Inician unha campaña para pedir o “relevo inmediato” do director xeral da CRTVG

Está na plataforma Change.org impulsada por “Defende a Galega” e leva xa recollidas 3.000 sinaturas para exixir “uns medios públicos ao servizo da cidadanía”.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/11/2019 | Actualizada ás 09:25

Comparte esta noticia

O “relevo inmediato” do actual director xeral da CRTVG e a elección do seu sucesor no Parlamento por maioría de dous terzos, son algunhas da principais reclmacións dunha campaña activada por “Defende a Galega” na plataforma Change.org e que en pouco máis de tres días leva xa apañadas máis de 3.000 sinaturas. 

Venres negros na CRTVG por uns medios públicos libres e plurais
Venres negros na CRTVG por uns medios públicos libres e plurais | Fonte: @DefendeAGalega

Esta iniciativa tamén reclama a posta en marcha dun Consello de Informativos que ampare as traballadoras “ante as prácticas de manipulación que se dan no presente e se poidan dar no futuro”. Na explicación da mesma lémbrase que a Lei de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia aprobada en 2011 establece que o director xeral da CRTVG será elixido por maioría cualificada do Parlamento galego e que ostentará ese posto por un período de 5 anos. 

“Pero Alfonso Sánchez Izquierdo leva no cargo desde 2009, o que supón un dobre incumprimento da norma”, destaca a campaña. Ademais, lembra que os obxectivos do ente público son “a obxectividade, imparcialidade, veracidade e neutralidade informativa”. “Pero só hai que prender a tele ou a radio calquera día para comprobar que eses principios non se cumpren”, engade.

Os impulsores da campaña critican, ademais, a externalización de contidos “que é  patente trala desaparición das delegacións de Pontevedra, Ferrol e A Mariña, á que hai que sumar a supresión das desconexións locais”. Por iso, insisten en chamar a apoiar esta campaña por “uns medios públicos ao servizo da cidadanía, que sexan espello da pluralidade do país, que exerzan de dinamizadores culturais e sociais, que informen, formen e entreteñan”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta