e execución das distintas actividades que se realicen.

g.- Recibir información detallada sobre todos os aspectos da vida e xestión da organización.

h.- Discrepar publicamente dos acordos maioritarios.



Artigo 3.- As persoas afiliadas teñen o deber de:


a.- Observar os presentes Estatutos e actuar conforme aos principios organizativos e políticos democraticamente adoptados.

b.- Cotizar a cota estabelecida e velar polo mantemento e conservación dos bens da organización.

c.- Colaborar activamente no cumprimento dos principios e obxectivos da organización, asistindo ás xuntanzas e actividades da mesma.


Artigo 4.- A condición de afiliada ou afiliado pérdese


a.- Por expresa vontade de quen así o desexe, manifestada por escrito.

b.- Por falta inxustificada no pagamento das cotas durante tres períodos de cotización, previo apercibimento por escrito cun mínimo de quince días de antelación.

c.- Pola inobservancia dos presentes Estatutos ou dos acordos democraticamente adoptados. Neste último caso, deberá mediar sempre o correspondente proceso contraditorio de instrución de expediente que ampare os dereitos das persoas implicadas, agás para as medidas cautela establecidas nos Principios Ético-Políticos.


2.- ESTRUTURA E ORGANIZACIÓN TERRITORIAL


Artigo 5.- O noso ámbito territorial é a nación galega, sen renuncia a participar e intervir en todo aqueloutro espazo xeográfico ou instancia política e administrativa en que poidan estar en xogo, nun momento dado, os intereses de Galiza como pobo.


Artigo 6.- O novo referente político organízase territorialmente en tres grandes niveis: local, comarcal e nacional. Por local enténdese aquelas asembleas de base de ámbito parroquial, de barrio ou municipal. 

No ámbito local as asembleas soberanas autoorganízanse e coordínanse con total autonomía, sempre que respecten os principios políticos, organizativos e éticos do novo referente político.


Artigo 7.-  A asemblea nacional é o máximo órgano e está formada pola totalidade das persoas afiliadas. Entre os seus fins está definir a liña política e as actividades da organización no seu ámbito e reunirase ordinariamente cada dous anos.


As decisións no seu seo tenderán a tomarse por consenso, mais, de non ser posíbel, tomaranse por maioría das persoas presentes, agás para aquelas cuestións que requiran maioría cualificadas.


Artigo 8.-  Coordinadora Nacional.  Como órgano colexiado con funcións de dirección política no período inter-asembleario elixirase unha Coordinadora Nacional integrada por persoas elixidas directamente na Asemblea Nacional en número de entre 50 e 75, garantindo a axeitada representación territorial. Ás persoas elixidas directamente na  asemblea nacional engadirase un representante por comarca do xeito e coas condicións que se establezan nun prazo máximo de seis meses previa elaboración dun mapa comarcal e previa consulta coa afiliación.


Para as funcións técnico executivas:


Opción A.- A Coordinadora Nacional poderá comisionar para tarefas concretas a persoas que colexiadamente funcionarán a xeito de comisión permanente sen máis competencias que as que lle delegue a  Coordinadora Nacional diante da que en todo caso responderán.


Opción B.- A Coordinadora Nacional propoñerá á asemblea unha Comisión Permanente con funcións só técnico-executivas e con reparto concreto de responsabilidade e áreas de traballo. Se non hai unha única proposta a Comisión Permanente elixirase por asembleas en listas abertas.


Artigo 9.- As Coordinadoras son o órgano coordinador e executor dos acordos do seu respectivo nivel asemblear. A súa asemblea de referencia decidirá o número de persoas que a compoñen e os seus cometidos concretos.



Artigo 10.-  Dentro da organización, en todos e cada un dos niveis, poderán constituírse roldas ou grupos de traballo con finalidades puntuais e concretas, por un período determinado, ou con vocación de permanencia, como ferramentas para o deseño das liñas mestras da acción social e institucional do novo referente político. Desenvolveranse baixo os mesmos principios que presiden o conxunto da organización, tendo carácter deliberativo e propositivo.


4.- SISTEMA DE ELECCIÓN DE RESPONSABILIDADES A TODOS OS NIVEIS


Artigo 11.- A elección de toda caste de representantes dentro da organización será, de non existir asentimento, aberta á presentación de calquera militante e cun sistema proporcional puro ou mediante listas abertas.


Toda persoa afiliada que estea ao día nos seus deberes como tal ten dereito a apresentar a súa candidatura e a participar nas votacións. 


Artigo 12.-  Partindo de que o desexábel nun proceso constituínte é o consenso e abertos a contemplar outras fórmulas de elección para o futuro, das propostas chegadas das asembleas territoriais para a elección dos órganos nacionais, na reunión da comisión redactora do sábado día 23 haberá que optar entre propoñer:


a.-  Sistema de listas pechadas con reparto proporcional puro e aberto á presentación de listas dun só militante.


b.-  Listas abertas onde o votante poderá escoller unha lista completa ou pode riscar persoas de distintas listas.


Artigo 13.- Todas as persoas elixidas para o desempeño de determinada responsabilidade dentro da organización, sexa no nivel que for, poderán ser obxecto de revogación dentro dos propios órganos facultados para elixilas. 


Para que se proceda á revogación será preciso un quórum de 2/3 en todos os casos. Para votar unha proposta de revogación será preciso que esta estea incluída na orde do día da convocatoria do órgano ou asemblea correspondente e que exista informe por escrito en que se substancien as razóns da proposta de revogación. Para que a revogación sexa efectiva será preciso que esta sexa aprobada pola maioría das persoas asistentes ou por un número igual á metade máis unha das persoas de pleno dereito da asemblea correspondente.


5.- DA COMISIÓN ÉTICA E DE GARANTÍAS


Artigo 16.- Terá as funcións que se lle atribúen nos Principios Ético-Políticos e as  de atender calquera reclamación das persoas ou instancias da organización que afecten a aspectos internos da mesma. Nese sentido, deberá garantir que as decisións orgánicas estean na liña marcada pola Asemblea Nacional e os Estatutos e deixar constancia das anormalidades que detecte ou das que reciba denuncia.


A Comisión de Garantías será elixida pola Asemblea Nacional e renovada na seguinte. As súas decisións adoptaranse pola maioría dos seus membros. Estará composta por cinco persoas que non poderán formar parte de ningún outro órgano da organización. Esta comisión poderá solicitar, se é o caso, o asesoramento xurídico oportuno. As súas resolucións serán de obrigado cumprimento e acatamento polas partes afectadas, aínda que recorríbeis, en derradeira instancia, perante a seguinte Asemblea Nacional.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 139 comentarios

31 Manuel

Como era aquilo de NON LLE POÑAS CHATAS Á OBRA ...... Seguro que se deixamos de trollear (ou tolear que algúns parece que é o que fan) e pensamos que é o que é preciso mellorar, avanzamos. A min o que máis me gustan son as propostas programáticas: Unha organización defines máis polo que propón facer que polo que di ser. Por certo que CxG non propón nada. So falan dos estados "liquido" 2.0, e outras chorradas que ninguén entende porque ninguén as explica

1 Transversal

Non lle poñas Muros á obra, din os bascuistas...

30 medulio

Vexo moi raro que en ningún comentario se fale da actuación que tiveron ata irse do BNG compoñentes do NPC nas asambleas, consellos locais, eleccións, etc. cos demais compañeiros nese momento e,xa non falemos, se ocupaban posto político. O que se conta neste relatorio eu non o vin na práctica, polo tanto non me merece credibilidade algunha, agás palabras unhas detrás doutras. Por certo, xa houbo quen asinou un código ético (dirixente do NPC) antes das eleccións e agora di que os votos eran seus, que a acta é súa e os cartos son seus. Quo vadis?

1 Teresa

Quo vadis? A Ítaca?

29 wwg

TIRO EN LA NUCA DEL FASCISTA NACIONALISTA. EL PUEBLO GALLEGO ES ESPAÑOLISTA Y NO ACEPTAR ESTO ES UNA PROVOCACIÓN REACCIONARIA Y UN INSULTO AL PUEBLO. CUANDO EMPECEIS A QUEDAR MUTILADOS Y QUEMADOS VIVOS EN VUESTROS ANTROS NO VALDRÁ LLORAR, GRUPUSCULOS DE ENEMIGOS DE GALICIA.

1 balbino68

Moi bo, si señor.

28 CIENFUEGOS

Cando as cousas se fan asambleariamente pasa o que pasa textos enrewvesados repetitivos por que cada un que fala e propon pensa ca sua idea e a meior e ten que estar no ideario.Tanpouco se pode ir desde o LENINISMO a o LABORISMO INGLES OU A ESQUERDA DO PARTIDO DEMOCRATA YANKY.Mais defensa do programa a levar a cabo e menos dogmatismo alguen ten que quedar fora no se pode mexturar tanto Fager unha leutura da realidade galega e confluir cos que mais sumen dentro da filosofia precisa para levar a cabo rexeneracion da sociedade galega

27 FASDGAG

Encántame o ponto 9 dos principios políticos do NPC :'' Autodeterminación cara a independencia''