O Deportivo, contra as cordas

A derrota deste sábado en Estremadura, co equipo último, xa esgotou a paciencia dos seguidores, que se citaron o venres diante da sede do club.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/11/2019 | Actualizada ás 16:23

Comparte esta noticia

O Deportivo está sobre a lona tras encaixar dezaseis golpes nos últimos dezasete partidos, o primeiro no último da tempada pasada; o resto, nos quince máis recentes.

Dura derrota do Deportivo en Almendralejo (2-0)
Dura derrota do Deportivo en Almendralejo (2-0) | Fonte: RCDeportivo.es

O pechacancelas de LaLiga SmartBank está inmerso nunha situación que acabou coa paciencia da súa afección, coa do seu adestrador e coa dos propios xogadores, que sinalaron ao director deportivo e tamén ao Consello de Administración, cinco patas dun banco que coxea.

UNHA AFECCIÓN QUE ESGOTOU A PACIENCIA

A tempada pasada arroupou ao equipo, creu no ascenso na promoción, viuse en Primeira División despois de gañar ao Mallorca en Riazor (2-0), pero esperáballe unha amarga derrota na illa (3-0) que o mantivo en Segunda. Esta tempada empezou apoiando, pero non tardou en pedir as dimisións do director deportivo e do Consello de Administración.

A derrota deste sábado en Estremadura, co equipo último, esgotou a paciencia dos seguidores branquiazuis e tanto a Federación de Peñas como os Riazor Blues anunciaron mobilizacións: citáronse o venres diante da sede do club.

O ADESTRADOR

O primeiro técnico da tempada, Juan Antonio Albacete Anquela, foi destituído no décimo encontro do curso despois de gañar só o primeiro (3-2 ante o Oviedo).

O seu despedimento produciuse despois un empate ante o Almería (0-0) no que o equipo deixara mellores sensacións que en partidos anteriores, pero que non convenceu ao Consello de Administración.

Para entón, xa se pediu a cabeza do director deportivo, e con menos voces, a do presidente e os conselleiros, pero, curiosamente, non a de Anquela. Chegou Luís César e, lonxe de mellorar, os resultados e a imaxe do equipo empeoraron: en seis partidos, dous empates (fóra de casa) e catro derrotas.

Tras a última, en Estremadura, anunciou que dará un "envorco" a todo no Deportivo, un xiro de temón para superar a tormenta.

OS XOGADORES

Os que xogan son os futbolistas e estes asumen o baixo rendemento que están a ter esta tempada. Dani Giménez, un dos capitáns, admitiu tras caer en Almendralejo que hai xogadores con menos minutos no persoal ou mesmo no filial que o poden facer mellor que os que están a xogar.

Tamén recoñeceu que houbo máis tensión e palabras máis altas que outras no vestiario tras o choque co Estremadura. Fallos groseiros en defensa, incapacidade para elaborar o xogo de ataque e case sempre por detrás no marcador; o Dépor non levanta cabeza.

DIFICULTADES ECONÓMICAS

Na súa segunda tempada no club, o director deportivo, Carmelo del Pozo, foi o primeiro e principal sinalado pola confección dun persoal que ten o sexto tope salarial e que é a última da fila.

Por apertarse o cinto ante as dificultades económicas, optou por facer caixa co centrocampista Edu Expósito e desprenderse de talentos como o arxentino Fede Cartabia e ou o uruguaio Diego Rolan, tras perder a outras pezas claves da tempada pasada como Domingos Duarte, Pablo Marí ou Quique González.

Púxoselle na diana por decisións difíciles de entender como a fichaxe de Luís Ruiz e a saída de Diego Cabalo, que este sábado contribuíu ao triunfo do Estremadura ante o Dépor, por apostar por xogadores de Segunda B, con futuro prometedor, pero moito que puír, e por deixar ao equipo sen individualidades diferenciais.

O CONSELLO, "OS MÁXIMOS RESPONSABLES"

Aínda non levan medio ano no club, pero o actual Consello de Administración tampouco se salva das críticas da afección como responsables máximos da situación actual.

O presidente, Paco Zas, foi elixido nunha Asemblea na que os votos do seu predecesor, Tino Fernández, resultaron decisivos, algo que o marcou desde o primeiro momento, do mesmo xeito que o seu primeiro discurso, crítico co expresidente Augusto César Lendoiro e con aposta por unha liña continuista.

Estivo a piques de celebrar o ansiado ascenso, pero quedou ás portas do ceo e agora está preto do inferno. Nun mes, renderá contas ante os accionistas na Asemblea Anual e un descenso a Segunda B deixaría contra as cordas a un Deportivo que agora está sobre a lona e que ten un pasivo de máis de cen millóns de euros. EFE 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta