As galegas na Habana: diana da prostitución, estrelas do deporte e rompedoras de patróns

Marcharon buscando cumprir o soño americano e atopáronse cunha realidade ben diferente. Fronte á dureza da vida, as mulleres que emigraron dende Galicia á illa decidiron unirse en importantes institucións, e xuntas, conseguiron ser líderes en espazos nada tradicionais para elas.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/11/2019 | Actualizada ás 14:08

Comparte esta noticia

A cidade da Habana adquire unha gran relevancia ao repasarmos a historia de Galicia. Nas últimas décadas do século XIX e nas primeiras do XX converteuse na segunda cidade do mundo con máis persoas galegas habitando alí, só superada por Bos Aires. Máis dun millón de españois cruzaron o atlántico naquelas décadas, e deles, o 40% dos emigrantes eran orixinarios de Galicia. Neses anos contribuíron activamente na economía cubana: supoñían o 90% dos mariñeiros, o 79% dos vendedores e comerciantes, o 54% dos panadeiros ou o 43% dos pescadores.

Mulleres partindo dende A Coruña ao soño americano coas súas pertenzas
Mulleres partindo dende A Coruña ao soño americano coas súas pertenzas | Fonte: Galegas en Cuba

A presenza galega foi cada vez máis numerosa e hoxe en día, as historias entre un e outro lugar séguense entrecruzando no océano. Alá quedan familias de emigrantes, costumes, nomes de negocios que fan alusión a parroquias galegas... Todo un legado cultural que aqueles homes e mulleres emigrantes espallaron pola illa de Cuba. Cando cruzaron o Atlántico, buscaban materializar aquel soño americano, mais por diante esperáballes unha vida precaria, sobre todo ás mulleres: a pobreza e a prostitución recaeu sobre moitas delas. Con todo, con Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán e Rosalía de Castro como luceiros guiadores, as mulleres da emigración desenvolveron un asociacionismo exemplar, convertéronse mesmo en estrelas do deporte e racharon con moitos estereotipos nunha época en que nada lles era favorable.

No marco do Congreso 'A Habana Galega: historia e memorias cruzadas' organizado polo Consello da Cultura Galega, o historiador cubano Julio César González Pagés achegou anacos da historia desas mulleres que cruzaron o mar e que nunca regresaron a Galicia. Agora, as súas memorias volven a nós en forma de relatos.

O COMÚN: HISTORIAS NON GLORIOSAS

Durante a década do dez e do vinte produciuse unha explosión da emigración de Galicia a Cuba. Fronte a esa oleada de mulleres viaxando á illa, xurdiu unha alerta ao redor de porqué "emigraban soas". "Unha gran parte foron procesadas xudicialmente", conta González Pagués. Nun contexto de vulnerabilidade, elas eran a diana do mercado da pornografía, da trata de mulleres, da prostitución, da delincuencia. "Moitas mozas eran violadas xusto ao chegar, na primeira noite de entrar na Habana. Sinto a necesidade de visibilizalas, porque son as grandes vítimas dos conflitos", relata.

Mulleres emigrantes galegas na Institución Hijas de Galicia
Mulleres emigrantes galegas na Institución Hijas de Galicia

A historia destas mulleres que caían nas mans dun "gancho" que as levaba ao famoso barrio de Colón, dedicado á prostitución, aínda hoxe en día pouco se coñece. "A súa historia non existe, non é gloriosa". E contra o esquecemento, González Pagés rescata da memoria que moitas emigrantes galegas formaron parte de redes de trata de mulleres, "que xa daquela existían, aínda que non se lles puxese ese nome", e que tamén foron actrices protagonistas do incipiente mercado da pornografía en Cuba. 

A meirande crubazan de Galicia ata a illa asolagadas na pobreza e eran encaixadas en perfís discriminatorios. "Considerábase un dos grupos máis delitivos ao das galegas, xunto ao das mulleres negras. Un antropólogo catalán tratou de demostralo mediante características biolóxicas. A ciencia naquela época empeza a avanzar, pero tamén a clasificar e a discriminar", relata o historiador. A moitas destas mulleres galegas mesmo se lles negaba o Sistema de Saúde da illa.

Co gallo de darlles amparo, xurdiu nun principio unha asociación cativa pero funcional: 'Solidariedad Pontevedresa', o xermolo da posterior Hijas de Galicia (1917). Esta agrupación asumiu o "reto" de traballar pola dignificación das vidas destas mulleres. Foi a antesala da que logo será a maior organización feminina a prol dos dereitos e da igualdade.

TITINA, A PRIMEIRA MULLER QUE MONTOU EN BICI

Os comezos en Cuba para as máis de 60.000 mulleres galegas que decidiron dicir adeus á súa terra non foron fáciles. Dentro do Centro Galego da Habana debateuse moito sobre o papel que o xénero feminino debía adquirir. "Había manuais que indicaban os espazos educativos, culturais e sexuais das mulleres. Neste contexto, elas comezan a buscar o seu lugar dentro do centro galego", relata o historiador. 

Buscárono e atopárono. Foron rompedoras. Antonia Martínez, máis coñecida como Titina, é un caso paradigmático deste empoderamento feminino: ela foi a primeira muller que montou nunha bicicleta en Cuba, e como non, era galega. As rúas da Habana, alá polo ano 1894, abríanlle paso ante a sorpresa daquel feito. Axiña recaeu sobre dela o estigma da ousadía, causou estupor na sociedade conservadora e machista do momento, e mesmo compuxeron unha canción, aínda moi coñecida hoxe en día, para desprestixiala. Nela dicíase que as mulleres ocasionaban moitos accidentes ao montar neste vehículo porque o manexaban moi rápido. Debían supoñer todo un perigo social!

Cando Antonia Martínez deu os seus primeiros pedaleos naquela bicicleta, quizais non era consciente, pero estaba emprendendo un camiño importantísimo, o da igualdade. Despois dela, outras moitas mulleres comezaron a moverse pola cidade do mesmo xeito. Tal foi o balbordo que aquilo causou, que mesmo o xornal da época - o diario El Fígaro - publicou un editorial - 'Las cubanas a pie' - para regular como e onde debían montar en bicicleta as mulleres. "Hai unha rúa que se chama Damas e alí era por onde se supoñía que tiñan o permiso", relata González Pagés. "Claro, montar en bicicleta si, pero con coidado!", conta sarcástico. O próximo 12 de novembro cúmprese o 125 aniversario da súa "ousadía". 

ESTRELAS DO DEPORTE

"As emigrantes galegas foron líderes en espazos non tradicionais para as mulleres", sentenza o historiador. Todo comezou ao redor da institución Hijas de Galicia, un espazo que axudou a organizar, asociar e visibilizar as mulleres galegas en Cuba, que foron tratadas como persoas de "terceira categoría". Hijas de Galicia emerxía, nun contexto difícil, como un lugar seguro para elas. No sanatorio que xestionaban, que levaba por nome 'Concepción Arenal' e que segue existindo hoxe en día, trataban os problemas de saúde dos galegos. Do que máis padecían era de enfermidades respiratorias, de maneira que este sanatorio se converteu nun especialista nos remedios máis ecolóxicos para a saúde dos pulmóns. 

Entre eles, estaba o deporte: o baloncesto, o vóleibol, o squash, o kayak... As mulleres galegas comezaron a practicar todo tipo de actividades e convertéronse en deportistas moi famosas en Cuba. Chegaronn a ser campioas nacionais de vóleibol e de kayak. A metade do equipo nacional de Baloncesto tamén era de orixe galega. Na década dos sesenta xogaron nos escenarios máis grandes do país. Foi este o comezo de toda unha nova xeración do deporte en Cuba. "E todas están invisibilizadas", incide o historiador. "Son mulleres que atravesaron a nosa cultura do deporte, que hoxe en día é basto e moi coñecido. As pioneiras foron elas".

"É importante saber onde están as mulleres. Cando empecei as investigacións, o maior reto para min era comprender que facían e como o facían", relata. Así é como se atopou con que moitas delas triunfaban no deporte.

UNHA PRENSA PROPIA

A prensa tampouco se lle resistiu ás galegas. Houbo unha abundante e sostida produción xornalística ao longo de todo o século XX: as emigrantes sacaron adiante ao redor de 71 publicacións, e de todas elas, tres desenvolvéronse dentro de Hijas de Galicia - Fragancias, El Faro Gallego e CENIT -. Aínda que había intencións de cortas as ás a este tipo de prensa, déronse erixido como publicacións onde as mulleres relataban a súa vida cotiá: consellos, receitas de cociña, necesidades e coidados... "Estas revistas falaban de como cociñar a precariedade da comida que tiñamos nas nosas casas. Falaban de cuestións igual de importantes que a vida política. Vivimos na casa antes ca nos Parlamentos", reivindica González Pagés. Naquelas páxinas das revistas estaban moitas claves para entendérmonos hoxe: "Explicaban como se vestían, como coidaban a saúde... É importante saber como eramos para comprender como somos agora".

Ademais, se ben a historia sempre asocia as mulleres ao ámbito doméstico, González Pagés asegura que as actividades ás que se dedicaban eran do máis variado: "había unha cantidade igual ou maior de mulleres na industria do tabaco ca no traballo doméstico". Este estereotipo, xunto co tópico relacionado coa "torpeza das galegas na Habana", foi unha sombra permanente sobre as mulleres ao longo de toda a etapa de acollida na illa. 

O tempo e o espazo sepárannos destas historias, pero aí están, nos recordos de todas as que as viviron e as contaron. Cruzaron o océano sen esquecer o que deixaban atrás e buscando cumprir aquel soño americano que tanto lles prometeran. Atoparon un mundo ben diferente, pero desenvolveron toda unha rede asociativa e cultural que hoxe en día pervive en moitos costumes. Son, sen dúbida, mulleres para a historia. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

3 Censuranon

O que chama a atención é como os galegos son e foron sempre incomprendidos en todo o mundo hispano, desde Madrid a Buenos Aires, pasando pola Habana. Un auténtico choque cultural.

2 Cabo Prior

Mulleres galegas invisibilizadas na Galiza e recoñecidas na Cuba socialista. Do mesmo xeito que mulleres e homes galegos que foron escravizados na illa polas élites das monarquías hispanas e que foron liberadas pola revolución que levou á independencia do imperio criminal. Agora vai un dos descendentes, o continuador do rexime español a poñer frores ao heroi daquela revolución, a Martí... Namentres dá aulas de democracia na Habana médranlle os presos políticos e exiliados na sua monarquía cleptómana e corrupta. Cousas veredes

1 Galeguiña

Vivir da exclavitude non foi exclusivo das élites da Monarquía Hispana. Moitos emigrantes galegos tamén foron aló a vivir do traballo dos esclavos negros. Ou é que os galegos eran os únicos que non tiveron esclavo ao seu servizo? O da liberación dos galegos por parte da Cuba socialista.... qué queres qué che diga? A moitos deles expropiáronlle empresas e negocios e foron empurrados ao exilio ou a mais espantosa ruina. Ao mellor, se preguntas, aínda podes coñecer algún deses que voltou a España sen nada porque a Cuba socialista lle lo roubou.

1 Vulpesa

Fake news. Pero se na crtvg din todos os días que a "galeguidade" (qué e eso de "emigración"?) foi un éxito!!! Galegos? Pero se eran todos españoles!!! Lla vos está el feminirmo a comer las cacholiñas con su matraca supremacista gayega! Botai VOX i dejharbos de tanta "Galiza" desa, rogos!

1 El Ciz

Disculpa que te corrixa pero e supermacista. Como me doen as gonadas ao cruzar as pernas.