A Xunta insiste que non poden contratar pediatras porque non os hai

O BNG di que "foxen" das condicións do Sergas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/11/2019 | Actualizada ás 13:21

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, defendeu de novo que a falta de pediatras, neste caso en referencia á área sanitaria de Ourense, "non" se debe a problemas de índole "económica" e condicións laborais, senón que corresponde a carencias no número de especialistas, xa que o Sergas realizou convocatorias para a cobertura de prazas e estas quedaron desertas.

Así o indicou a resposta dunha pregunta formulada durante o pleno deste mércores na Cámara galega pola deputada do BNG Noa Presas, que argumentou que o motivo de que non se cubran prazas en determinadas áreas sanitarias de Galicia son as condicións laborais que se ofertan para os profesionais.

Presas lembrou que, o pasado mes de maio, o TSXG condenou ao Sergas a indemnizar con 15.000 euros a un pediatra de Ourense que soportou, como reflicte a sentenza, unha sobrecarga de traballo durante varios anos. "Esta é a política laboral da que foxen os profesionais", aseverou a deputada nacionalista.

Cuestionado sobre a ausencia de pediatras na área sanitaria de Ourense, Vázquez Almuiña asegurou que os dous profesionais que prestan este servizo en función de garda na atención primaria de Verín e O Barco atópanse de baixa na actualidade.

Segundo o conselleiro, o Sergas convocou as dúas prazas vacantes con condicións "de interinidade o máis estables posibles", pero estas quedaron vacantes. "Non é certo que é un tema económico, é que non hai especialistas", engadiu Almuiña, que incidiu en que Galicia, a diferenza do que ocorre noutras comunidades, non emprega médicos de familia para a cobertura de vacantes nos servizos de pediatría en atención primaria.

Antes, Vázquez Almuiña expresou o seu malestar despois de que Noa Presas reclamase "unha atención pediátrica digna" para a provincia de Ourense "que sexa propia deste século e non do medievo", palabras que foron cualificadas polo conselleiro como "un ataque aos profesionais da sanidade en Galicia".

Anpas e veciños maniféstanse en Vigo para demandar un aumento do persoal de pediatras
Anpas e veciños maniféstanse en Vigo para demandar un aumento do persoal de pediatras

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta