A fiscalía, contundente contra 'O Chicle': "Asexa e acurrala, non sente pena... Só satisfai os seus desexos sexuais"

A acusación nega a "versión incoherente" do 'acusado que "saíu cazar" a Diana Quer e levouna a Asados para "forzala". A defensa admite que puidera "ser consciente" de que causaba "a morte" a Diana. Tamén a acusación engadiu unha agravante de xénero por ser unha vítima muller.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/11/2019 | Actualizada ás 10:29

Comparte esta noticia

A fiscal Cristina Margalet centrou este luns as súas alegacións finais do xuízo polo asasinato de Diana Quer no "modus operandi" de Enrique Abuin, que apunta o "móbil claramente sexual", e nas probas que contradín a súa versión e "cazan as súas mentiras" sobre o sucedido o 22 de agosto de 2016, cando "comete o crime por pura maldade".

Nunha alegación que se prolongou por máis de dúas horas e media, a fiscal ratificouse en que, segundo as probas practicadas, Enrique Abuín, "asexou", agrediu, secuestrou, violou e matou a Diana nun lugar "horrible" seguindo un "modus operandi coincidente" con outras mulleres que "declararon" no xuízo "e que poderían correr a mesma sorte". En todos estes casos, dixo a fiscal, O Chicle actuou para "satisfacer os seus instintos".

Nesta liña, Cristina Margalet mencionou a denuncia da excuñada de Abuín Gey, a vítima á que agrediu o día de Nadal de 2017 en Boiro -un caso polo que xa está condenado--, dúas testemuñas ás que increpou un día antes e unha muller que asegurou que tentara agredila sexualmente en Ourense.

"É unha persoa metódica, segue un patrón", dixo, mencionando, en primeiro lugar, que o acusado utiliza o coche como "arma de traballo indispensable para cometer os seus delitos", tenta "quitarlle o móbil ás súas vítimas" para que non poidan "pedir axuda" e queden "indefensas" e a "ameaza" cun obxecto --un "desmontable" no caso de Diana-- co obxectivo último de agredilas sexualmente. Para iso, estima, aproveita lugares que coñece e "os días de festa", as patronais da Pobra no caso de Diana e o Nadal no intento de agresión de Boiro.

A fiscal sumou os datos do seu perfil psicolóxico, que determinou que non ten unha personalidade patolóxica, e a actitude "normal" que tivo o día seguinte aos feitos para asegurar que, se non ten "ningunha enfermidade", comete o crime "por pura maldade". "Asexa e acurrala á súa vítima, non sente pena, compaixón ou culpa. Só satisfai os seus desexos e busca ter á súa presa á súa mercé", resumiu.

PROBAS CONTRADÍN A VERSIÓN

Entre outras probas, a Fiscal apuntou a que o posicionamento dos teléfonos, elaborado pola Garda Civil, contradí o lugar no que el di que se atopou con Diana, así como que os datos forenses desmenten que a morte puidese ser accidental. "É imposible causar a morte de Diana como el escenificou na reconstrución", engadiu, lembrando que tivo que producirse un estrangulamento de "varios minutos".

Tamén rexeitou Cristina Margalet que O Chicle colaborase cos investigadores, xa que se "inventou unha coartada", entregou un móbil "que non era o seu" e , "só cando se viu coa corda no pescozo", admitiu causar a morte, aínda que inicialmente dixo que a atropelou e contou ata tres lugares distintos onde deixara o cadáver.

Vista xeral da sesión final do xuízo polo crime de Diana Quer onde hai unha pantalla con imaxes do presunto asasino de Diana, José Enrique Abuín Gey, alias `o Chicle´
Vista xeral da sesión final do xuízo polo crime de Diana Quer onde hai unha pantalla con imaxes do presunto asasino de Diana, José Enrique Abuín Gey, alias `o Chicle´ | Fonte: Europa Press

Paralelamente, a Fiscal lembrou que, no caso de Boiro, O Chicle tamén xustificou o seu intento de agresión e de quitarlle o móbil á moza asegurando que creu que o viu roubando nun coche. "É o seu modus operandi", ratificou.

O Ministerio Público cre que "Diana ía viva e encerrada no maleteiro" do coche do Chicle, que despois o acusado "limpou a conciencia" e que fose "imposible" que transportase o seu cadáver ata o soto da nave abandonada.

ACUSACIÓN PARTICULAR

A acusación particular no xuízo polo asasinato de Diana Quer incidiu este luns na "versión incoherente" de Enrique Abuín, que "mente, mente e mente" sobre o sucedido o 22 de agosto de 2016 cando, segundo a súa posición, "saíu cazar" a Diana Quer e, tras agredila, levouna á nave abandonada de Asados no seu vehículo para "forzala sexualmente".

"Dixemos ao comezo que era como unha película de terror. Pois ben, terror si, pero película non. Isto é a realidade", dixo o avogado Ricardo Pérez Lama, que representa á familia da vítima, durante as súas alegacións finais, que se prolongaron durante máis de hora e media.

Neles, o letrado quixo incidir nas probas e indicios desenvolvidos durante a nove sesións de xuízo, pero tamén no "sentido común profundísimo" que, retomando as palabras do pai de Diana, di que 'O Chicle' "non colleu" a moza esa madrugada "para levala a misa".

Para Pérez Lama, Diana "empezou" axudando aos investigadores mesmo antes do ataque, e deulles "pistas". "Díxonos que estaba atemorizada, que estaba a ser acosada", dixo o avogado ao xurado popular, en referencia aos whatsapp que mandou a uns amigo momentos antes de desaparecer. "Cando unha moza, ás tres menos cuarto da mañá, di 'estou a acolloarme', con iso non se pode banalizar", explicou o avogado, para quen "Diana tiña motivos suficientes para estar acolloada, como ela dicía na súa mensaxe".

Tras agradecer o "extraordinario labor" realizado pola Garda Civil neste caso, Ricardo Pérez Lama pediu aos xurados que teñan en conta que, ademais de probas directas, poden existir "probas indiciarias" e que é necesario "ver as cousas no seu conxunto". Para exemplificalo, recorreu á sentenza polo asasinato de Asunta Basterra, na que el mesmo exerceu tamén como acusación popular.

FOI "CAZAR"

Nesta liña, lembrou que Enrique Abuín é o "autor confeso" da morte de Diana e que ofrece unha versión "chea de incoherencias" e de "mentiras" sobre o sucedido esa madrugada.

En particular, referiuse aos posicionamentos dos teléfonos tanto de Diana como de Enrique Abuín, que contradín a súa versión, as testemuñas que aseguran que non se roubou gasoil esa noite ou o feito de que permanecese na nave de Asados "como mínimo unha hora e 24 minutos", así como que os forenses sinalasen a brida como "arma homicida" dadas as lesións nos ósos do pescozo.

"A versión do acusado é totalmente falsa, contraditoria, elusiva. Mente e mente e volve mentir", dixo o avogado na súa alegación, no que asegurou que Enrique Abuín "estaba no Paseo Marlés" da Pobra esa noite —actual Paseo do Arenal— "para cazar" e interceptou a Diana nun cruzamento entre esta vía e a rúa Venecia, onde sitúa o seu móbil e non onde el dixo que fora roubar gasoil. "De roubo non hai nada", explicou o avogado, "el vai cazar, esa é a realidade".

En reiteradas ocasións, o letrado dixo aos xurados que non deben "ter dúbidas" de que Diana "estaba viva" na Pobra, e cando chegou a Asados. "Métea viva no maleteiro, porque o que pretende é abusar dela, violala", engadiu o avogado, para quen o feito de que a "someta con cintas e bridas" evidencia que aínda estaba con vida cando a transporta, xa que "se estivese morta non habería ningunha necesidade de brida". "Os indicios demóstrannos inapelablemente que Diana estaba viva", estimou.

Para Pérez Lama, Enrique Abuín "buscou impunidade para facer con Diana o que lle veu en gana" na nave de Asados, onde a trasladou "viva" e onde a "espiu". "Non dá unha explicación razoable por que está polo menos unha hora e vinte minutos nesa nave. Por que? Porque Diana está viva. Mátaa en Asados para que non descubran o seu crime", engadiu.

"O acusado pretende facerlles crer a vostedes que non agrediu a Diana e iso non llo cre ninguén, nin el", dixo o letrado, para quen o "único fin posible" desta actitude "era forzala sexualmente" mentres a tiña "á súa mercé totalmente, atemorizada, indefensa, incomunicada e sen posibilidade algunha de defenderse", no que cualificou de "acto de dominación".

Pérez Lama mencionou tamén o edema vulvar sinalado por un dos forenses, José Blanco Pampín, para avalar esta cuestión, e defendeu a aplicación do Teorema de Bayes, que apunta a un móbil sexual.

Por outra banda, mencionou as dificultades de moverse "manipulando un cadáver" polo interior da nave de Asados "sen luz", algo que cualificou de "imposible". "Non lle dean máis voltas, é imposible", resolveu.

Finalmente, tamén estableceu paralelismos entre este caso e outros, como o intento de agresión en Boiro polo que 'O Chicle' xa foi condenado, e desmontou o seu arrepentimento lembrando que, ao día seguinte de matar a Diana, Enrique Abuín "foi á praia" con "normalidade".

"A única pena perpetua que existe aquí é a que ten a familia de Diana", subliñou Pérez Lama. "Cando vexan esas fotos, póñanlle a cara dunha nena que se chama Diana Quer, que foi asasinada dunha forma terrible e absurda", concluíu.

DEFENSA

Pola súa banda, a defensa de Enrique Abuín, que exerce a letrada María Fernanda Álvarez, introduciu nas súas conclusións finais a posibilidade de que O Chicle "fora consciente" no momento do ataque a Diana Quer "da forza que estaba a facer sobre a vítima" e de que "podería causarlle a morte".


Así o dixo ao comezo das conclusións finais do xuízo, nas que modificou o escrito de defensa para introducir a posibilidade subsidiaria de que Enrique Abuín cometese un "homicidio con dolo eventual", no caso de que o xurado considere probado que O Chicle foi consciente da forza que estaba a facer mentres estrangulaba a Diana. Neste caso, pide para el a imposición dunha pena de prisión de entre cinco e sete anos.

En todo caso, a letrada considera inicialmente os feitos constitutivos dun homicidio accidental, polo que pide que se lle impoña ao acusado unha pena de prisión de dous anos e medio, tendo en conta a atenuante cualificada de confesión.

Pola súa banda, tanto Fiscalía como a acusación particular, que exercen os pais de Diana, elevaron a definitivas as súas conclusións provisionais, nas que piden para Enrique Abuín a pena de prisión permanente revisable polos delitos de asasinato con aleivosía e ensañamento, detención ilegal e agresión sexual.

As dúas partes da acusación introduciron nas súas conclusións lixeiras variacións para precisar cuestións como a medida da brida e o cable que se empregou para lastrar o corpo ou deixar constancia das diferentes versións que deu O Chicle. A acusación engadiu tamén unha agravante de xénero por ser unha vítima muller.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta