A Marcha Mundial das Mulleres denuncia na campaña polo 25N "violencia xudicial"

A Coordenadora Galega critica en Ourense que "a aplicación do marco legal de protección ás mulleres non está a ser efectiva".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/11/2019 | Actualizada ás 15:56

Comparte esta noticia

A Marcha Mundial das Mulleres inicia unha campaña con motivo do próximo 25N que pon o foco na violencia xudicial contra as mulleres e os seus fillos. Un tipo de violencia que, segundo precisaron, no peor dos casos termina por facer que as mulleres se cuestionen a propia denuncia machista.

A Marcha Mundial das Mulleres presenta en Ourense a campaña do 25N
A Marcha Mundial das Mulleres presenta en Ourense a campaña do 25N | Fonte: Europa Press

Un feito que, segundo sinalou este xoves en Ourense a Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres, ocorre porque "as leis de igualdade e contra a violencia machista definen un marco legal de protección ás mulleres que non se está facendo efectivo na súa aplicación".

"Cada día nas comisarías e xulgados de Galicia, mulleres que denuncian violencia machista ven violentados os seus dereitos á defensa, a protección das súas fillas ou a protección fronte aos seus agresores", sinala.

Entre os fallos do sistema xudicial, a Marcha Mundial das Mulleres detectou "a falta de asesoramento cando se decida denunciar, no momento da denuncia e do ateigado policial que as acompañará durante todo o proceso posterior".

Ademais, tamén criticaron por parte deste colectivo que "na mesma orde se dite afastamento para os agresores e visitas do agresor aos fillos; réximes de visitas para agresores sexuais dos fillos e informes que culpabilizan ou revictimizan as mulleres".

Por todo estes motivos, a Marcha Mundial das Mulleres reclamou ás institucións información pública sobre o procedemento da denuncia machista e os dereitos das mulleres e formación específica de todo o persoal e axentes que atenden a estas mulleres.

MEDIOS

Tamén recalcaron a necesidade de dotar aos CIMM de Galicia de medios suficientes para a atención e asesoramento de mulleres que sufran violencia, así como solucións económicas reais para as mulleres que denuncian violencia machista, entre outras.

A Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres recollerá firmas por toda Galicia para pedir á Xunta que inste ao Ministerio de Xustiza e ao goberno do Estado a aplicar a lexislación en materia de violencia machista retirando as visitas dos fillos a homes denunciados por agresións machistas ata a existencia dunha sentenza firme, do mesmo xeito que cos homes denunciados por agresión sexual ou malos tratos infantís ante sentenza firme.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta