O colectivo LGBTIQ+ urxe formación en diversidade sexual ante o aumento de agresións homófobas

Condenan que a agresión lesbofóbica sufrida por dúas mozas en Carballo non se denunciara por medo a represalias da familia das afectadas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/11/2019 | Actualizada ás 12:17

Comparte esta noticia

A Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia vén de comunicar unha "mensaxe de apoio, solidariedade e agarimo" ás dúas mozas que sufriron unha agresión lesbofóbica en Carballo hai unhas semanas. Quixeron asegurarlles que non están soas e que a Rede ten o compromiso firme de traballar por "educar nos valores de respecto e non discriminación" para que un suceso coma este non volva aconteces.

Bandeira LGTBI
Bandeira LGTBI

Ao mesmo tempo, condenan con rotundidade e consideran de extrema gravidade que esa agresión, executada á súa vez por menores de idade, non se denunciara porque na casa das mozas descoñecen a súa orientación sexual e temían represalias por parte das súas familias. Deste xeito, "a violencia sufrida multiplícase dunha forma extrema", tanto pola brutal agresión sufrida como pola "indefensión" que provoca o non poder exercer o seu lexítimo dereito á denuncia dun acto delituoso por medo á propia LGBTfobia familiar.

Esta situación supón, segundo afirman, unha "vulneración gravísima dos dereitos da infancia" e de non discriminación por orientación sexual, como garante o marco normativo vixente en Galicia.

Desde a Rede queren incidir na necesidade urxente de "formación obrigatoria, real e efectiva" en diversidade sexual, de identidade de xénero e familiar de toda a sociedade, especialmente no sistema educativo, para erradicar toda conduta discriminatoria e violenta, tanto de menores como do profesorado e, por suposto, a formación en Escolas de Pais e Nais para evitar que a lacra do odio LGBTfóbico incremente física e emocionalmente a violencia, como sucedeu neste caso e en moitos outros que non se visibilizan.

Así mesmo, reclaman unha ampliación e mellora da Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais de Galicia, na que se garanta a atención e protección das e dos menores en todos os ámbitos, especialmente, o seu dereito a non ser maltratados/as pola LGBTfobia exercida pola propia familia.

Xa por último, a Rede ofrece toda a axuda e colaboración aos centros educativos de Carballo para implementar programas de atención á diversidade sexual, de identidade de xénero e familiar nas súas aulas e convidarlles a formar parte desta Rede para traballar conxuntamente contra a LGBTfobia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ernesto

Chámenme retrógrado pero este microcolectivo ó que cada día lle engaden máis letras tiña que ter moita menos atención da que se lle dá nos medios porque día sí e día tamén monopolizan o espazo doutros moitos colectivos bastante máis estigmatizados. A hipersexualización da sociedade moderna está a levar a moito progresista a posturas abertamente conservadoras. Todo ten un punto medio. Facer deste colectivo a punta de lanza das reivindicacións sociais estase a volver na súa contra. Dito esto, as agresións, de todo tipo, teñen que ser denunciadas e castigadas sen paliativos.