Vox rexeita participar no debate electoral da CRTVG por "motivos de axenda"

O ente público convidou o partido de ultradereita pola súa consideración de grupo político signficativo concedido pola Xunta Electoral.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/11/2019 | Actualizada ás 15:41

Comparte esta noticia

Vox aduciu "motivos de axenda" para non acudir ao debate electoral que organiza este venres a Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG), no que estarán representados o resto de formacións consideradas como grupo político significativo pola Xunta Electoral.

A candidata ultradereitista de Vox ao Congreso por Ourense, Begoña Conde, tía de Santiago Abascal
A candidata ultradereitista de Vox ao Congreso por Ourense, Begoña Conde, tía de Santiago Abascal | Fonte: Europa Press

Segundo fontes da CRTVG, a dirección do ente público convidou o partido que lidera Santiago Abascal a sentar no debate, pero a formación declinou a oferta aducindo "motivos de axenda".

Este extremo foi confirmado por fontes de Vox, cuxos actos principais da campaña para o 10 de novembro en Galicia coincidiron coas visitas dos seus referentes estatais Santiago Abascal (en Vigo o pasado 25 de outubro) e Javier Ortega-Smith (o 16 de outubro na Coruña e o pasado luns en Ourense).

O debate terá lugar este venres a partir das 10,00 horas e emitirase simultaneamente pola canle principal da TVG e a Radio Galega, así como pola páxina web do ente público. A segunda canle da TVG recuperará a confrontación de candidatos a partir das 22,45 horas.

Nel estarán representados o resto de formacións consideradas 'grupo político significativo' en Galicia por parte da xunta electoral, que concedeu a Vox esta etiqueta —que leva a cobertura informativa nos medios públicos dos actos de campaña— tras unha reclamación efectuada a pasada semana despois de que, en primeira instancia, non lles fose outorgada.

O debate estará moderado polo presentador Francisco L. Iglesias e na mesa sentarán Pablo Arangüena (PSdeG), Marta González (PP), Yolanda Díaz (En Común-Unidas Podemos), Beatriz Pino (Ciudadanos) e Néstor Rego (BNG).

Precisamente a formación frontista iniciara unha campaña este xoves a través en 'Change.org' para reclamar que Vox non participase no debate electoral da TVG e para protestar pola consideración de grupo político significativo a unha formación que "carece de representación" en Galicia, onde non obtivo deputados nas pasadas xerais nin concelleiras nas municipais de maio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Gamela

Moi curioso... enchen o auditorio en Vigo... pero non queren dar a cara na TVG (ás 10 da mañá) ? Raro, moi raro... (?) A única expliación lóxica é que non teñen a ninguén en Galicia para falar diante dunha cámara de televisión (?) Lembrades á lamentable candidata de C´s que xa ninguén lembra ???

2 NgUR

Hacen muy bien. El voto a Vox es urbano. En las aldeas es voto cautivo al PP. En las ciudades no se ve la telegaita, así que sería una forma de perder el tiempo.

1 anonimo

Nin teñen a ninguen con capacidade de convencer nin queren tocar ao pp. Ao final Frijool acaba demonizando ao nacionalismo periferico ensinando ao pp como adalid do nacionalismo español, lanzando a certa franxa do seu electorado para que non vote a vox. Con todo, ben polo BNG