Presuposto ou orzamento?

Esta semana, na sección 'Boas e malas palabras', o filólogo Manuel Rodríguez fala do uso, da historia e da procedencia das verbas 'presuposto' e 'orzamento', unha do castelán e a outra do portugués.

Por Manuel Rodríguez Alonso | Nigrán | 15/07/2012 | Actualizada ás 11:14

Comparte esta noticia

Estes días nos medios aparece sen cesar o termo presuposto ou ben o seu sinónimo orzamento para referirise a ´cantidade de cartos que se calcula e que se destina para facer fronte aos gastos, especialmente aos do Estado´. O dicionario dixital da Real Academia Galega considera ambos os dous termos sinónimos, sen amosar preferencia por ningún deles.

Presuposto/Orzamento é un tecnicismo propio do rexistro da economía. O primeiro termo, presuposto, é un calco do castelán presupuesto, mentres que o segundo, orzamento, é unha adaptación do portugués orçamento.

Facendo un pouco de historia, na recente estandarización do galego o primeiro termo que se empregou foi o castelanismo presuposto. Este é o termo que figura, por exemplo, no Diccionario normativo castelán-galego, de 1988, elaborado por membros do ILGa, coordinados por H. Monteagudo e García Cancela. Este dicionario ofrece como único termo para esta realidade presuposto. Non obstante, a primeira edición do Xerais (1986), dicionario que acadou, especialmente no ámbito escolar, o maior espallamento, xa introduce o lusismo orzamento como sinónimo de presuposto. A Nova Gramática para a aprendizaxe da língua, na súa liña de achegamento ao portugués, ofrece só orzamento.

Nas primeiras edicións mecanografadas do VOLGa, do remate dos oitenta e dos comezos do noventa, presuposto aparece como participio do verbo presupor/presupoñer e como substantivo masculino, pero neste caso aclárase que equivale a ´conxectura´. É dicir, que o VOLGa, nos seus primeiros tempos, rexeita presuposto como substantivo referido a ´cálculo de custos´. No seu lugar impón como única forma obrigatoria orzamento.

O rexeitamento académico de presuposto e a elección única de orzamento referido a esta acepción propia do rexistro económico vaise producir no Diccionario da Lingua Galega da RAG e do ILGa, de 1990, dirixido por C. García e coordinado por González González e Santamarina Fernández. Na entrada presuposto dise en observación: É castelanismo que compre [sic, sen acento gráfico] rexeitar o uso de presuposto por orzamento, cálculo anticipado do custo de algo ou cantidade destinada a tal fin´. Ben é certo, que coa proverbial incuria e falta de atención dos nosos dicionarios este mesmo dicionario usa presuposto e non orzamento nos exemplos ou definicións das entradas continuación, congreso, imposto: O Congreso rexeitou os presupostos xerais do estado [sic, con inicial minúscula], Para a continuación da obra precisan un maior presuposto, Cantidade que o cidadán paga ao Estado…[sic, aquí con inicial minúscula].

No ano 1991 a RAG e mais o ILGa publican un Léxico da Administración catelán-galego no que, descoñecendo a súa propia proposta do ano 90, consideran sinónimos sen preferencia por ningún dos dous presuposto/orzamento.

Mais esta elección de orzamento e non presuposto para esta acepción pouco lle durou á Real Academia. O Pequeno Diccionario da lingua galega da RAG e co mesmo director e que se di baseado no dicionario do 90 e publicado en 1993 considera correctos para a acepción económica presuposto e orzamento, mais prefire o castelanismo presuposto.

O Diccionario da Academia Galega, de 1997, dirixido tamén por C. García e González González (son os mesmos os que o dirixen e coordinan todo na filoloxía galega, grandes exemplos do que Cortázar chamaba todólogos, pois igual dirixen traballos de sociolingüística, de dialectoloxía ou de lexicografía…, amén de daren clases e de desempeñaren cargos directivos en distintas institucións públicas) xa consideran sinónimos sen preferencias o lusismo orzamento e mais o castelanismo presuposto. Esta é hoxe a postura xeral dos dicionarios galegos, como acontece no Gran Xerais.

O Dicionario Galaxia de Usos e Dificultades da Lingua Galega, de Galaxia e de 2004, descoñece, nunha nova mostra de desleixamento e incuria dos nosos lexicógrafos oficiais, a postura da RAG do ano 97 e mesmo do dicionario castelán-galego tamén da RAG de 2004. Na entrada presuposto di que o VOLGa propón a súa subtitución polo lusismo orzamento, o cal era certo nas primeiras edicións do VOLGa, mais xa non na editada en libro en 2004, onde desaparece a aclaración de que equivale como substantivo masculino a ´conxectura´. Non obstante, na entrada orzamento di este mesmo dicionario  que o VOLGa da orzamento como preferible a presuposto. Nada diso acontece na última edición do VOLGa, como xa vimos. Ademais o VOLGa non define. Os dicionarios académicos de 1997 e de 2004 dánnos como sinónimos sen preferencias orzamento/presuposto. Se atendemos ao que se chama información oculta dos dicionarios, o Dicionario castelán-galego da RAG de 2004 coloca como equivalentes ao presupuesto castelán e por esta orde presuposto, orzamento e nos exemplos de uso emprega sempre presuposto e nunca orzamento. Deste xeito, a devandita información oculta parece preferir presuposto.

Volvendo ao recentemente editado dicionario dixital a RAG considera, igual ca en 1997, sen preferencias presuposto/orzamento como tamén acontece con presupostar/orzar e presupostario/orzamentario.

Mais cal termo debemos preferir nós? Tendo en conta os principios seguidos para a elaboración das NOMIG, especialmente o número 4, que di: Para o arrequecemento do léxico culto, nomeadamente no referido aos ámbitos científico e técnico, o portugués será considerado recurso fundamental…(NOMIG, 2004, páx. 12), sen dúbida ningunha optamos por orzamento e mais orzar, orzamentario. Orzar resúltalles a algúns un pouco duro e tendente a confundirse co mariñeiro orzar  ´virar o buque, dirixindo a proa desde sotavento a barlovento´. Nese caso,  podemos utilizar a locución elaborar/presentar o orzamento. Ademais, evístase así sermos engulidos polo castelán.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 18 comentarios

1 Puntualizante

Como dicia Jack D. Ripper, imos por partes: "Presuponer" en castellano non significa o mesmo que "presupor" / "presupoñer" en galego, polo tanto, mais do que un calco, é un barbarismo desnecesario (e pola mesma non se emprega en portugués). Ainda mais, mesmo nos galegos que falan castellano, o uso de "presuponer" adoitan facelo moi mal, co seu sentido galego e non co sentido "castizo" español.

1 Puntualizante

RAE: presuponer. (De pre- y suponer). # 1. tr. Dar por sentado o cierto algo. #2. tr. Requerir o considerar algo como condición previa. La ejecución del proyecto presupone una inversión importante. #3. tr. implicar (‖ contener o significar). Cada innovación presupone una ruptura. #4. tr. Hacer cálculo previo o presupuesto de gastos e ingresos.

2 Puntualizante

Estraviz: Pressupor v. tr. # (1) Supor de antemão. Presumir, conjecturar. # (2) Fazer supor, subentender.

3 Puntualizante

DRAGA: presupoñer v.t. #1. Supoñer ou admitir [algo] de antemán sen sometelo a proba. Se aprobou o exame, presuponse que domina a materia. #2. Requirir a existencia de [outra cousa anterior]. Este libro presupón un volume anterior que eu non coñezo.

4 Puntualizante

Nótese que "dar por sentado" (en castellano) é MOI diferente de "supoñer" ou "conxecturar", daí que obviamente un "presupuesto" teña unha forza (lit., legal) que un "presuposto" galego non pode ter, ainda mais, en galego un presuposto seria unha simples conexectura, daquela é un total barbarismo, o mesmo que "reporte" do inglés en castellano, etc.

5 Puntualizante

Estraviz: Orçar v. i. #(1) Inclinar a proa de uma embarcaçom para o vento. #(2) Apertar a vela contra o mastro. #(3) Dirigir o leme na mesma direcçom que a vela. #(4) Calcular, computar.

6 Puntualizante

DRAGA: orzar v.t. #1. Calcular a cantidade que vai custar ou se vai destinar para [unha obra, un servizo, unha mercadoría etc.]. Quere que lle orcemos o mobiliario da súa nova casa. Orzaron en cinco millóns a primeira fase das obras. Orzou a reparación do coche en mil euros. sin. presupostar . v.i. #2. Mar. Virar o buque, dirixindo a proa desde sotavento a barlovento. Comezou a soprar un vento forte de costado e tiveron que orzar. #3. Mar. Darlle ao temón o ángulo preciso para realizar esta manobra. O capitán ordenou orzar.

7 Puntualizante

Penso que non hai moito mais que acrecentar ao debate :P. "Presuposto" é un castellanismo puro, inadecuado e que distorce os usos normais galegos de "presupor" e "orzar", e mesmo interfire no uso correcto do castellano por parte dos falantes.