Temas: CINEMA

Joke Business, a serie web galega de Vukusic e Nava sobre o mundo do audiovisual

GC Tendencias asiste á rodaxe dun capítulo desta exitosa serie e dá conta do seu decálogo fundacional.

Por GC Tendencias | | 13/07/2012 | Actualizada ás 12:52

Comparte esta noticia

Morris e Déborah Vukusic durante unha das escasas pausas de rodaxe
Morris e Déborah Vukusic durante unha das escasas pausas de rodaxe

No ano 1995, un grupo de realizadores dinamarqueses encabezados por Lars von Trier e Thomas Vinterberg iniciaron o Movemento Dogma coa publicación do seu Decálogo ou Voto de Castidade. "Celebración", "Os Idiotas" ou "Rompendo as ondas" foron algunhas das obras fulcrais deste movemento renovador. Contra 2005, os proios promotores deron por pechado o experimento, chegado a un punto onde os presupostos do decálogo estaban de certo ben alterados.

Os galegos Israel Nava, que actualmente reside en Nova Iorque, e Déborah Vukusic decidiron impulsar unha serie web, isto é, unha sucesión máis ou menos coherente de episodios de ficción ofertados na rede a través de plataformas como Youtube, que destripase o mundo do audiovisual e que debería, entón, estar protagonizado precisamente por profesionais de todos os ámbitos da industria, unha industria que, no caso de Galicia, é bastante punxante.

O pasado 4 de xullo asistimos á rodaxe dun dos seus episodios que se estreará proximamente e que leva por título "Joke Business: Marabilloso". Actualmente está dispoñible para o seu visionado o episodio 1 titulado "O bo actor non ten idade".

Momento de rodaxe
Momento de rodaxe

As austeras condicións autoimpostas polos promotores de Joke Business puxéronse a proba cunha xornada viguesa onde o tempo atmosférico non acompañou ao equipo e onde houbo que improvisar novos espazos de rodaxe ante a imposibilidade de empregar os exteriores previstos. Finalmente, destacan os promotores, a rodaxe culminouse perfectamente e, advirten, o resultado deste bo traballo será visible. 

Antonio Durán Morris, Déborah Vukusic, Israel Nava, Cristina Otero, Rubén Pardiñas, Zeus Díaz, Jose Ortiz, Loren Tuche e o noso coordinador do GC Tendencias, Paco Gallego, conformaron o equipo desta rodaxe.

A actriz Natalia Verbeke fixo un vídeo, colgado en youtube, apoiando esta iniciativa:

A continuación, despregamos o decálogo de Joke Business. De obrigado cumprimento, damos fe.

Decálogo

Joke Business é unha serie web de Israel Nava e Déborah Vukusic que quere falar do audiovisual contando coa participación, diante e detrás da cámara, de xente do audiovisual. Frustracións, bos e malos momentos, tópicos... Todo o que pasa no mundo tanto interpretativo como técnico e creativo é susceptible de ser un fío argumental de calquera capítulo.

É unha obra sen presuposto pero aberta a todo tipo de achega. Nestes momentos de crise económica, que tamén animaron a crear Joke Business, a mellor achega é o tempo, talento e equipamento da xente que queira participar. Pero o diñeiro, catering, etc...tamén son benvidos.

Non hai unha liña argumental definida nin unha produción continuada. É unha serie que se roda cando se encontra o guión, o equipo, o lugar e o ánimo axeitado para cada episodio.

A rodaxe non debería ser de máis dunha xornada, polo que debe ser de escritura ben pensada, preproducción elaborada e produción rápida.

Déborah Vukusic é a protagonista e fío condutor de todos os episodios de Joke Business. Israel Nava aparecerá de forma secundaria en todos os capítulos.

O guión ou a edición de guión será cargo de Israel Nava e Déborah Vukusic. Cando alguén queira participar na elaboración ou a idea do guión poderán engadirse ao equipo e serán acreditados.

Un momento da rodaxe de Joke Business

A produción ou coordinación de produción será de Déborah Vukusic e Israel Nava, pero está aberta, de forma puntual ou continuada, a todas aquelas persoas que queiran formar parte da preproducción, rodaxe e posproducción. Todos serán acreditados.

A dirección de cada capítulo será decidida por Israel Nava e Déborah Vukusic en función das ofertas recibidas ou dos candidatos que consideren idóneos.

A xente que queira participar diante das cámaras, coa excepción de figurantes, etc...debe saber rir de se mesma e facer de se mesma no episodio. Por exemplo, Monti Castiñeiras no episodio 1 fai de se mesmo, pero Antonella e Cecila, personaxes secundarios, teñen nomes ficticios. Isto aplícase a actores como a técnicos que vaian a saír diante da cámara.

Non hai compensación económica. É un proxecto para liberarnos de frustracións, celebrar o bo da nosa profesión e traballar nun bo ambiente con xente coa que non habemos traballado. Estase a crear un verdadeiro gremio.

Temas: CINEMA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta