Piden tres anos de prisión ao exsecretario da CIG en Ferrol por altercados nun mitin do PP en 2012

A CIG denunciou o "ataque descarado e descarnado ao sindicalismo" que supón este xuízo a López Pintos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/11/2019 | Actualizada ás 17:39

Comparte esta noticia

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña xulga entre este martes e xoves a Xesús Anxo López Pintos, exsecretario da CIG en Ferrol, por uns altercados nun acto do PP durante a campaña das autonómicas de 2012, polos cales fiscalía pide para el dous anos e nove de prisión.

Segundo o escrito de acusación, ante o Hotel Almirante, en Ferrol, realizouse unha protesta con petardos, lanzamento de ovos e berros con motivo dun acto do PP. Algúns dos populares tiveron que saír escoltados do edificio sobre as 00,15 horas.

Entón, a Policía Nacional procedeu ao desaloxo da vía pública, "momento no cal algúns dos asistentes enfrontáronse aos axentes".  Entre eles, supostamente, o acusado "abalanzouse" sobre un axente da Policía Nacional, "suxeitándoo cunha man pola camisa á altura do peito", mentres que "coa outra lle golpeou o casco e tentoullo sacar". Por iso, está acusado de atentado, lesións e coaccións. Tamén se pide unha indemnización de 840 euros para o axente.

O pasado mes de outubro o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, ofreceu unha rolda de prensa na que denunciou o "ataque descarado e descarnado ao sindicalismo" que supón este xuízo a López Pintos, co fin de "criminalizar e reprimir a resposta social".

Pintos, xubilado e sen cargos actualmente no sindicato, ten unha condena anterior firme de nove meses de cárcere por uns altercados nun conflito entre mariscadores en Mugardos (A Coruña), polo que, de ser condenado ás penas solicitadas, tería que ingresar nun centro penal.

Rolda de prensa da CIG sobre o  xuízo ao que se ten que enfrontar o seu exsecretario xeral en Ferrol, Xesús Anxo López Pintos
Rolda de prensa da CIG sobre o xuízo ao que se ten que enfrontar o seu exsecretario xeral en Ferrol, Xesús Anxo López Pintos

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta