Os grupos de Santiago coinciden na "boa saúde" económica do concello

A corporación dá luz verde, sen votos en contra, á conta xeral do ano 2018.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/11/2019 | Actualizada ás 12:55

Comparte esta noticia

Todos os grupos con presenza na corporación de Santiago de Compostela coinciden na análise sobre o estado económico das contas municipais: o concello goza de "boa saúde" no apartado financeiro pero suspende en asuntos "estruturais" como o grao de execución dos orzamentos e o investimento por habitante.

Así o indicaron os portavoces dos catro grupos con presenza no concello compostelán --PSdeG, PP, Compostela Aberta e BNG-- durante o pleno extraordinario no que a corporación deu luz verde á conta xeral de 2018, que non recibiu ningún voto en contra --foi apoiada polo grupo de goberno e CA; mentres que populares e nacionalistas abstivéronse--.

A concelleira de Economía, Marta Abal, foi a primeira en intervir nunha sesión celebrada á primeira hora da mañá deste xoves para analizar a situación financeira do concello, aínda que a conta xeral aprobada este xoves corresponde ao anterior mandato, cando gobernaba en solitario Compostela Aberta.

Abal resaltou que, en liñas xerais, o concello presenta "unha boa situación financeira", aínda que continúa presentando "deficiencias estruturais" como que "o esforzo investidor por habitante sexa do 0,09 por cento".

Así, puxo o foco en que o consistorio conta con liquidez "basicamente por cumprir" coa regra de gasto que marca a lei estatal, aínda que apuntou, en resposta ao grupo popular, que os "ingresos correntes apenas dan para cubrir o gasto corrente da cidade". "Para o ano que vén imos ter que facer maxia", apostilou.

Como obxectivos a curto e medio prazo, a responsable da área económica do goberno local situou, ademais de emendar o investimento por habitante, "profundar na contabilidade analítica" do concello para coñecer "o custo de todos os servizos que se prestan" e actualizar o inventario de bens municipais, tarefa esta última que, segundo a concelleira, non se logrará antes de que conclúa o mandato.

GRUPOS

O exalcalde e portavoz de Compostela Aberta, Martiño Noriega, ironizou con que "é grato comprobar" que a "saúde financeira" do concello "agora" esperte "consensos" entre os grupos que "antes non se valoraban polo fragor da batalla".

E é que a conta xeral do concello aprobada este venres corresponde ao último ano completo que dirixiu o equipo de goberno de Compostela Aberta con Noriega á fronte, período no que se reduciu a débeda municipal e se mantivo a tendencia do grao de execución dos orzamentos, un dos aspectos que todos os grupos coinciden en que debe mellorarse.

Noriega resaltou que, nestes momentos, Santiago é un concello "saneado, o menos hipotecado dos últimos anos", aínda que alertou que a media de pago a provedores --aspecto no que Santiago incumpre a lei nos últimos tempos-- "aumentou" desde o verán, xa co socialista Xosé A. Sánchez Bugallo ao mando do concello.

Por parte do Grupo Popular interveu o edil Ramón Quiroga, que incidiu en que a conta xeral aprobada este xoves reflicte que o estado do concello é "bo" para as arcas municipais pero "malo" para os veciños da cidade.

"Nun escenario do concello con boa saúde, non se entende como non se executa un superávit de 17 millóns de euros", sinalou o concelleiro popular, que cuestionou ao goberno local "que vai facer" cos 9,3 millóns de euros de remanentes do superávit, "se o vai a dedicar a gasto ou a pagar a débeda".

A portavoz do BNG, Goretti Sanmartín, convidou ao concello a "cumprir os prazos para a presentación de contas e informes" e facelo "de forma transparente", ademais de preguntarse "para que serve" ter 17 millóns de euros de remanentes "se non se executan".

Deste xeito, Sanmartín puxo o acento en que "a política de déficit cero" non é polo que aposta o BNG porque "cando hai superávit que non se gasta é un problema porque non reverte na poboación". "Para que nos serve ese superávit se está metido nun caixón?", preguntouse a portavoz nacionalista.

Pazo de Raxoi, sede do Concello de Santiago. EUROPA PRESS - Arquivo
Pazo de Raxoi, sede do Concello de Santiago. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta