A nai de Diana Quer tenta encararse co Chicle e denuncia "falta de información"

A fiscalía describe o crime da rapaza como "un escenario propio dunha película de terror" e asegura que é un feito "irrefutable" que se trata dun "crime sexual". O pai de Diana Quer pon o foco nos "efectos demoledores" dos feitos en Valeria, a irmá.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/11/2019 | Actualizada ás 10:22

Comparte esta noticia

Visiblemente afectada, entre bágoas, a nai de Diana Quer, Diana López-Pinel, lembrou este martes á súa filla e o día da súa desaparición, no que se alarmou ao non atopala na súa casa pola mañá. "Ao oito e media eu xa sabía que algo malo pasara", destacou.

A comparecencia de Diana López-Pinel como testemuña estivo marcada pola tensión. Xa de inicio, co seu exmarido, co que non quixo coincidir nos corredores do edificio xudicial, polo que abandonou o recinto durante un par de horas.

Unha vez na sala, como xa fixo fóra ante os medios de comunicación, quixo deixar constancia de que chega ao xuízo polo asasinato da súa filla "en branco", dado que o letrado da acusación, que representa tamén a Juan Carlos Quer, "non entregou ningunha documentación". O presidente do Tribunal, Ángel Pantín, interrompeu a reclamación da testemuña, alegando que os problemas privados co seu avogado non eran pertinentes.

Durante a súa declaración, Diana López-Pinel mirou en varias ocasións ao Chicle, que seguiu a intervención coa cabeza baixa e inexpresivo, e chegou a interpelalo á hora de indicar que a súa filla era "moi fráxil". "Iso saberao o asasino, verdade, chiquilín?", soltou. Finalmente, tras a finalización da sesión, e cando abandonaba a sala, tratou de achegarse ao autor confeso da morte da súa filla, unha interacción que impediron varias persoas presentes.

O pai de Diana Quer, Juan Carlos Quer.. César Arxina - Europa Press - Arquivo
O pai de Diana Quer, Juan Carlos Quer.. César Arxina - Europa Press - Arquivo

DECLARACIÓNS DO 'CHICLE'

José Enrique Abuín asegurou que Diana Quer o sorprendeu na Pobra mentres roubaba gasóleo dun camión e que a "confundiu" cunha feirante, polo que tivo "medo" de que a "delatase", pero que o homicidio foi accidental: "A miña intención non era matala".

Ante o xurado popular na primeira sesión do xuízo polo asasinato da moza madrileña, 'O Chicle' asegurou que esa noite saíu roubar gasóleo e que se atopou coa moza, que regresaba a casa tras asistir ás festas da localidade, cando portaba dúas garrafas.

Xa que tiña antecedentes por narcotráfico e estaba pendente de entrar en prisión se volvía delinquir, Enrique Abuín afirmou que tivo "medo" a que a moza a "delatase" e "ter problemas cos xitanos", xa que a confundiu cun dos "feirantes". Por iso, botoulle "a man dereita ao pescozo" e colleuna por detrás coa esquerda, sen "darse conta da presión que facía". "Cando me dei conta, non se movía, golpeeina na cara dúas veces, pero non se movía. A miña intención non era matala", engadiu.

En todo caso, negou que metese a Diana pola forza, aínda viva, no seu coche, que lle quitase o móbil ou que tivese outra intención que o roubo, admitindo que, en todo caso, non avisou á Policía ao ver que non se movía. "Sei que o fixen mal, pero fíxeno así", engadiu.

Afirmou que a súa idea inicial era desfacerse do corpo da moza tirándoo "na ría", pero que decidiu non facelo porque "había xente no peirao". "Arroxei primeiro o móbil, e logo vin a xente", dixo, tras o que sostivo que decidiu dirixirse entón a unha nave abandonada de Rianxo que coñecía con anterioridade para desfacerse alí do corpo. "Seguín co corpo no coche e déulleme por aí, acordeime da nave e leveina", dixo O Chicle.

Unha vez neste lugar, sacou o corpo "do asento traseiro" do coche e quitoulle a roupa, fóra da interior, por se puidese haber "algún resto do coche", dixo Enrique Abuín, que negou que violase ou matase alí á vítima.

Na nave abandonada, narrou, suxeitou o cadáver de Diana Quer polas axilas, sentouna no pozo e introduciuna nel. Ao decatarse de que flotaba, decidiu "coller dous bloques da nave" e "un cable" eléctrico e tratou de lastralo, aínda que "o corpo quedou flotando igual". A preguntas da fiscal, negou que volvese posteriormente a lastrar mellor o cadáver.

Por outra banda, Enrique Abuín asegurou que foi el o que pediu á súa muller que lle dese unha coartada para esa noite e que "dixese que ela estaba" con el. "Ela sabía que saíra por gasóleo e díxenlle que, como estaban moi encima e preguntando seguido, que dixese que ela estaba comigo", narrou.

PAI DE DIANA QUER

O pai de Diana Quer, Juan Carlos Quer, chegou á primeira hora da mañá deste martes aos xulgados de Fontiñas, en Santiago. Fíxoo só, visiblemente afectado e disposto a reivindicar o "legado de Diana", lembrando que "hoxe senta no banco o mal".

"É un día moi triste, moi triste", dixo, ante a multitude de medios de comunicación congregada ante os xulgados de Santiago, onde lembrou que "ningunha condena vai devolver a vida" á súa filla. "Nós si estamos xa condenados a unha cadea perpetua", sentenciou.

Durante a súa declaración no xuízo  asegurou que o Chicle "deixou catro vítimas, non unha". Con voz serena, o pai de Diana Quer narrou como se decatou da desaparición da súa filla en agosto de 2016, algo que lle fixo preocuparse "de inmediato", xa que "non había un precedente neste sentido".

Sobre a vítima, describiuna como unha muller "moi delgada" e "absolutamente vulnerable", que arrastraba un atraso psicomotriz" por mor do seu nacemento prematuro. "Non facía deporte, non era unha persoa atlética, era absolutamente vulnerable, coma se a miña filla fose un cervato indefenso fronte a este individuo", describiu. Aínda que Diana era "obediente", Juan Carlos Quer admitiu que era "moi inxenua" e non percibía "o risco".

Sobre os efectos deste crime, Juan Carlos Quer incidiu no "efecto demoledor" do "impacto da desaparición durante 500 días dun ser querido". "Deixas de traballar, deixas de vivir, vexetas, asáltanche todos os temores", dixo o pai de Diana, que chamou a atención especialmente sobre a situación da súa outra filla, Valeria, que tiña 16 anos cando desapareceu a súa irmá.

"Os efectos nela foron demoledores, devastadores", explicou Juan Carlos Quer, que puxo á súa filla en atención psicolóxica tras os feitos. "Nunha ocasión, a dor emocional era tan brutal, que nunha ocasión colleu un chisqueiro e fíxose 15 queimaduras no brazo", narrou. Ademais, o pai de Diana explicou que a súa irmá tivo que estar ingresada por esta cuestión. "A miña filla morreu da peor maneira que se pode imaxinar e nós vivimos en vida a maior dor que se pode imaxinar", sentenciou.

FISCALÍA

O Ministerio Fiscal describiu o crime de Diana Quer como "un escenario propio dunha película de terror". Tras a lectura dos escritos de acusación e defensa, a fiscal defendeu ante o xurado popular e ante o acusado, que permaneceu serio e coa mirada baixa, as probas que, segundo o seu criterio, determinan que Enrique Abuín cometeu os delitos de asasinato, agresión sexual e detención ilegal.

Para a representante do Ministerio Público, 'O Chicle' desenvolveu con Diana un "modus operandi" para "violala, asasinala e esconder o seu cadáver, tirándoo a un pozo", encerrándoa previamente no maleteiro do seu vehículo "durante polo menos 25 minutos" e privándoa do seu teléfono móbil, que arroxou ao mar por unha ponte.

Entre as probas que destacou Fiscalía está a gravación do coche de Enrique Abuín "saíndo a toda velocidade" de Rianxo ou a localización do móbil do acusado "no mesmo lugar e o mesmo tempo" que o de Diana. Ao mesmo tempo, avalou a existencia dunha agresión sexual indicando que o corpo de Diana Quer apareceu dentro do pozo espido, boca abaixo e "lastrado" con bloques de cemento, vítima de "un estrangulamento con rotura do óso ioides", compatible "co uso dunha brida".

Nesta mesma liña profundou a acusación particular, que afirmou que é un feito "irrefutable" que se trata dun "crime sexual". "A realidade é moi teimuda, e non encaixa", dixo o letrado dos pais de Diana Quer, Ricardo Pérez Lama. "Para que detén a Diana se non é para atentar contra a súa liberdade sexual?", engadiu.

AVOGADA DO CHICLE

A avogada de José Enrique Abuín, Fernanda Álvarez, comezou a súa intervención en cuestións previas no xuízo polo asasinato de Diana Quer asegurando que se trata do caso "máis difícil" da súa "carreira profesional", xa que debe enfrontarse a "unha condena social" contra 'O Chicle' que derivou nun "linchamento".

"Sementouse unha percepción social de que O Chicle é un depredador sexual", dixo a letrada, que advertiu de que os xurados "non veñen de Plutón" e, por tanto, "a defensa vaise a desenvolver nunha atmosfera hostil".

A letrada admitiu, no entanto, que Enrique Abuín "non é inocente", xa que foi o responsable da morte da moza madrileña, aínda que o atribuíu, como defende o seu escrito, a un feito accidental cando a novo o "viu roubar" gasoil. "O Chicle non asexou a Diana Quer, non meteu viva no seu vehículo a Diana Quer, non asasinou a Diana Quer na nave de Asados... e proba diso é que non hai probas obxectivas diso", sentenciou.

Tamén negou a letrada que Diana Quer fose vítima dunha violación, algo para o que "non se atopou ningunha proba" a pesar de que "o corpo se conservou bastante ben" e non evidenciaba "nin rasguños, nin hematomas, nin rachos". "E non se pode violar telepáticamente", subliñou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta