Os viaxeiros aloxados en hoteis galegos aumentaron en outubro un 9,5%

A ocupación situouse no 40,9% das prazas, lixeiramente por encima do 40,1% rexistrado en outubro do pasado exercicio en Galicia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/11/2019 | Actualizada ás 11:52

Comparte esta noticia

Os viaxeiros aloxados nos hoteis galegos aumentaron un 9,5% no mes de outubro con respecto ao ano anterior, ata os 421.287 usuarios, 36.818 máis que en outubro de 2018.

Así o evidencian os datos feitos públicos este venres pola Enquisa de Ocupación Hoteleira do Instituto Nacional de Estatística (INE), que reflicten que a maior parte deste viaxeiro, 275.677, eran procedentes de España, mentres que 145.610 eran estranxeiros.

Por provincias, o incremento porcentual máis elevado rexistrouse en Lugo, que acolleu en outubro a 68.192 viaxeiros, un 26,6% máis que hai un ano. A continuación sitúase Pontevedra, onde a cifra creceu un 8,3%, ata os 130.721 viaxeiros.

Pola súa banda, o incremento rexistrado na Coruña foi do 6,2%, ata os 188.677 viaxeiros. Ourense foi a provincia que experimentou a menor subida, un 5,3%, ata os 33.696 viaxeiros.

PERNOCTACIÓNS

En canto ás pernoctacións, a nivel galego rexistráronse 799.259 en outubro, un total de 39.637 máis que hai un ano, o que indica un aumento do 5,2%. Así, a estancia media diminuíu levemente, ao pasar de 1,98 días en outubro de 2018 a 1,9 no décimo mes deste ano.

Pola súa banda, a ocupación situouse no 40,9% das prazas, lixeiramente por encima do 40,1% rexistrado en outubro do pasado exercicio en Galicia.

PREZOS

No relativo aos prezos, o INE indica que, de forma global incrementáronse en outubro Galicia un 2,35%. En outubro, os hoteis galegos contaron cun ingreso medio de 27,8 euros por habitación dispoñible (un 6,27% máis que hai un ano).

Indice de número de viaxeiros aloxados en hoteis de Galicia en outubro
Indice de número de viaxeiros aloxados en hoteis de Galicia en outubro | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta