Por X.M. Fernández | Viana do Bolo | 19/11/2019 | Actualizada ás 09:00
O vindeiro ano cúmprense 50 anos da festa da Androlla, unha celebración que ten lugar o “domingo gordo” e que no 2020 coincidirá co 23 de febreiro. Tendo en conta esta efeméride tan importante para Viana do Bolo, o goberno local considerou oportuno aumentar o premio para o gañador ou gañadora do concurso, e de paso incentivar tamén a participación.
O gañador ou gañadora desta edición levará 1500 euros, importe que triplica o do pasado ano no que o premio en metálico foi de 450 euros. Segundo indica o alcalde, Secundino Fernández, “nesta especial ocasión poñemos por diante a importancia do cartel que anunciará o noso querido entroido e por suposto honramos debidamente a Androlla no 50 aniversario da súa festa”.
BASES DO CONCURSO
As obras presentadas a concurso, segundo temática de libre interpretación do autor ou autora, deben recoller o espírito entroideiro de Viana do Bolo e levarán como único texto “ENTROIDO 2020 - 50 FESTA DA ANDROLLA - VIANA DO BOLO. Do 13 ao 26 de Febreiro”.
O formato será vertical, sendo as medidas -con tamaño A1- de 594 x 841 mm, e a data límite para a presentación dos traballos será o venres 10 de xaneiro de 2020. O premio consistirá na edición do cartel seleccionado e nunha dotación económica de 1.500 euros.
Estes son os detalles máis importantes pero o texto completo das bases está á disposición dos interesados/as na páxina web do concello.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.