Cando o kickboxing, a esgrima antiga, a halterofilia ou a escalada son máis que fútbol e baloncesto

A terceira edición e Sportur Galicia pechou as súas portas en Expourense logo de visibilizar o bo momento que viven o deporte e o turismo activo en Galicia e tamén no norte de Portugal.

Por X.M. Fernández | Ourense | 19/11/2019 | Actualizada ás 08:10

Comparte esta noticia

O sábado 16 de novembro foi o gran día do foro turístico-deportivo xa que se celebraron multitude de campionatos e torneos de carácter autonómico sobre todo, e nos que participaron milleiros de deportistas chegados de toda Galicia. O II Torneo Sportur de Kickboxing, o Torneo de Esgrima Antiga Cidade das Burgas, os trofeos absolutos de halterofilia de Galicia, os torneos de kung-fu e taekwondo, o campionato galego de escalada en bloque ou o Torneo de Xadrez Cidade de Ourense foron as probas que maior número de deportistas mobilizaron, superando nalgúns casos os 200 participantes que ademáis chegaron acompañados polas súas familias. 

Sportur 2019. Foto: Expourense
Sportur 2019. Foto: Expourense

Unha das actividades que espertou interese foi a presenza da montañista navarra, Susana Ruiz Mostazo, quen impartiu unha conferencia na que contou a súa experiencia na escalada de cumios como o Everest malia padecer diabetes. Foi unha actividade organizada pola Asociación Diabética Auria que tamén realizou as probas de análise de azucre en sangue aos visitantes que quixeron realizalas.

Tamén resultaron especialmente interesantes as clases de tecnificación de ximnasia rítmica organizadas polo Clube Marusia de Ourense que convocaron a ximnastas de toda Galicia para recibir dúas xornadas de clase coa olímpica e seleccionadora bielorrusa desta especialidade deportiva na categoría junior, Nelly Pischelina.

Sportur Galicia puxo en valor unha vez máis as distintas opcións deportivas que poden formar parte dun estilo de vida saudable ao tempo que os destinos e escenarios ideais para practicalas, desde o Norte de Galicia -coa presenza do Xeodestino Ferrol-Rías Altas ou Viviero- ata o norte de Portugal pasando por concellos da provincia de Ourense e a única Estación de Montaña de Galicia en Manzaneda. Estes destinos tiveron ademais a oportunidade de reunirse cunha quincena de axencias de viaxe especializadas en turismo activo dentro do III Workshop de Sportur Galicia.

En total, calcúlase que Sportur Galicia superou as 10.000 visitas destacando ademais que a inmensa maioría delas participou activamente nas 60 actividades dispoñibles.

O evento estivo organizado por Expourense coa colaboración da Secretaría Xeral para o Deporte, a Axencia de Turismo de Galicia, a Deputación Provincial de Ourense e do Concello de Ourense a través da Concellería de Turismo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta