O salario medio en Galicia rexistra a súa primeira caída en cinco anos

Baixa no país un 1,9%, ata 1.834,5 euros, fronte ao aumento estatal do 2,9%, que o sitúa en 1.944,4 euros, case 110 euros máis.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/11/2019 | Actualizada ás 12:47

Comparte esta noticia

O salario medio mensual, en termos brutos, alcanzou os 1.834,5 euros en 2018 en Galicia, o que supón unha baixada de case un 2% en relación con 2017, a súa primeira caída en cinco anos (de 2012 a 2013 foi a última diminución) e en contraste co maior alza rexistrada pola media en 10 anos. No conxunto estatal, o salario medio mensual, en termos brutos, situouse en 1.944,4 euros en 2018, o que supón un 2,9% máis que en 2017, segundo o decil de salarios que elabora o Instituto Nacional de Estatística (INE) a partir dos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA). Para o conxunto do país, é o segundo ano consecutivo no que se incrementa o salario medio despois de que en 2016 baixase por primeira vez en dez anos.

Desta forma, o salario medio galego é o sétimo pola cola por comunidades, por baixo da media (en 1.944,4 euros). Os 1.834,5 euros que de media, en termos brutos, cobraban os galegos en 2018 sitúanse por encima dos que percibían estremeños (1.612,3 euros), canarios (1.679,3 euros), andaluces (1.749 euros), murcianos (1.761,8 euros), castelán leoneses (1.776,6 euros) e valencianos (1.784,8 euros).

DATOS ESTATAIS

Segundo os datos do INE, o 30% dos asalariados (4,8 millóns) gañaron menos de 1.260,9 euros brutos ao mes en 2018, mentres que o 40% (6,4 millóns) obtivo remuneracións de entre 1.260,9 e 2.187,2 euros brutos mensuais e o 30% restante (4,8 millóns de asalariados) cobrou un soldo superior a 2.187,2 euros ao mes. Dacordo con esta estatística, un total de 3,2 millóns de asalariados (o 20%) gañaron menos de 1.046,9 euros brutos ao mes durante o ano 2018. Deles, ao redor de 1,62 millóns de traballadores gañaron menos de 748,7 euros mensuais.

Por sexos, máis dun 15% das mulleres gañaron menos de 748,7 euros brutos mensuais o ano pasado e o 13,5% percibiu un soldo bruto de entre 748,7 e 1.046,9 euros ao mes. Nos homes, estas porcentaxes descenden ata o 4,8% e o 6,7%, respectivamente.

Evolución do salario medio mensual en España (INE). EPDATA
Evolución do salario medio mensual en España (INE). EPDATA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta