O Servizo Forestal de Estados Unidos pon os seus ollos nos incendios en Galicia

A axencia do Departamento de Agricultura estadounidense toma como modelo o caso galego para medir a efectividade dos arrestos de incendiarios na loita contra os lumes. Os catro investigadores que participaron no estudo explican a GC as claves deste traballo, no que se suxire “a existencia dunha dimensión política na ocorrencia de incendios forestais en Galicia".

Por Galicia Confidencial | Madrid | 19/11/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Son efectivos os arrestos de pirómanos e incendiarios na loita contra os lumes forestais? Si, segundo un estudo focalizado no caso galego, realizado por un grupo internacional de investigadores. O Servizo Forestal de Estados Unidos –do Departamento de Agricultura daquel país (equivalente a un ministerio)– puxo os seus ollos sobre Galicia para aprender da súa tráxica experiencia incendiaria; concretamente, sobre o impacto dos arrestos na incidencia dos lumes.

Lume no cemiterio en Nigrán, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Lume no cemiterio en Nigrán, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

O traballo foi liderado por Jeffrey P. Prestemon (Servizo Forestal de Estados Unidos), en colaboración con David T. Butry (Instituto Nacional de Estándares e Tecnoloxía de Estados Unidos), María L. Chas-Amil (Departamento de Economía Cuantitativa da Universidade de Santiago de Compostela) e Julia M. Touza (Departamento de Medio Ambiente e Xeografía da Universidade de York, Reino Unido).

A súa intención, explican Touza e Chas a este xornal, foi avaliar se as detencións reducen o numero de incendios intencionados.

“Os efectos dos arrestos poden ser moi complexos pois, aínda que o seu obxectivo é reducir o crime alí onde o arresto se produce, poden ocasionar un efecto ‘spill-over’ noutras zonas, desincentivando que se provoquen incendios noutros lugares e/ou no futuro, ou simplemente poden ocasionar un ‘desprazamento’ das actividades incendiarias a outras áreas, é dicir, que os incendios pasen a ocorrer noutros lugares”, explican as dúas investigadoras (o efecto ‘spill-over’ refírese ao impacto que teñen fenómenos, eventos ou políticas dun sector noutros grupos que non foron os que induciron o participaron nese evento).

“Atopamos evidencias de que os arrestos reducen futuros incendios ilegais intencionados”, afirman os autores do estudo

Para o estudo usaron datos precisos xeograficamente e cronoloxicamente sobre a ocorrencia de incendios e arrestos en Galicia, coa idea de examinar se o número de incendios forestais cambiou en distintas localidades ao longo do tempo e en zonas próximas a estas despois dos arrestos de incendiarios identificados.

En concreto, usaron datos diarios municipais do número de incendios en Galicia desde 1999 a 2014. A probabilidade de ocorrencia dun incendio en cada municipio e cada día durante ese período de tempo explicouse mediante variables socioeconómicas (por exemplo, usos do chan, taxa de paro, renda media, densidade de poboación), factores climatolóxicos, indicadores dos períodos estacionais, ciclos electorais e tendencia pasada dos incendios, tanto espacial como temporal.

Os investigadores calculan que a redución de incendios esténdese arredor duns 1.942 quilómetros cadrados arredor do lugar das detencións

As reducións, din, son “significativas”, xa que observaron que “a cantidade de incendios forestais intencionados decae durante polo menos 18 meses” a consecuencia dos arrestos, e “o beneficio da redución esténdese a máis de 750 millas cadradas ao redor do sitio do arresto”, isto é, 1.942 quilómetros cadrados.

Máis detalladamente, afirman que este traballo “demostra que as detencións reducen a ocorrencia de incendios, non só no municipio onde se producen, senón tamén en toda Galicia, porque xeran reducións de incendios tanto nas zonas próximas ás detencións como nos días seguintes ás mesmas”.

Resulta especialmente interesante o feito de que “os incendios intencionados de orixe agrícola presentan unha maior sensibilidade a unha detención que os orixinados con outras motivacións”. É dicir, “as detencións  neste tipo de lumes leva a maiores reducións na ocorrencia de incendios”, engaden.

O estudo evidencia que hai un aumento significativo da actividade incendiaria en períodos electorais e preelectorais

ELECCIÓNS E INCENDIOS

Unha das contribucións máis substanciais da investigación é o achado de que os períodos electorais “se relacionan estatisticamente de maneira significativa co inicio intencional de incendios”. É dicir, atopouse unha alta correlación entre a motivación dos incendiarios e as eleccións.

“As nosas análises ofrecen evidencia de que a actividade política está asociada cun aumento das taxas xerais de incendios intencionados”, conclúen os responsables desta investigación.

Para avaliar o efecto da actividade política nos incendios forestais en Galicia “incorporáronse aos modelos as diferentes fases do período electoral (local, autonómico estatal e europeo), detectando afectación á actividade incendiaria diaria”, explican os científicos.

Os datos mostran que “no día de reflexión [véspera dunhas eleccións] hai un aumento significativo da actividade incendiaria, do mesmo xeito que nas semanas anteriores ao ciclo electoral”.

“A nosa análise suxire a existencia dunha dimensión política na ocorrencia de incendios forestais en Galicia"

Concretamente, observaron que “entre sete e catro semanas antes das eleccións, a actividade incendiaria é elevada; pero non no mes anterior ás eleccións”, comentan Touza e Chas

“A nosa análise pon en evidencia a complexidade do comportamento social, suxerindo a existencia dunha dimensión política na ocorrencia de incendios forestais en Galicia", engaden.

É salientable tamén o feito de que os efectos dos arrestos de autores de incendios en período electoral son maiores (máis do dobre) que cando todas as motivacións [incendiarias] se combinan e modelan xuntas.

ATENCIÓN AO CASO GALEGO

Sobre esta atención ao caso galego no Servizo Forestal estadounidense, os investigadores Jeff Prestemon –coordinador do estudo– e David Butry comentan a este xornal varias razóns. A primeira, din, é que “os autores deste traballo levamos moitos anos investigando conxuntamente os incendios intencionados en Estados Unidos e en España; facer estudos nun país pode ser de axuda para validar os resultados da investigación noutro país”.

Nesa liña, argumentan que “a investigación en calquera destes dous países pode avanzar o coñecemento dos factores que explican ou que poden axudar a predicir a ocorrencia de incendios, proporcionando un maior coñecemento aos xestores para poder intervir dunha forma efectiva, co fin de reducir a ocorrencia de lumes intencionados”.

"Algúns estados en Estados Unidos, como California, teñen problemáticas similares, presentando un alto risco de incendios”, como Galicia

Destacan, tamén, que esta colaboración “se beneficia da diversidade de perspectivas dos distintos investigadores, reforzando a calidade e utilidade” da súa investigación.

Recordan, ademais, que “algúns estados en Estados Unidos, como California, teñen problemáticas similares, presentando un alto risco de incendios”, como Galicia.

“Galicia é unha rexión onde os lumes intencionados son a principal causa de atribución de incendios forestais. Tamén é unha rexión cun número suficientemente grande de incendios forestais intencionados (a metade dos de España) e arrestos asociados para permitir a identificación estatística dos efectos espazo-temporais dos arrestos”, argúen os investigadores estadounidenses.

Os científicos consideran que este tipo de estudos axudan a “comprender como os esforzos de aplicación da lei afectan o momento e a localización de futuros incendios ilegais”, o cal é “fundamental para facer políticas efectivas e deseñar estratexias de aplicación da lei máis efectivas destinadas a reducir a ocorrencia de incendios forestais intencionados”.

O estudo, titulado ‘Net reductions or spatiotemporal displacement of intentional wildfires in response to arrests? Evidence from Spain’, vén de ser difundido e publicado polo Servizo Forestal de Estados Unidos, logo da súa aparición na revista científica International Journal of Wildland Fire.

O traballo foi seleccionado para a súa publicación como “Elección do editor” da revista científica, o cal, din os seus autores, foi unha “honra”.

TRABALLO PREVIO

En 2018, Prestemon, Butry, Chas e Touza presentaron nunha conferencia en Coimbra (Portugal) os resultados dos seus traballos previos, nos que seguiron unha liña de investigación similar.

A presentación, titulada ‘Effects of law enforcement efforts on intentional wildfires’, resume as investigacións que viñan realizando, nas que salientaban como “os incendiarios estiveron detrás de moitos dos incendios forestais mortais que ocorreron en moitos países, particularmente en 2017 en Estados Unidos (California), Chile, Portugal e España (Galicia)”.

Casos para os que destacaban a importancia de medidas de prevención para reducir a ocorrencia de incendios forestais, ademais dos programas educativos, as campañas de información e os esforzos de vixilancia e de aplicación da lei.

Como caso de estudo tomaron Galicia, onde traballos previos destes investigadores mostran evidencias de que aplicando estas medidas é posible reducir a incidencia dos incendios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

esqueceron unha VARIABLE fundamental actividade do narcotráfico / incendios (aqueles 15 días de inferno remataron cun submarino abandoado nas illas Cïes) pero esta relación nunca ninguén a quixo investigar (?) Será que é máis doado meter no cárcere a un pastor de ovellas de Oia que enfrontar a realidade dun Sito Miñanco (?) Será...

1 Eu eiqui

Noraboa...