Os falsos datos da reforma educativa

46 minutos. Poden ser poucos. Ou moitos. Depende da subxectividade coa que nos enfrontemos ao acto en cuestión. 46 minutos. Ese é o tempo que dura a charla-exposición do ministro Wert sobre a reforma da educación non universitaria dada no think tank de dereitas da FAES.

Por Xabier Ron | Compostela | 10/07/2012

Comparte esta noticia
A verdade é que perdín eses 46 longos minutos porque, queira ou non, son docente e sei que as propostas que se expoñen na FAES rematan por ser de obrigada aplicación, polo que aventuro un acrecentado e perigoso descenso cara aos infernos da educación pública en tanto que servizo público para o curso 2013-2014, unha vez presenten a súa reforma educativa no parlamento entre os meses de outubro-novembro de 2012. 
 
Unha circunstancia domina o discurso deste home de dereitas: a economía imponse ao sistema educativo. Dito doutra forma: a educación é contemplada desde a empregabilidade das persoas usuarias. Todo baixo o manto da excelencia e competitividade. En varias ocasións manifesta que a educación supón un enorme esforzo (económico) -que nunca chegou a ser o que debera ser para equipararnos á media dos países europeos-, para logo deixar caer a perla de que non existe relación entre aumento de recursos e mellora da calidade (Supoño que para seguir preparando o terreo para os futuros recortes). Cando fala de bolsas, de seguida reparamos en que lle ten xenreira á política de igualdade de oportunidades, pois di que as bolsas non se outorgan tendo en conta a 'concorrencia competitiva', senón, máis ou menos vén a dicir que se regalan sen ningunha esixenza. 
 
O ministro Wert considera os informes PISA coma o Santo Graal do Ensino. Eles achegan todo o que hai que saber para saber que facer. Destaca, unha vez máis, que os resultados de España son malos, mediocres, porque, ademais, só hai un 3% de alumnado excelente (fronte ao 8% de Europa). 
 
Escápaselle que quere unha elite que sexa quen de rexer a economía futura do país (como non menciona de forma expresa á pública, imaxino que pensa na patronal privada, tendo en conta que aos da pública nos considera mediocres). 
 
Esta elite confróntase co fracaso escolar (= alumnado que non titula na ESO, un 26%) e co alumnado que deixa de estudar entre os 18 e os 24 anos. Con respecto ao alumnado que non titula, o ministro demostra unha soberana ignorancia da propia Lei educativa, xa que afirma que este alumnado non titula e iso que se titula "dunha forma bastante laxa" e exemplifica con que se concede o título da ESO até con 3 suspensas e con 12/13 asignaturas ás cóstas. Isto é, sinxelamente, unha mentira. As pendentes contan para titular e entran no cómputo das materias. En que escola aprendería o ministro a ler? Fáltalle comprensión lectora con respecto ás leis educativas que son as que debe dominar polo seu cargo? Ou sinxelamente minte para acadar o seu obxectivo? 
 
Como podedes pensar que falo por falar, podedes consultar os artigos 12.2 e 12.3 do Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, sobre promoción, e o 17.2 sobre titulación, e veredes que se di que se pode promocionar con dúas suspensas e de forma excepcional, a xuízo da xunta de avaliación, con tres suspensas. E o mesmo no caso da titulación. 
 
Con posterioridade, saíron dúas ordes máis concretas sobre avaliación:  a Orde do 21 de decembro de 2007 pola que se regula a avaliación na educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, especialmente artigos 6.2. e 6.3. (promoción) e artigo 7.2. (titulación), correxida nos artigos 6.4. e 7.6. pola Orde do 23 de xuño de 2008 pola que se modifica a do 21 de decembro de 2007 pola que se regula a avaliación na educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se determina que se considerarán como materias diferentes as materias de idéntica designación. Isto é, por poñer un exemplo, quen chegue a 4º ESO con materias pendentes Francés 1º e Francés 2º terá dúas materias suspensas e non unha como daba a entender a Orde do 21 de decembro de 2007 que, debido ás queixas, durou só un curso.
 
Conclusión lóxica: o ministro Wert ignora ou minte sobre como se titula na ESO. 
 
No seguinte aspecto no que me vou centrar ten que ver coa nova estrutura que desexa introducir nos dous últimos cursos da ESO:
 
introducir unha lixeirísima carga de materias optativas orientadas cara ao mundo da Formación Profesional;
conversión de 4º curso en "sendos cursos", un de iniciación ao Bacharelato, outro de iniciación á Formación Profesional e ambos cursos rematados cunha proba de avaliación nacional (española), externa que, máis que avaliar, ser´n filtros obstaculizadores que impedirían proseguir cos estudos desexados. Aquí, como se pode imaxinar un, faltan moitos datos para sabermos que lle pasa a un alumno que aprobou todas materias do curso de iniciación pero que suspende a proba: repite o curso por completo? perde un ano á espera de poder repetir a proba? 
 
Outra cuestión é se poderán os CPI's (e algún IES que só ten ESO) ofertar eses dous cursos de iniciación tendo en conta as realidades de plantilla destes Centros. Que farán as autoridades ante a necesidade de máis profesorado? Optarán por incrementar plantilla ou por pechar seccións de secundaria nestes centros e derivar ao alumnado cara a centros máis grandes? De novo, á espera de sabermos os detalles da reforma, a incertidume abátese sobre as plantillas do profesorado de secundaria dos CPI's. 
 
A paixón de Wert polo modelo PISA lévao a instalar ao remate de 6º EP unha proba de avaliación. A proba será tamén nacional e externa. Pode suceder que o alumno ou alumna aprobara 6º a xuízo do profesorado do centro e que a proba ditamine que suspende. Que acontece entón? Se suspende e non repetiu, repetiría 6º. E se xa repetiu, pasaría a 1º ESO cun informe que recomendaría a atención individualizada. Fixense vostedes: unha proba externa verase confrontada ao proceso avaliativo da xunta de profesores e profesoras, que considera na nota outros ponderables que unha proba de nivel non fai. U-la tan cacarexada autonomía do centro? 
 
Un terceiro aspecto será o de afortalar as instrumentais (citou: linguas, matemáticas, ciencias, inglés)...en detrimento de??? Sería a ocasión perfecta para que a relixión saíse do horario escolar e do currículo. Pero...sabemos que a teima destes amantes da segregación educativa será outra ben diferente. 
 
En resumidas contas, toda unha verborrea sobre a competitividade, sobre a suposta mediocridade do noso sistema educativo, e sobre a panacea que representará a elección anticipada dos itinerarios e a cultura da avaliación para reducir o fracaso escolar. Ben sazonada con datos falsos sobre a titulación en 4º ESO.
 
E todo, segundo semella, ignorando que o sistema educativo precisa de boa financiación, de recursos materiais e persoais, e non o clima actual de recortes. Como pretende levar a cabo a súa reforma cando a tesoira neoliberal poda as posibilidades da educación en tanto que servizo público de calidade?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xabier Ron Nado en Lyon (Francia), 16 de febreiro de 1970. Licenciado en Filoloxía Románica pola USC. Na actualidade docente de lingua francesa no CPI Pontecesures. Especialista na lírica dos trobadores románicos, sobre todo do cancioneiro galego-portugués, dos que versa a súa tese de doutoramente, en fase de elaboración. Activista político e social, milita no Partido Comunista de Galicia, sendo membro do Comité Central; é igualmente membro da executiva de Esquerda Unida, onde desenvolve a responsabilidade de Secretario de Movementos Sociais; coordinador comarcal de Esquerda Unida en Compostela. Vencellado ás reivindicacións do movemento migratorio de Galicia é membro do Foro Galego de Inmigración desde a súa creación. É deputado por AGE no Parlamento galego.