Temas: XUNTA EDUCACIóN

Os sindicatos emprenderán unha campaña unitaria de mobilizacións para reclamar a redución do horario lectivo

"Acábase de evidenciar un menosprezo ao profesorado que desde o ano 2011 padeceu importantes recortes nas súas condicións de traballo, entre outros aspectos co incremento horario

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/11/2019 | Actualizada ás 20:24

Comparte esta noticia

Educación non reverterá a redución do horario lectivo, polo menos sen financiamento estatal. A reunión entre a conselleira do ramo, Carmen Pomar, e representantes dos sindicatos finalizou sen avances respecto da postura inicial da Xunta: o Goberno central debe facilitar as condicións orzamentarias para sacar adiante esta medida. A pesar diso os representantes de profesorado decidiron recrudecer a súa acción e avanzaron que emprenderán un calendario conxunto de mobilizacións para reclamar a devolución deste dereito.

A ampliación do horario lectivo foi unha medida imposta tanto polo goberno de Alberto Núñez Feijóo como por Mariano Rajoy a través dun Real Decreto en todo o Estado e supuxo o paso de 21 a 25 horas en primaria e de 18 a 20 en secundaria. Esta acción, tivo consecuencias tanto nos persoais dos centros como no día a día da xornada dos docentes.

"A resposta ten que ser contundente", trasladou Suso Bermello (CIG-Ensino) en declaracións a Europa Press tras saír da reunión. O secretario nacional da central sindical criticou que Educación "se siga mantendo no búnker" e "totalmente pechados a calquera tipo de negociación" a menos que sexa o Goberno central quen sufrague os gastos dun posible incremento docente, o que tachou de "insulto á intelixencia".

"Acábase de evidenciar un menosprezo ao profesorado que desde o ano 2011 padeceu importantes recortes nas súas condicións de traballo, entre outros aspectos co incremento horario", sinalou para lamentar que non exista "ningunha intención de seguir os pasos" das outras sete comunidades autónomas que iniciaron o camiño para recuperar esta medida e "sen esperar a ningún tipo de fondo de Madrid".

Desde CC.OO. Ensino, Luz López considerou "unha falta de respecto" que a Xunta se manteña nesa posición, posto que foi "un dos primeiros en tomar medidas de recorte" en todo o Estado e en "facelos efectivos", mentres que no momento da recuperación Galicia vai "a remolque". "Non é xusto que os traballadores paguemos os pratos rotos e logo, cando as condicións melloran, non teñamos de volta ningunha das condicións que se nos arrebataron", resolveu.

UNHA RESPOSTA UNITARIA

Os representantes sindicais incidiron, sobre todo, na importancia de dar unha resposta unitaria, e que realizarán un chamamento ao profesorado para mobilizarse. Julio Díaz (ANPE) asegurou que están "nunha posición de forza conxunta" para tentar reverter esta situación, "xuntos ata o final", tras 10 anos "de recortes constantes".

"Non estamos a ver a axilidade doutras comunidades autónomas que están a tentar recuperar todas esas situacións, aquí non se fixo ningún movemento nos últimos anos e o peor é que aínda non hai perspectiva de movemento nin negociación". Neste sentido, Paula Carreiro (FETE-UXT) censurou a "negativa tallante" por parte da Consellería e reprochou que a reversión do horario non suporía un investimento "demasiado grande" nun momento no que a economía de Galicia está, en teoría, "saneada".

"É un dereito adquirido hai anos que se nos roubou sen pedir permiso e sen preguntar", advertiu, para insistir en que Galicia "ten capacidade para reverter este recorte". Os portavoces sindicais avanzaron, así, un calendario de protestas que anunciarán esta mesma semana no que se apelará á "unidade" para tentar recuperar este dereito.

MOMENTO DE INCERTEZA

Poucos minutos despois de finalizar o encontro, a Consellería remitiu un comunicado aos medios de comunicación no que defende a súa negativa a reverter este recorte na necesidade de "un compromiso orzamentario" do Goberno central que permita sacalo adiante "con garantías".

Segundo a Xunta, Pomar trasladou esta mensaxe aos representantes sindicais argumentando que sería "unha irresponsabilidade" no actual contexto "de incerteza política e económica" e insistiu en que "a mesma lei que recomenda a redución do horario lectivo apunta a que o Estado facilitará as condicións orzamentarias para que leve a cabo polas comunidades autónomas".

De feito, Educación arremeteu contra a "falta de capacidade negociadora do PSOE", a quen culparon da paralización do proceso para chegar a un Pacto Educativo, que na súa opinión debería ser o contexto no que se debería abordar "cuestións como a do horario lectivo do profesorado".

Reunión entre as OOSS e Educación sobre o horario lectivo. XUNTA
Reunión entre as OOSS e Educación sobre o horario lectivo. XUNTA | Fonte: Europa Press

Temas: XUNTA EDUCACIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta