Temas: VENTO NEVE

O litoral das provincias da Coruña e Pontevedra estarán en alerta vermella por temporal costeiro

Debido a que o fenómeno meteorolóxico coincide con mareas vivas e máximos de ondada en preamar, a Xunta indicou que o fenómeno terá especial incidencia en puntos sensibles da Costa da Morte e as Rías Baixas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/11/2019 | Actualizada ás 17:35

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Emerxencias informou dun temporal costeiro de nivel vermello que afectará este xoves aos litorais das provincias da Coruña e Pontevedra. Así mesmo, haberá alerta laranxa por neve na montaña de Lugo e Ourense, onde se poden alcanzar os 20 centímetros de espesor por encima dos 800 metros.

En concreto, segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía, o litoral da Coruña, desde primeira hora desta tarde, e os de Lugo e Pontevedra, a partir da madrugada, estarán en alerta laranxa, con ventos de forza 7, que poden alcanzar a forza 9 e ondas de oito metros.

A partir das primeiras horas deste xoves, a alerta laranxa pasará a nivel vermello nos litorais de Pontevedra e A Coruña, con mar combinado do noroeste que pode alcanzar ondas de nove metros, con especial incidencia na Costa da Morte, onde poderían chegar ata os 10 metros. Os ventos alcanzarán forza 9.

Debido a que o fenómeno meteorolóxico coincide con mareas vivas e máximos de ondada en preamar, a Xunta indicou que o fenómeno terá especial incidencia en puntos sensibles da Costa da Morte e as Rías Baixas. A situación manterase ata última hora da mañá, cando pasará a alerta laranxa.

SUSPENSIÓN DE ACTIVIDADES PESQUEIRAS E MARISQUEIRAS

Ante esta situación, Emerxencias recomendou a suspensión de actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas. A recomendación é extensible á pesca deportiva e ás actividades deportivas no mar.

Así mesmo, recoméndase extremar a precaución nestas zonas e revisar os cabos e amarres das embarcacións.

SEN CLASES NA MONTAÑA

Por outra banda, a Comisión Escolar de Alertas tomou este mércores a decisión de suspender o xoves a actividade lectiva nas zonas con alerta laranxa por neve da montaña de Lugo.

A suspensión de clases afectará nesta zona a 789 alumnos de 15 centros. Como é habitual nestas circunstancias, no caso de que a situación meteorolóxica supuxese un risco superior ao previsto en zonas non afectadas pola suspensión, os directores poderán adoptar as medidas oportunas.

Alerta Vermella no litoral galego.. METEOGALICIA
Alerta Vermella no litoral galego.. METEOGALICIA | Fonte: Europa Press

Temas: VENTO NEVE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta