Temas: FRASEOLOXíA

“Cabeza de bubela”, “cabeza choca” ou “cabeza de vento”, equivalentes, entre outras, ó castelán “cabeza de chorlito”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 24/11/2019 | Actualizada ás 12:32

Comparte esta noticia

Para facer referencia a unha persoa de carácter pouco serio ou formal, e que adoita amosar pouco tino ou sentido nos seus feitos e palabras, en castelán non é raro utilizar, entre outras locucións, as de cabeza de chorlito ou cabeza hueca. Polo que atinxe á nosa lingua, dispomos tamén dunha boa variedade de locucións e voces que dan conta dese mesmo significado, como imos ver a seguir:

Páxaro, obra da fotógrafa www.suerainbow.es
Páxaro, obra da fotógrafa www.suerainbow.es

Ser un cabeza de chorlito # cabeza hueca # cabeza a pájaros

{= Ser unha persoa de carácter pouco serio ou formal e que adoita amosar pouco tino ou sentido nos seus feitos e palabras.}

Ser un cabeza de bubela

Ser un cabeza choca

Ser un cabeza de vento

[E TAMÉN]:

Ser un cabeza no aire # cabeza de aire # puño de aire

Ex.: Al cabeza de chorlito del director, ni caso.

Ó cabeza de bubela do directorcabeza choca do directorcabeza de vento do directorcabeza no aire do directorcabeza de aire do directorpuño de aire do director, nin caso.

● Tamén:

Ser un cabeza de palla # un cabeza de can # un tantarantán que vai para Noia # un petanoaire # unha festa no aire && (Ser unha persoa que) A onde vai esquece

Ex.: Ó director, nin caso, que a onde vai esquece.

● Tamén, en bastantes contextos:

Ser un cabeza/cabecita loca && Ser un cabra loca

Ser un cabeza tola # un cabeza louca # un chaviña louca && Ser un cabra tola # cabra louca && Ser un fogo de palla

● Tamén:

Ser un tarambana # cascabel && [E MESMO, MÁIS OU MENOS AXEITADAS EN FUNCIÓN DOS CONTEXTOS]: Ser un chalado && Ser un insensato

Ser un trosco # tarabelo # tarambaina # badulaque # tiruleco # turuleque # toleirón # toleirán # tolambrón # mequetrefe && Ser un atolascado # aloucado # atolado # atoleirado && Ser un lolailo && Ser un rodapó && [E MESMO, MÁIS OU MENOS AXEITADAS EN FUNCIÓN DOS CONTEXTOS]: Ser un chalado && Ser un insensato && [E INDA INCLUSO, CON VOCES QUE HABITUALMENTE PRESENTAN OUTROS SIGNIFICADOS]: Ser unha torda # un paxareiro # un talabarte # un baldreo

● Tamén, en contextos, e nesta mesma liña:

No tener cordura

Non ter sentido (ningún) # xuízo (ningún) # siso (ningún) # senso (ningún) # leme (ningún) && Non ter entendemento (ningún) && Non ter cordura (ningunha) && Ter o sentido a compoñer && Andarlle o sentido/sentidiño polas silveiras && Andarlle o vento polas pólas && Ter a cheminea a popa

[E MAIS]:

Ter o sentido a compoñer && Andar co sentido a compoñer && Andarlle o sentido/sentidiño polas silveiras && Andarlle o vento polas pólas

● Tamén, asociadas a ámbitos de uso coloquiais e familiares:

Ser un caganaverza # caganaverdura && Ter menos sentido ca unha cabra na paxara # ca unha cabra na cona # ca unha galiña no cu

NOTAS:

1. Como moitos dos lectores que seguen esta sección seguro que xa teñen percibido, o criterio que acostumamos adoptar á hora de reflectir o xénero gramatical de substantivos e locucións substantivas é o de facer constar simplemente o seu xénero non marcado (isto é, o masculino) naqueles casos en que os ditos substantivos ou locucións son susceptibles de presentar ambos os xéneros ou de ter referentes extralingüísticos de sexo masculino ou feminino.

Sen embargo, neste caso cómpre comentar que varias destas locucións cuxo núcleo é un substantivo feminino (coma tales, cabeza, chaviña ou cabra) poden presentar, inda tendo un referente extralingüístico de sexo masculino, o xénero gramatical feminino. Exs.: Xoán sempre foi un/unha cabeza de bubela ‡ un/unha chaviña louca ‡ un/unha cabra tola.

2. A voz rodapó, que está tirada con este significado da fonte “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”, tamén se rexistra en Palabras con memoria cun significado que presenta certa relación, como é o de “persoa que anda con chismes”.

3. Gardando unha moi estreita relación coa locución cabeza no aire, María Victoria Cerviño Ferrín tamén rexistra, no traballo “Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 3” (Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 199-210. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades), a expresión xente do aire (=xente informal).

4. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Asociación de Escritores en Lingua Galega: Sección “Palabras con memoria”, á que se pode acceder a través de Internet no enderezo seguinte: https://www.aelg.gal/palabras-con-memoria.

- Barbeito Lorenzo, María Dolores: “Frases feitas do Concello das Neves”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 7, 2005, páxs. 293-301. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía en Sebil, 2”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 15, 2013, páxs. 441-462. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ferro Ruibal, Xesús: “Cadaquén fala coma quen é. Reflexións verbo da fraseoloxía enxebre”. Discurso de ingreso do profesor Ferro Ruibal na Real Academia Galega o 4 de maio de 1996.

- García González, Constantino: Glosario de voces galegas (1985). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Goce Denis, Amparo: “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”. Bitácora no enderezo de Internet http://parucadas.blogspot.com/

- Graña Núñez, Xosé: Vacilacións, interferencias e outros “pecados” da lingua galega. Ir Indo Edicións, Vigo, 1993.

- Groba Bouza, Fernando: “Nas uñas, nas mans ou nos pés has saír a quen es”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 357-437. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Hermida Alonso, Anxos: “Fraseoloxía de Matamá (Vigo)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 283-304. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- López Taboada, Carme & Soto Arias, Mª Rosario: “Sete catas na orixe da fraseoloxía”. En Estudos de Lingüística Galega, 2, 2010, páxs. 221-233. Instituto da Lingua Galega.

- Losada Aldrey, M. Carmen & Cid Fernández, Alba & Fernández Carballido, Xurxo: Para dar trela. Manuel práctico de fraseoloxía galega. 2016, Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “120 locucións verbais galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 373-386. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.

- Pereda Álvarez, José María: Aportaciones léxicas y folklóricas al estudio de la lengua gallega. Publicado en 1953. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

- Requeixo Cuba, Armando: “Sobre fraseoloxía galega: algunhas mostras da área mindoniense”. Cadernos de Lingua, 9, 1994, páxs. 89-110. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Valladares Núñez, Marcial: Diccionario castellano-gallego. Publicado en 1884. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

1 Cecilio Cajaraville

¿Cal é o mellor xeito de dicir en galego o equivalente a "jugársela" por exemplo "España se la juega en estas elecciones" ou "El que la juega( a pelota) se la juega? Graciñas. ceciliocajaraville@ymail.com

1 xoseant.pena

Dado que a relación entre os elementos de lgas. diferentes non é biunívoca (ó elemento x da lingua A non lle corresponde indefectiblemente o elemento x da lingua B, e viceversa), diríache que non hai una soa voz galega que abranga todos os usos de “jugársela”. Basicamente, e máis ou menos acaídos en función do contexto, usamos: 1) para “exporse á boa ou mala fortuna”: “aventurarse”, “arriscar”, “xogalo#arriscalo#aventuralo todo”, “pólo todo en xogo”, “xogar#arriscar#pór en xogo + CD” (p. ex., no 1º dos ex. que pos: España xoga/arrisca o seu futuro # pon o seu futuro en xogo...), “xogar#arriscar#aventurar o todo polo todo”, “xogalo#arriscalo todo a unha carta”...; 2) para “arriscarse a recibir algún tipo de dano ou prexuízo” (p. ex., “deja de meterte con él, que te la estás jugando”): xogar a pel # a coira # o coiro # o pescozo. A ver se o tratamos nun futuro con máis vagar.

2 Cecilio cajaraville

Lin, non sei onde, hai tempo a expresión "xogar o cané", Existe? Que significado tería?...Graciñas.

3 xoseant.pena

Si que existe, inda que o seu uso (pola información que manexo) restrinxiríase ó que denominei como acepción 2 (que, a nivel xeral, viría a corresponderse co castelán “jugarse el físico”). Recóllese, p. ex., rexistrada oralmente na provincia de Pontevedra, no Dicionario Fraseolóxico Galego dirixido por Martíns Seixo (daquela, Martínez Seixo) e publicado pola editorial A Nosa Terra. Persoalmente, nalgún traballo anterior, eu reflicto a locución como “xogar o caneco”, partindo de que é posible que “cané” sexa unha variante da voz “caneco”, como documentou o profesor Constantino García no seu Glosario de voces galegas de hoxe.

4 Cecilio Cajaraville

Outra expresión castelá que ás veces custa, e a que utiliza o verbo perder como pronominal transitivo. Me lo perdi, no te lo pierdas, que se traducimos directamente por perder pode , e valla a paradoxa, perder matices. Por exemplo..non é o mesmo, me perdí su número( actuación) que perdí su númeri( de tfno) ou perderse el partido que perder el partido. Hai que buscar xeitos para expresar o mesmo pero óense aberracións tales como " non te o perdas".... Un saúdo..non penso perder de ler o seu comentario:) ( " no me lo pierdo")