Interceptados 200 quilos de cocaína ocultos nun colector no Porto de Marín

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/11/2019 | Actualizada ás 11:52

Comparte esta noticia

Axentes da Garda Civil, en coordinación co Servizo de Vixilancia Aduaneira, localizaron na madrugada deste martes, no transcurso dun control rutineiro, un alixo duns 200 quilos de cocaína oculto nun colector no Porto de Marín.

A droga atopábase no interior de dúas bolsas dentro do colector procedente de Colombia que transportaba material de construción. Fontes da investigación sinalaron que os narcotraficantes utilizaron o método do "gancho cego", aproveitando o transporte de mercadoría legal para romper o precinto e introducir a droga sen que tivesen coñecemento os responsables do envío.

A Garda Civil trata de identificar as persoas encargadas de retirar a droga do colector que terían que repor os precintos novos. O colector chegou ao porto marinense o pasado domingo.

A Policía Nacional realiza unha inspección de drogas nun cruceiro atracado na Coruña. POLICÍA NACIONAL
A Policía Nacional realiza unha inspección de drogas nun cruceiro atracado na Coruña. POLICÍA NACIONAL

OPERACIÓN

A operación posta en marcha permanece aberta e os investigadores tratan de pescudar a orixe da droga. Diso informou o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, quen explicou que a Garda Civil leva esta operación e cifrou en "uns 170 quilos" a mercadoría achada.

Segundo precisou, a droga estaba no interior dun barco que "fixera varios transbordos". "Empezou en Chile pero pasou varios portos, en Panamá, en Hamburgo e, o último, en Alxeciras", indicou. "Estamos agora na fase de desenvolvemento para ir establecendo cal foi a orixe e ver tamén o final da operación, que está aberta", apuntou Javier Losada.

O delegado do Goberno felicitou ás forzas e corpos de seguridade do Estado por esta aprehensión e destacou a "importancia" de levar "cun sixilo importante" este tipo de operacións que "teñen moitas ramificacións".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta