A agricultura, clave para a conformación de identidades na Idade de Ferro

Así o reivindica a tese de Andrés Teira Brión, cualificada con sobresaliente 'cum laude'.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/11/2019 | Actualizada ás 19:44

Comparte esta noticia

Unha tese de Andrés Teira Brión --cualificada con sobresaliente 'cum laude'-- sinala o papel clave da agricultura para a conformación de identidades na Idade de Ferro.

Este traballo reivindica unha relectura das sociedades no noroeste da Península entre os anos 1.000 a.C. e 400 d.C. a través das economías domésticas e colaborativas agrícolas como motor das comunidades.

A investigación válese da carpoloxía, a disciplina que estuda as sementes e os froitos, para estudar 15 novos xacementos e integrar os estudos feitos na zona noroeste da Península. En total, analizáronse 630 mostras con máis dun millón de restos vexetais.

Na Idade de Ferro houbo unha intensificación da produción de cereais como o trigo e a cebada, que deu lugar á creación de estruturas de almacenaxe. "Este almacenamento durante a Idade de Ferro podería estar na base de diferenzas de poder adquisitivo das comunidades ou de grupos que producían ou controlaban as colleitas", remarca.

Pola súa banda, a conquista romana do noroeste trouxo consigo a expansión de novos cultivos con especies de froita como moras ou pexego. Con eles, créanse novos espazos á produción de froitos e novos hábitos de consumo e socialización.

Por todo iso, Teira Brión cre que a agricultura está "insuficientemente considerada nas lecturas sociais da Idade de Ferro" e identifica que o núcleo familiar foi un núcleo de produción que incorporaba ao maior número de persoas posibles, con fórmulas de traballo en comunidade desde nenos a maiores.

Grans de cebada do castro de Punta do Muíño do Vento (Alcabre, Vigo). USC
Grans de cebada do castro de Punta do Muíño do Vento (Alcabre, Vigo). USC | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta