Turismo e deporte, un binomio á alza en Galicia

Expourense acolle os días 15 e 16 de novembro a terceira edición de 'Sportur Galicia', Salón do Deporte e Turismo Activo. Entre outros obxectivos darase a coñecer o potencial que teñen as actividades e os eventos deportivos para atraer visitantes de proximidade a Galicia.

Por X.M. Fernández | Ourense | 15/11/2019 | Actualizada ás 21:09

Comparte esta noticia

A principal novidade desta edición é que se celebrará de xeito paralelo e complementario o I Congreso Ibérico sobre Turismo Deportivo que comezou xa o día 14 de novembro e que reunirá a 300 asistentes de toda a Península. Este evento analizará a actualidade dun sector que xera en España ingresos de 13.800 millóns de euros ao ano; que está entre as tres principais motivacións dos turistas estranxeiros que visitan España e que é, sen dúbida, unha oportunidade para a diferenciación dos destinos e para o seu desenvolvemento económico. Outra das novidades desta edición será que estará colocada a pista de atletismo hidraúlica coa que conta o recinto feiral e que permitirá realizar probas deportivas como as englobadas no “Xogando Atletismo”.

1º Congreso Ibérico de Turismo Deportivo: Fonte: Expourense
1º Congreso Ibérico de Turismo Deportivo: Fonte: Expourense

Sportur Galicia 2019 convoca a un cento de participantes, e a 4 países representados, entre os que destacan as federacións e clubes deportivos de Galicia e destinos de turismo activo e vencellados coa natureza que comparten espazo con empresas especializadas na organización integral de actividades deportivas entre outros.

O evento está pensado para todos os públicos (deportistas, afeccionados ou principiantes de todas as idades, ademais das familias) de xeito que poidan coñecer os servizos, produtos e opcións vencelladas co turismo activo e o deporte que ofrecen os expositores. Tamén se converterá nun bo escaparate para as federacións deportivas de toda a comunidade, xa que do cento de participantes, 36 son clubes e asociacións de distintos deportes que aproveitarán a súa presenza en Sportur Galicia para promocionarse organizando distintas exhibicións, adestramentos, campionatos e clases abertas para os visitantes.

Trátase dun evento único que conxuga turismo e deporte con educación de cara a fomentar hábitos saudables e ofrecer novas opcións aos que xa practican deporte e animar aos demais a que tamén o fagan.

UN PROGRAMA QUE SUPERA O CENTO DE ACTIVIDADES

Presentación Sportur 2019. Fonte: Expourense
Presentación Sportur 2019. Fonte: Expourense

As 36 federacións e asociacións e clubes deportivos presentes en Sportur Galicia realizarán distintas actividades. Os deportes que estarán representados nesta cita son: ciclismo; escalada; atletismo; slalom para deporte adaptado; marcha nórdica; zumba e baile; ximnasia rítmica; voleibol; kung-fu; deportes náuticos (piragüismo, remo, kayac e Canoa, vela, etc.); pitch and putt; mini basket; rugby; taekwondo; halterofilia; baloncesto; esgrima antiga; kickboxing; xadrez; pentatlón moderno; tiro virtual; tiro con arco, etc. Moitos deles aproveitarán a súa presenza en Sportur para organizar campionatos a nivel provincial e autonómico. Destacan ademais as actividades do programa “Xogando Atletismo”, organizadas pola Federación Galega de Atletismo, que convocarán a centos de deportistas de varios centros educativos.

Pensando nas visitas familiares, a organización terá os dous días un inchable xigante, coñecido como “Iron Children” e achegado pola Concellería de Xuventude do Concello de Ourense; obradoiros de maquillaxe, chapas e tatuaxes; ou os simuladores de práctica de distintos deportes náuticos ou de tiro.

A entrada é gratuíta e o horario será o mesmo durante os dous días: de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.

Esta terceira edición conta con patrocinio da Secretaría Xeral para o Deporte, da Axencia Galega de Turismo, da Deputación Provincial de Ourense e do Concello de Ourense.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta