Pídenlles 9 anos de cárcere por estafar 77 clientes dunha aseguradora

O Ministerio Público imputa ao matrimonio un delito continuado de estafa.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/11/2019 | Actualizada ás 16:41

Comparte esta noticia

A Sección Segunda da Audiencia Provincial da Coruña acollerá este xoves o xuízo contra un corredor de seguros (J.S.M.) e a súa muller (MC.P.L.), para os que Fiscalía pide nove anos de cárcere por cobrar as primas das pólizas a un total de 77 clientes sen despois abonalas ás compañías.

Segundo consta no seu escrito de acusación, recollido por Europa Press, o Ministerio Público imputa ao matrimonio un delito continuado de estafa ou, alternativamente, de apropiación indebida por uns feitos ocorridos entre os anos 2008 e 2012.

En concreto, J.S.M. --apoderado da compañía de seguros-- e MC.P.L. --realizaba funcións administrativas na empresa-- recibían o diñeiro en efectivo ou a través de domiciliación bancaria por parte dos contratantes e despois non o abonaban á aseguradora.

Tras isto, formalizaban a póliza dando á compañía unha conta corrente que non pertencía ao cliente, senón aos propios acusados ou a terceiras persoas. Deste xeito, como a conta achegada carecía de fondos, a empresa anulaba o contrato pero os usuarios, que xa abonaran a prima, pensaban que os seus respectivos seguros estaban vixentes. Noutras ocasións, relata Fiscalía, os procesados quedaban co diñeiro recibido e nin sequera formalizaban ningunha póliza.

Por todo iso, o Ministerio Público pide para ambos os nove anos de prisión e que indemnicen aos afectados en cantidades que chegan aos 1.600 euros. Algunhas das vítimas renunciaron a reclamar compensación.

Xulgados de Santiago de Compostela. EUROPA PRESS - Arquivo
Xulgados de Santiago de Compostela. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta