Por Galicia Confidencial | Vigo | 25/11/2019 | Actualizada ás 09:00
A Asociación de Docentes de Portugués na Galiza (DPG) considera que non se está cumplindo o compromiso da Xunta para a contratación de profesores en portugués, xa que se están cubrindo estas prazas no ensino secundario con profesores sen especialización na lingua portuguesa.
A DPG suliña que este ano letivo en curso “existe unha lista oficial con máis de 25 docentes especializados” que a Consellaría de Educación “demorou a publicar, o que permitiu a contratación de docentes sen especialización”. Por iso, critica que esta lista “continúe a ser ignorada e que continúen a ser feitas contratacións sen atender á calidade profesional e á existencia de docentes especializados”.
“Desde setembro, a DPG alertou á Consellaría de Educación para tomar en serio a publicación das listas de substitución de docentes portugués, así como para comezar a regulamentar a nova realidade no ensino secundario, con docentes contratados a través da especialidade”, refire nun comunicado.
Segundo esta asociación, dos 15 centros escolares que ensinan este idioma, en tres as prazas para o ensino de portugués non foron cubertas con docentes especializados. Os docentes de portugués pretenden que a Dirección Xeral de Recursos Humanos da Consellaría de Educación informe a eses centros escolares da existencia desa lista de 25 profesores especializados.
“A contratación a través da lista da especialidade ten de se tornar unha prioridade até esta se esgotar”, destaca a asociación, reforzando a “urxencia para non continuar a desvalorizar a calidade do ensino de portugués no ensino secundario”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.