Que son e para que serven os veterinarios?... A longa loita duns profesionais para que recoñezan o seu traballo

O sector veterinario séntese agraviado por non estar recoñecido como persoal sanitario. O pasado domingo fixeron ver este malestar nunha protesta na que destacaron as importantes tarefas que teñen que realizar, entre elas, a seguridade alimentaria. Unha cuestión que cobrou importancia coa aparición, nos últimos meses, de casos como a listeriose en alimentos procesados.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 18/11/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os veterinarios e veterinarias din estar cansos da discriminación que supón para eles non seren recoñecidos como profesionais sanitarios. Entre os motivos que sinalan para o seu recoñecemento como persoal especializado dentro do terreo sanitario está a súa función inspectora sobre a alimentación e sobre o gando. O colectivo apunta que a inspección é un dos freos para evitar a propagación de enfermidades entre o gando e que non pasen ao consumo humano.

Veterinario aplicando unha vacina a unha ovella
Veterinario aplicando unha vacina a unha ovella | Fonte: ozonoterapia

REFORMAS DO SECTOR

As reformas estruturais en España logo da entrada na UE, levou á reestruturación do sector veterinario. En 1994 pasaron de depender do Ministerio de Sanidade, a ser un sistema de inspección veterinaria segundo as directrices comunitarias. “Perdeuse así a figura do veterinario sanitario, isto sobre o papel, mais na práctica os veterinarios seguimos facendo tarefas sanitarias” di Manuel Jiménez inspector veterinario sanitario e presidente da Asociación de Veterinarios Funcionarios de Galicia. Co tempo, os e as novas profesionais que ocuparon as prazas dos antigos veterinarios titulares, exerceron a clínica libre, con clínicas veterinarias de seu.

A “desaparición” do veterinario titular fíxose seguindo a recomendación da UE de que os países integrantes “tivesen un sistema inspector público mais con unha independencia que lle permita emitir a documentación necesaria para traslado de animais e os seus produtos dentro da Unión”, sinala Jiménez.  “De súpeto pasaron de ser veterinarios dos concellos, que tamén exercían un labor particular, a seren persoal da Administración con dedicación exclusiva” di a veterinaria Pilar de Celis.

Xunto a isto non existe unha lei específica para exercer a profesión veterinaria. Existen leis para a sanidade pública e para a sanidade animal que engloban as actuacións dos e das veterinarias. “Temos a lei Xeral de Sanidade, onde se establece a veterinaria como unha actividade dentro do sistema nacional de saúde” aclara Jiménez que engade “tamén está a lei 8/2003 que regula a sanidade animal”.

Se non fose pouco co baile de leis e decretos sobre o traballo de veterinario, en Galicia estes profesionais están repartidos en catro consellerías: Mar, Medio Rural, Medio Ambiente e Sanidade. “Consideramos que é un punto necesario, englobalos nunha única axencia ou instituto” di José Emilio Doforno, coordinador do Sector Autonómica de CCOO en Galicia. “A creación dun organismo así é unha cuestión de decisión política, nunha mesa de negociación os sindicatos estariamos de acordo e sairía para adiante, mais ata o momento non hai vontade de crear este organismo”, remata Doforno.

COMO ESTÁ A PROFESIÓN HOXE EN DÍA?


“O campo da veterinaria abrangue moito máis espazo do que se cre” di Pilar de Celis. “A xente descoñece moito en que traballamos, porque dentro da Administración somos os garantes da seguridade alimentaria”. Entre os labores garantes desa seguridade está o control e seguimento das enfermidades “esponxiformes”, coñecidas como “mal das vacas tolas”. Xunto a esto tamén están os programas de erradicación das enfermidades infecciosas dentro da cabana gandeira.

Hoxe en día a profesión veterinaria tería unha boa saída profesional? “Como calquera outra licenciatura, penso que cada vez é máis complicado ter unha saída fácil” sinala de Celis. “Tamén depende do lugar, porque en Galicia temos un sector agrogandeiro importante, non só na administración senón en empresas ou cooperativas”.

O sector veterinario, polo menos en Galicia, ten os seus labores divididos entre catro consellerías. En cada unha delas exerce unha inspección e control sobre gando, alimentos e medicamento veterinario, que segue os protocolos de cada departamento. Ademais, como apuntan fontes sindicais, cada consellería tería o seu propio organigrama, e así o proceso de intercambio de información está suxeito a outra dificultade engadida. A reivindicación do papel dentro da sanidade pública por parte da veterinaria está cimentada sobre o seu papel de control e inspección fronte as ameazas dentro do sector primario, así como do sector alimentario, tanto no que afecta ao ser humano como á cabana gandeira.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Javi

Fuerzas!!