Científicos galegos avisan: as actividades de bricolaxe poden aumentar o risco de cancro de pulmón

Un equipo de 18 investigadores presenta o maior estudo feito en Galicia sobre a relación entre este tipo de actividades e a enfermidade. Alertan dos perigos para os afeccionados que se expoñen de forma continuada e a longo prazo a “certos carcinóxenos comunmente utilizados” en bricolaxe, “como po de madeira, pinturas, pegamentos, disolventes orgánicos ou lacas”.

Por Alberto Quian | Madrid | 13/11/2019 | Actualizada ás 21:51

Comparte esta noticia

Quen non fixo alguna vez de carpinteiro, pintor, albanel, fontaneiro ou electricista, sen ser especialista, para amañar algo no seu fogar? A bricolaxe é unha actividade á alza, cada vez máis grazas a milleiros de recursos en Internet (vídeos, blogs, sitios web…) nos que se anima a afeccionados a realizar tarefas caseiras no canto de recorrer a profesionais. Unha alternativa que pode aforrar custos económicos, pero que pode saír moi cara para a saúde.

Bricolaxe
Bricolaxe | Fonte: Pixabay.

Un estudo realizado por investigadores galegos alerta dos perigos de realizar estas actividades manuais cando quen as fai non coñece os riscos aos que se expón: inhalación de substancias canceríxenas e risco de padecer cancro de pulmón.

Cando manexamos vernices, disolventes, pinturas, pegamentos, ou estamos expostos ao po da madeira, como afeccionados poida que non saibamos que estamos traballando con substancias que poden incrementar o risco de desenvolver esta enfermidade. Datos científicos avalan isto.

Os autores do estudo afirman que “os carcinóxenos utilizados en actividades de bricolaxe poden aumentar o risco de cancro de pulmón”, unha asociación que se dá “tanto nas persoas que fuman como nas que nunca fumaron”.

Os científicos combinaron os datos obtidos en diversos estudos previos no noroeste de España sobre radón residencial e cancro de pulmón, na súa gran maioría de pacientes residentes de Galicia, aplicando un estudo de casos e controis, isto é, un estudo epidemiolóxico, observacional, analítico, no cal os suxeitos se seleccionan en función de que teñan (casos) ou non (control) a enfermidade (unha vez seleccionados os individuos en cada grupo, investígase se estiveron expostos ou non a unha característica de interese e compárase a proporción de expostos no grupo de casos fronte á do grupo de controis).

En total, incluíronse 2.985 participantes (1.528 casos e 1.457 controis), é dicir, a maior mostra analizada até o de agora nos estudos realizados na poboación do noroeste peninsular sobre a relación entre bricolaxe e cancro de pulmón. Entre todos eles, 510 casos e 794 controis nunca foron fumadores.

Que novidade achega este estudo respecto a outros anteriores? “O maior tamaño da mostraxe, a posibilidade de preguntar polo tempo de realización destas actividades e computar algunhas exposicións específicas (pintura, vernizado)”, explica a este xornal Alberto Ruano, profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública na Universidade de Santiago.

O que atoparon é que a práctica de actividades de risco relacionadas coa bricolaxe foi máis frecuente entre os casos de cancro analizados: o 16 % estivo exposto a substancias canceríxenas practicando bricolaxe, fronte o 11,8 % para os controis. Estes diminuíron a 9,70 % e 5,80 %, respectivamente, cando só se tomaron en conta as persoas que practicaron tales actividades durante polo menos dez anos.

O tipo histolóxico predominante foi o de adenocarcinoma (cancro que comeza nas células glandulares), con 686 casos (45 %), seguido polo carcinoma de células escamosas (aproximadamente entre un 25 % e un 30 % de todos os cancros de pulmón son carcinomas de células escamosas), con 359 casos (23,5 %), e carcinoma de células pequenas, con 338 casos (22,2 %).

O RISCO DUNHA EXPOSICIÓN PROLONGADA

Cales son as variables que se poden considerar máis importantes para relacionar estas actividades co cancro de pulmón? “A duración da realización deste tipo de actividades, probablemente”, expón Ruano en charla con GC.

Observouse que existe maior risco de cancro de pulmón entre as persoas que practican actividades de bricolaxe durante dez anos ou máis. Entre estas, a maior taxa dáse entre as que realizan estas actividades con maior duración da exposición e máis horas semanais (polo menos 7 horas por semana).

Máis detalladamente, identificouse o risco máximo para o carcinoma de células pequenas en aquelas persoas que estiveron expostas a carcinóxenos facendo bricolaxe durante polo menos dez anos.

Respecto ao tipo de actividades, o vernizado e a pintura foron as actividades máis relacionadas cun alto risco de padecer cancro de pulmón, alcanzando unha significación estatística para o adenocarcinoma, o carcinoma de células pequenas e tipos histolóxicos pouco frecuentes.

Parece, polo tanto, evidente que “algunhas actividades específicas de bricolaxe semellan estar máis asociadas co cancro de pulmón que outras”, sendo a pintura e o verniz as que “mostran o maior risco”, apuntan os expertos.

FUMADORES E NON FUMADORES

Os resultados, din os autores do estudo, “apoian a hipótese de que as actividades ou pasatempos de bricolaxe que implican a exposición a certos compostos canceríxenos se asocian cun maior risco de cancro de pulmón, tanto en fumadores como en persoas que nunca fumaron, cun risco de aproximadamente o dobre naquelas que realizaron estas actividades de risco durante polo menos dez anos, en comparación coas que non as realizaron”.

Talvez o máis salientable destas análises é que o risco de cancro de pulmón relacionado coas actividades de bricolaxe nas persoas que nunca fuman é elevado. De feito, en comparación cos que nunca fixeron estas tarefas, o risco duplícase de media nos non fumadores e chega a triplicarse nos casos nos que estas prácticas se realizaron durante un mínimo dez anos.

MATERIAIS DE RISCO E PROTECCIÓN

Os investigadores cren que esta asociación entre bricolaxe e cancro de pulmón podería explicarse pola “exposición continua a certos carcinóxenos comunmente utilizados” nestas actividades, “como po de madeira, pinturas, pegamentos, disolventes orgánicos ou lacas”.

Apuntan, ademais, que malia que os niveis de exposición dos afeccionados a estas substancias son “moito máis baixos” que no caso dos profesionais, “débese dar importancia ao feito de que moitas destas persoas descoñecen ou están mal informadas sobre os efectos nocivos destes compostos canceríxenos e, por tanto, non se toman medidas de protección adecuadas para reducir este dano”, advirten.

A isto hai que engadir que “o tempo dedicado a estas actividades pode ser considerable nun gran número de persoas e estas actividades de risco poden realizarse en espazos pechados e con pouca ventilación, o que facilita a inhalación destas substancias canceríxenas”.

En base ás evidencias, consideran que as autoridades sanitarias e os profesionais da saúde deben alertar á poboación sobre a importancia de evitar estas exposicións ou utilizar medidas de protección ao realizalas, como utilizar luvas, empregar máscaras, pechar os botes de pintura, disolvente ou pegamento cando xa non se utilicen e, sobre todo, realizar as actividades ao aire libre ou nun espazo ventilado.

“É importante establecer medidas básicas de protección para as persoas que fan este tipo de actividades, e que ultimamente son relativamente frecuentes (restauradores de mobles afeccionados, talleres e cursos de traballos manuais, etc.). Nestes casos, deberían establecer medidas de protección, lugares ventilados con extracción de aire, non deixar envases abertos, etc.”, aconsella Ruano.

Os resultados do estudo veñen de publicarse na revista científica Enviromental Research, nun traballo titulado 'Lung cancer risk and do-it-yourself activities. A neglected risk factor for lung cancer'.

O traballo está asinado por 18 investigadores dos principais hospitais públicos de Galicia, ademais do Servizo de Oncoloxía do Hospital Universitario Puerta de Hierro de Madrid, o Departamento de Epidemioloxía da Universidade Brown (Estados Unidos), o Instituto Nacional de Silicose no Hospital Universitario de Asturias, os servizos de Pneumoloxía dos hospitais universitarios de Ávila e León, e o Servizo de Oncoloxía do Hospital Universitario de Porto (Portugal).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta