A lei de impulso demográfico incorpora un 80% das 336 alegacións de axentes sociais, partidos e particulares

O texto, en trámite no seo do CES, incorpora catro novos artigos, modifica 29 e suma unha disposición.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/11/2019 | Actualizada ás 14:54

Comparte esta noticia

A lei de impulso demográfico de Galicia incorporou un 80% das 336 alegacións que realizaron axentes sociais, grupos políticos, sindicatos e particulares. Así o destacou a conselleira de Política Social, Fabiola García, antes de presidir o pleno do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, no seo do Consello Económico e Social (CES).

En declaracións aos xornalistas, a conselleira reivindicou a "mellora" dunha norma que resulta "enriquecida grazas ás achegas e a participación de toda a sociedade civil".

En total, explicou que se recibiron unhas 336 achegas, elaboradas e realizadas polas distintas entidades sociais, polos grupos políticos, polos sindicatos "e tamén por moitos particulares". Un total do 80% de todas estas alegacións incorporáronse e valoráronse no articulado desta lei, "o que permitiu incorporar catro novos artigos, unha disposición e tamén modificar 29 artigos e catro disposicións".

Por iso, trasladou o seu agradecemento "a todas as entidades, como a Asociación Galega de Familias Numerosas, Cogami, Rede Galega Contra a Pobreza, a CEG e por suposto aos partidos, que poden ver xa hoxe a súa pegada nesta lei".

PRINCIPIOS DE 2020

García destacou que esta é "unha lei galega de impulso demográfico necesaria para Galicia, para facer fronte ao reto demográfico, que ten vocación de permanencia e de consenso", por iso é polo que a Xunta "conte con todos".

Agora, segundo apuntou, "toca continuar a tramitación desta lei, nestes momentos no seo do CES, despois remitirase ao Consello da Xunta para a súa aprobación e remisión ao Parlamento de Galicia".

En calquera caso, avisou de que "paralelamente ao trámite parlamentario, a Xunta de Galicia xa empezará a implementar algunha das medidas previstas nesta lei, que ten un investimento anual media de 700 millóns de euros, tendo en conta unhas medidas pioneiras como a gratuidade da educación infantil de 0 a 3 anos para segundos fillos e sucesivos".

A conselleira preside o Observatorio Galego de Dinamización Demográfica
A conselleira preside o Observatorio Galego de Dinamización Demográfica | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta