Temas: BNG

O BNG activa o proceso para elixir candidato á Xunta

O nome –moi probablemente Ana Pontón– será anunciado e proclamado a comezos do próximo mes de xaneiro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/11/2019 | Actualizada ás 19:11

Comparte esta noticia

O Bloque Nacionalista Galego activou o proceso para a elección do seu candidato á Presidencia da Xunta nas eleccións autonómicas do próximo ano, cuxo nome será anunciado e proclamado a comezos do próximo mes de xaneiro.

A portavoz do BNG, Ana Pontón, canta o himno galego xunto aos candidatos ao Congreso para o 10N nun acto de precampaña en Santiago de Compostela
A portavoz do BNG, Ana Pontón, canta o himno galego xunto aos candidatos ao Congreso para o 10N nun acto de precampaña en Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press

Este xoves, catro días despois de lograr a súa volta ao Congreso nas pasadas eleccións xerais, a formación frontista que encabeza Ana Pontón —quen será, agás sorpresa, a candidata á Xunta— informa de que o vindeiro sábado o Consello Nacional do BNG dará luz verde ao proceso para a elección da cabeza de lista para as eleccións galegas.

Cada militante do BNG pode presentar a súa candidatura ao proceso de designación de candidato á Presidencia da Xunta e participar na votación. No caso de que os militantes non poidan asistir á asemblea comarcal á que están adscritos, terán a opción de participar vía telemática entre os días 4 e 13 de decembro.

Cada candidatura deberá contar co aval de 200 militantes e terán que ser presentadas entre o 26 de novembro e o 2 de decembro na sede nacional do BNG, situada en Santiago.

Unha vez verificados os avais, as asembleas comarcais presentarán e aprobarán as candidaturas entre o os días 4 e 13 de decembro. Os militantes do BNG na emigración tamén poderán participar neste proceso a través da vía telemática.

O proceso concluirá co escrutinio final dos votos recibidos por cada candidatura, cuxo resultado será feito público por parte do Consello Nacional do Bloque o próximo 11 de xaneiro.

O BNG, que se reivindica como unha "forza á alza, que suma", prevé pór o broche ao procedemento interno cun acto nacional para a proclamación do candidato á Presidencia á Xunta que se celebrará a comezos do mes de xaneiro.

Polo momento, a única forza política que conta con candidato á Presidencia do Goberno galego para as autonómicas de 2020 é o PSdeG, que nunhas primarias internas elixiu hai un ano ao seu secretario xeral, Gonzalo Caballero.

Temas: BNG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Gamela

O carro diante dos bois? Se bloquean o "goberno de progreso" a candidatura á Xunta poden aforrala! Entre a UPG e VOX xa se amañarán (?) Os tempos son chegados ‼️

1 Alienao

Descolonícese, meu cabaleiro. Descolonícese!