A oposición esixe á Xunta que non suprima o servizo de paritorios en Verín

Os grupos solicitarán que o conselleiro de Sanidade ofreza explicacións na Cámara sobre unha decisión "inaceptable".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/11/2019 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

Os grupos da oposición no Parlamento de Galicia --PSdeG, Común da Esquerda, BNG e En Marea-- demandaron á Xunta que rectifique a decisión de suprimir o servizo de paritorios no hospital de Verín, o que provocará que, a partir do 1 de decembro, as mulleres da comarca terán que desprazarse a Ourense para dar a luz.

Así, nas roldas de prensa celebradas este luns en sede parlamentaria, as forzas da oposición avanzaron que rexistrarán unha petición para que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, compareza ante a Cámara para ofrecer explicacións sobre un traslado que consideran "inaceptable".

Nas roldas de prensa celebradas este luns en sede parlamentaria, os grupos manifestaron o seu rexeitamento a unha decisión que encadran na "política de recortes e desmantelamento" da sanidade pública que atribúen ao Partido Popular. Pola súa banda, fontes de Grupo Común da Esquerda (que este luns non convocou rolda de prensa no Parlamento) confirmaron que se suman á petición.

Á espera da Xunta de Portavoces deste martes, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, tamén foi preguntado pola supresión do servizo de paritorio en Verín e a petición de comparecencia do conselleiro do ramo que reclama a oposición.

Respecto diso, indicou que dita demanda acaba de formalizarse e que "se analizará" como "todas as cuestións" que a oposición pon sobre a mesa.

GONZALO CABALLERO

O líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, lamentou a "falta de compromiso" da Xunta coa sanidade pública "de calidade", unha postura do Executivo que dirixe Alberto Núñez Feijóo que, segundo o do PSdeG, "afecta con máis gravidade aos concellos pequenos e as zonas de interior" como demostra o caso de Verín.

Neste sentido, apuntou que o responsable de levar ao hospital de Ourense o servizo de paritorios é do actual xerente da EOXI ourensá, Félix Ruibal, quen durante a súa etapa na área de Vigo "fixo que 100.000 vigueses saísen á rúa para protestar contra as políticas sanitarias de Feijóo".

"Feijóo levou a Ruibal a Ourense, castigando aínda máis a provincia", engadiu Caballero, quen instou ao presidente galego a "saír a defender" persoalmente as súas políticas sanitarias e non se ampare nos responsables das áreas. "O PSOE só confronta co PP, non cos contratados, que non son interlocutores válidos", apostilou.

BNG

Para a líder do BNG, Ana Pontón, a decisión é "inaceptable e inconcibible", polo que trasladou o apoio da súa formación ás mulleres afectadas. "Estamos a asistir a un desmantelamento que se ceba cun servizo tan sensible como é a atención ás mulleres embarazadas", subliñou.

Deste xeito, a portavoz nacional do Bloque preguntouse se "recortar servizos ás mulleres", como a centralización do paritorio de Verín en Ourense "é unha das medidas estrelas" da Lei de reforzo de actuacións prioritarias da Xunta.

"VIOLENCIA MACHISTA", SEGUNDO VILLARES

"É un caso de violencia machista institucional", sentenciou o portavoz de En Marea, Luís Villares, que alertou de que esta decisión "pon en risco a vida da muller e do bebé", xa que terán que percorrer "unha hora e media en coche ou taxi" desde algún dos concellos máis afastados da comarca para dar a luz.

"A Feijóo gustaríalle que a partir de agora as mulleres dean a luz nas autovías? Quere Feijóo que os nenos nazan en taxis ou en coches? É esta a sanidade para Ourense que quere Feijóo?", preguntouse Villares, que reclama a dimisión de Félix Ruibal e que o Sergas se bote atrás na decisión.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, comparece no Parlamento de Galicia.. XUNTA DE GALICIA - Arquivo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, comparece no Parlamento de Galicia.. XUNTA DE GALICIA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta