Mulleres silenciadas no cinema: cando a madurez te deixa nun segundo plano

O Festival Cineuropa organizou unha mesa redonda ao redor do 'estado das cousas' da muller no eido cinematográfico. O movemento Me Too, os arquetipos e os atrancos na alfombra vermella nuclearon as conversas da realizadora Ángeles Huerta, a directora do FKM María Núñez, e a docente Mireia Iniesta. "O panorama das mulleres nos festivais de cinema é desolador", sentenzan.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/11/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O tempo pedía estar ao abrigo e houbo quen atopou nesta mesa redonda ao redor do xénero e o cinema o abeiro necesario. O Festival Cineuropa reuniu no Auditorio de Galicia tres mulleres do cinema que charlaron sobre o 'estado das cousas': os papeis das mulleres, os arquetipos dos que son quen de fuxir - ou non -, os atrancos na alfombra vermella dos festivais, e o acoso sexual e o movemento Me Too. 

María Iniesta, Laura Seoane, María Núñez e Ángeles Huerta
María Iniesta, Laura Seoane, María Núñez e Ángeles Huerta | Fonte: Festival Cineuropa

Ás portas do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero -25N- cómpre tamén ter presentes os discursos de todas esas mulleres cineastas e actrices que alzaron e alzan a voz para denunciar sometementos sexuais e abusos de poder cara a elas. Neste encontro, a realizadora Ángeles Huerta, a directora ata o 2018 do festival de cinema fantástico FKM, María Núñez, e a actriz e docente especializada en xénero, Mireia Iniesta, moderadas pola directora do Cineuropa, Laura Seoane, toman a palabra para falar dos avances e retrocesos da situación da muller neste eido.

NÚMEROS QUE NON DAN

Normalizar a presenza de relatos e olladas de mulleres no cimena segue sendo o gran reto ao que se enfrontan. Para Ángeles Huerta, que deixa claro que non quere soar prosaica, todo radica nunha "cuestión de números": "Hai estatísticas demoledoras sobre a presenza feminina no cine". O certo é que as cifras son reveladoras. Segundo apuntan, o tempo falado en pantalla por mulleres é "ínfimo" respecto dos homes, e ademais, a presenza da voz falada mingua a medida que as mulleres van cumprindo anos. Todo o contrario do que acontece con eles, o xénero masculino. "As mulleres maduras non existen ou teñen monosílabos", critica Huerta. 

"Cando no estado español unha muller pide diñeiro para facer unha película danlle exactamente a metade de cartos do que lle dan a un home por unha ópera prima"

A actriz María Iniesta
A actriz María Iniesta | Fonte: Festival Cineuropa

Isto resólvese, aseguran, tendo máis produtoras, directoras, guionistas... En definitiva, mulleres no equipo creativo e na toma de decisións argumentais. Mais polo de agora, os postos creativos tenden a ser ocupados por homes e os postos de xestión por mulleres. "Non hai moitas e é moi difícil", di Mireia Iniesta. "Cando no estado español unha muller pide diñeiro para facer unha película danlle exactamente a metade de cartos do que lle dan a un home por unha ópera prima", sentenza. Debaixo dese teito de vidro hai un "chan pegañento": "fas de secretaria, e se tes contratos é con moitas trabas e problemas".

Nos festivais, o panorama mudou, pero non tanto como debera. Se ben é certo que hai unha nova xeración de mulleres dirixindo, a proxección que alcanzan estas obras está moi por baixo do éxito das dirixidas por homes. "Moitos festivais presumen de ter maior cantidade de filmes impulsados por mulleres, pero están en seccións paralelas e en moitos casos queda no 20% ou 30% das obras totais", conta María Núñez. "Vas a Cans, Toronto, Sitges ou San Sebastián e o panorama é desolador"

A fenda de xénero ábrese aínda máis se poñemos o foco no tipo de películas e nos orzamentos que se manexan, motivo que tamén encadra as mulleres nun determinado xénero cinematográfico. Mentres que en terror, ciencia ficción ou gore é moi difícil atopalas, o documental e o cinema experimental é o espazo feminino por excelencia. "Son benvidas porque os orzamentos son menores", concordan todas. 

Paradoxicamente, nas escolas de cinema o número de estudantes mulleres é "infinitamente maior" ca o de homes, resalta Mireia. O problema é que moi poucas chegan ao ámbito profesional. Por que acontece? "O cinema é parte da vida", argumenta agora Ángeles. "A razón é a mesma pola que tiñamos cinco candidatos homes á presidencia do goberno". Mais, buscando luz sobre o discurso escuro, a realizadora reivindica o poder do cinema dentro da cultura contemporánea para xerar imaxinario, visibilizar, sensibilizar e normalizar. En suma, para abrirnos á realidade.

ABUSOS SEXUAIS E ME TOO

O lonvexo debate ao redor de se é posible separar autor de obra tamén se coou nesta mesa redonda. Tanto María, coma Mireia e Ángeles concordan en que se debe diferenciar unha cousa doutra. "Imaxinen que non entramos ver un museo con obras de Picasso tendo en conta o maltrato sistemático deste señor cara as súas musas", resolve Mireia.

A raíz da polémica xurdida ao redor do director Roman Polański, que vén de ser novamente acusado por violación nos anos 70, a docente incide nunha cuestión concreta: "revisaba a obra e o tema do abuso está presente en todas as súas películas. Daquela a pregunta que eu me fago é: "El sepárase da súa obra?", deixa no aire. "O cinema é autoral pero non é nunca unha obra individual. Cando castigas unha obra de Polański non só o castigas a el, castigas a todas as persoas que traballaron nela para facela realidade", comenta agora Ángeles. 

"O patriarcado deféndese. Deixarte avanzar a ti implica que alguén teña que retroceder" 

Máis alá disto, os abusos sexuais seguen presentes na industria, e moitas mulleres, no marco do movemento internacional Me Too, alzaron a voz para denuncialos. Mais fronte a estes actos de empoderamento, "o patriarcado deféndese", conta Mireia. Polański definiuno como un "xesto de histeria colectiva". "Sempre haberá voces que intenten parapetarse no de sempre, porque deixarte avanzar a ti implica que alguén teña que retroceder". Con todo, e se ben hai homes que aínda hoxe empregan o sexo para conseguir cousas, "este marco feminista dáche as ferramentas para velo e paralo", comenta María. Tanto ela como Mireia téñense visto envoltas en situacións violentas. "Eu atopeino moito. Tiven que rexeitar unha morea de publicacións e invitacións a lugares porque sabía que detrás viña o outro", recoñece a docente. 

FÓXESE DOS ARQUETIPOS?

Ata que punto hai vontade de cambio para crear outro tipo de historias? A imaxe da heroina súper poderosa é un "arquetipo imposible", contan. Concretamente no cine do terror, a figura da Final Girl - esa muller que sobrevive e se enfronta ao asasino -,  é a "representante do sistema": "é a muller cunha relación estable, resolutiva, estudosa, pensa rápido" e segue o manual imposto socialmente ao pé da letra. Segundo María Núñez, "non hai un empoderamento real". 

"É un si pero non", prosegue. Moitas veces a muller desenvolve un rol masculino nas súas relacións cos demais. "Onde están as contradicións? Onde están as preocupacións? Que diferenza hai entre estas heroinas e Superman? Onde está o feminino?", pregúntase. Neste cinema de terror que é o "relato masculino por antonomasia" - di Mireia - as personaxes mulleres son, no fondo, personaxes masculinos cun corpo diferente.

O cinema constrúe cultura e crea novos imaxinarios sociais. Urxe, daquela, empregalo non para perpetuar condutas desiguais, senón como un dos camiños máis firmes para a destrución do patriarcado. Que axiña chegue ese día en que nos sintamos representadas en todas as pantallas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 xavou

Xa chega de choromicar, moitas das do "mee too", no seu momento pasaron pos iso para conseguiren algo que querian, e a moitos homes tamen lles pasou ou mesmo, xa sei que a menos, pero pasoulles a bastantes. En canto a que cos anos se lle limiten os papeis tamen lles pasa aos homes, obviamente un señor de 60 e gordecho tamen esta moi limitado nos papeis que pode representar, o ser atractivo e novo conta o mesmo para un home que para unha muller