Por Galicia Confidencial | Compostela | 08/11/2019 | Actualizada ás 12:06
A formación independentista Agora Galiza-Unidade Popular pide a abstención nas eleccións do 10N ao entender que os partidos que se presentan a estes comicios, incluído o nacionalismo galego, son “simples comparsinhas e satélites dos muros de contençom da enxurrada popular”.
“Apelar a votar á socialdemocracia autonomista –di do BNG—ou emprestar o voto o tándem do telepricador madrileño e o eurocomunismo que pactou o postfranquismo –en alusión a Unidas Podemos-- , só reforça o ilusionismo eleitoral e arquitetura jurídico-política da terceira restauraçom bourbónica", apunta.
Nun comunicado, esta formación suliña que “só com sólidos principios ideológicos, coerente linha política, ambiciosa e audaz açom teórico-prática, será viável vertebrar o espaço sociopolítico anticapitalista e independentista galego”. Neste sentido, Agora Galiza-Unidade Popular reafirmase na “independência de clase” e no “combatimento a colaboraçom de clases” como os eixos medulares para “reconstruír a esquerda revolucionária socialista/comunista na Galiza do século XXI”.
Ademais, do independentismo, outras organizacións nacionalistas como Anova e tamén En Marea rexeitaron participar nestes comicios e non apoian a ningunha das formacións galegas que se presentan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.