O abrazo das músicas

Unha serie de gravacións e de concertos iniciada nos anos 70 do século vinte dá forma a unha corrente imparable de confluencia entre a música culta e a música popular cara a un océano de son.

Por Ramón Torrado | Ribeira | 26/11/2019

Comparte esta noticia
- O arxentino Waldo de los Ríos tivo a atrevemento de engadir toques de rock á música clásica en discos como “Mozartmania” de 1971. Un seguidor desa pauta é o español Luis Cobos, que vendeu un millón de copias do seu álbum “Zarzuela” de 1982.
 
- En 1971, a opera-rock “Jesus Christ Superstar” de Andrew Lloyd Weber e Tim Rice – convertida en éxito cinematográfico en 1973 - foi precursora de musicais de Broadway como “Les Misérables” ou “Cats” que manteñen o seu atractivo co paso das décadas.
 
- Nas bandas sonoras do cine, hai aproximacións ó mundo sinfónico nas obras de grandes compositores do xénero como Ennio Morricone, Maurice Jarre, Nino Rota ou John Williams.
 
- O cuarteto sueco ABBA ofrece detalles da música culta para os oíntes máis coidadosos. A influencia clásica nos seus discos queda expresada no discurso – visible en YouTube - que Benny Andersson realizou cando o seu grupo foi admitido na Rock and Roll Hall of Fame en 2010. O compositor e teclista explicou as raíces do son de ABBA, citando as arias italianas. Ademais, mencionou ós mestres escandinavos Jean Sibelius e Edvard Grieg, xunto co tenor Jussi Björling. Por certo que a mezzosoprano sueca Anne Sofie von Otter recreou en 2001 a canción de ABBA que leva por título “Like an Angel Passing Through My Room”.
 
- O trío británico The Police ten varias conexións coa música culta.  Andy Summers contou que a inspiración para a súa guitarra en “Every Breath You Take” foi unha composición para violín do húngaro Béla Bartók. Sting incluía no sobre interior do seu primeiro disco en solitario as notas que tomou emprestadas dunha suite de Sergei Prokofiev para o tema “Russians”. Posteriormente, o cantante e baixista gravou para Deutsche Grammophon unha selección de cancións de John Dowland. Pola súa parte, o batería Stewart Copeland compuxo varias obras orquestrais, entre elas unha ópera de cámara titulada “A invención de Morel” sobre a obra homónima de Adolfo Bioy Casares.
 
- Paul McCartney é autor de cinco obras de música clásica: “Liverpool Oratorio”, “Standing Stone”, “Working Classical”, “Ecce Cor Meum” e “Ocean’s Kingdom”. Cando estaba cos Beatles, inspirouse en Johann Sebastian Bach para os acordes do tema “Blackbird”.
 
- Bandas míticas como os estadounidenses Metallica e os australianos The Church gravaron con orquestra versións en directo dos seus éxitos.
 
- José María Cano, membro do trío español Mecano, é autor dunha ópera titulada “Luna”.
 
- O tenor italiano Luciano Pavarotti foi un auténtico pioneiro no achegamento das músicas, convidando a concertos benéficos – principalmente na súa Módena natal - a tantos referentes do rock, do pop e doutros xéneros como o new age que se fai necesario un listado:
Anastacia, Andrea Bocelli, Andreas Vollenweider, Aqua
Barry White, B.B. King, Bob Geldof, Boyzone, Brian Eno, Bryan Adams 
Caetano Veloso, Céline Dion
Darren Hayes, Deep Purple, Dolores O’Riordan
Elisa, Elton John, Enrique Iglesias, Eric Clapton, Eurythmics
George Benson, George Michael, Gianni Morandi, Gino Paoli, Giorgia, Gloria Estefan, Grace Jones
James Brown, Joan Osborne, Joe Cocker, Jon Bon Jovi
Laura Pausini, Lionel Richie, Liza Minnelli, Lou Reed, Lucio Dalla
Maná, Mariah Carey, Meat Loaf, Mercedes Sosa, Michael Bolton, Mike Oldfield, Mónica Naranjo, Morcheeba
Nancy Gustafson, Natalie Cole
Renato Zero, Ricky Martin
Queen
Sheryl Crow, Simon Le Bon, Skunk Anansie, Spice Girls, Stevie Wonder, Sting
The Corrs, Tom Jones, Trisha Yearwood
U2
Vanessa Williams
Zucchero
 
Un fermoso recordo desta libre xenerosidade é a versión que fixo Pavarotti da composición de Lucio Dalla titulada “Caruso”.
 
 
- Nas Olimpiadas de Barcelona en 1992, a soprano Montserrat Caballé xuntouse nun dueto memorable con Freddie Mercury.
 
- O disco de canto gregoriano “Chant” dos Monxes de Santo Domingo de Silos foi un éxito en 1994, en parte ó ser contemplado como antídoto para o estrés, e chegaron a venderse seis millóns de copias en todo o mundo. Queda por ver que se descubran en todo o seu valor as obras polifónicas de Tomás Luis de Victoria, Francisco Guerrero ou Cristóbal de Morales, ou as óperas do valenciano amigo de Mozart Vicente Martín y Soler.
 
- O compositor belga Wim Mertens sinala nunha entrevista deste novembro de 2019 que el leva 40 anos intentando derrubar a fronteira entre a música clásica e o pop. Outros mestres da música denominada New Age, ou Nova Era, como Ryuichi Sakamoto, Kitaro, Vangelis, Chris Spheeris, Lito Vitale, Loreena McKennitt ou Suzanne Ciani acadan ás veces algo da elusiva grandeza da música culta barroca, clásica ou romántica.
 
- A londiniense Royal Philharmonic Orchestra, creada en 1946, ten feitos discos específicos con versións orquestrais de moitas estrelas da música popular: The Beatles, The Beach Boys, Queen, Pink Floyd, Deep Purple, ABBA, The Police, Rush, The Who, Oasis e Madonna. Tamén dedicou un álbum a temas clásicos do rock progresivo – ás veces chamado sinfónico – con versións de Yes, King Crimson, ELP, Alan Parsons Project, The Moody Blues, Jethro Tull e Porcupine Tree, entre outros.
 
- Un ano antes do seu recente e lamentado pasamento, Camilo Sesto sacou un disco titulado “Camilo Sinfónico” no cal a voz nalgunhas das súas mellores interpretacións está enaltecida polo Coro e a Orquestra da Televisión Española.
 
- Sería marabilloso que en Galicia se fixera unha gravación con versións sinfónicas das máis destacables melodías de formacións e vocalistas da nosa terra como por exemplo Fuxan os Ventos, Milladoiro, Xocaloma, Os Tamara, A Quenlla, Brath, Luar na Lubre, Berrogüetto, Chouteira, Guadi Galego, Emilio Cao, Andrés do Barro, Juan Pardo ou A Roda.
 
      A modo de coda, faise reconfortante e valiosa a imaxe do pasado verán que mostra a Sting e Arvo Párt abrazándose contentos en Estonia: é un símbolo da unión de sensibilidades e da apertura sen simbólicos muros de Berlín ás notas pautadas das partituras que definen e acompañan os nosos pasos por esta Terra.
 

O abrado da música
O abrado da música | Fonte: R.T.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Foi colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes, entre elas, Rebeca no val das sombras ardentes (Toxosoutos, 2018) e "Torino" (Axóuxere, 2021), a súa última obra publicada.