Condenado a seis meses de cárcere un sindicalista da CIG por "agresión" a un policía nun acto do PP en Ferrol

O funcionario de Policía, tamén xulgado, é absolto do delito de tortura, contra a integridade moral e lesións. O sindicato estuda "todos os recursos legais" para pedir "xustiza" tras o fallo.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 22/11/2019 | Actualizada ás 18:19

Comparte esta noticia

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña condenou ao que en outubro de 2012 era secretario comarcal da CIG en Ferrol a seis meses de prisión por agredir a un axente da Policía Nacional durante unha protesta diante dun hotel desta cidade, no que o PP realizaba un acto de campaña electoral.

Xulgados.
Xulgados.

Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o tribunal considerouno culpable dun delito de atentado a axente da autoridade, concorrendo a agravante de reincidencia e a atenuante de dilacións indebidas.

Ademais, a Audiencia impúxolle o pago de 840 euros ao axente e absolveuno das faltas de coaccións e lesións que lle imputaban.

Respecto ao funcionario do 091, os maxistrados decretaron a súa absolución dos delitos de tortura, contra a integridade moral e lesións polos que foi acusado.

ARGUMENTOS

Os xuíces relatan na sentenza que cando se produciu un enfrontamento entre uns manifestantes e os axentes que formaban parte do cordón policial, o acusado "agarrou cunha man a un dos policías da camisa e, coa outra, golpeoulle varias veces no casco".

A Audiencia sinala que o axente "tentou suxeitalo para metelo detrás do cordón policial e reducilo, pero non foi capaz, porque o acusado o tentaba evitar fisicamente, ata que un compañeiro que se atopaba ao seu lado axudouno".

"As testemuñas que declaran a instancia do acusado poden desde un plano teórico reforzar a súa versión, en canto á actitude pacífica dos manifestantes, á violenta dos policías, á procura do detido, á malleira sádica. Pero o problema é que estas declaracións non é que non concorden, senón que quedan desvirtuadas polos elementos de proba máis obxectivos", recalca a Audiencia.

Así, considera probado que se produciu "unha agresión, unha acometida, a un axente da autoridade cando desempeñaba a súa función, protexer a evacuación duns cargos públicos, nunhas condicións que en absoluto permiten pensar nunha menor entidade nin no ánimo defensivo".

RESPOSTA DA CIG

A CIG avanzou que estuda "todos os recursos legais" ante a sentenza condenatoria contra Xesús López Pintos. 

O sindicato lamentou o fallo e considerou "inconcibible" que se condene a Pintos cando "el foi o agredido pola Policía, tanto durante as cargas como despois, mentres permanecía detido e incomunicado en comisaría".

Así, a central sindical reprocha que López Pintos resulte condenado mentres os feitos protagonizados polos axentes "queden na máis absoluta impunidade", o que tacha de "absoluta aberración"-

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Pixín

É unha vergoña : A víctima condenado e o agresor absolto

1 A.X.del Caño

Remataremos como con Franco: Condenado un sindicalista por mallar impactando co seu ollo no cóbado dun policía armado!!!!