Caixabank abona 210.000 euros apropiados indebidamente polo excontable da Confraría do Grove

A defensa do acusado alega que, no momento dos feitos, o seu cliente padecía "ludopatía"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/11/2019 | Actualizada ás 16:26

Comparte esta noticia

Caixabank aceptou un acordo de conformidade a través do que recoñece a existencia dunha actuación neglixente e abona 210.000 euros apropiados indebidamente polo excontable da Confraría do Grove (Pontevedra).

CaixaBank. CAIXABANK
CaixaBank. CAIXABANK

O acordo materializouse na Sección segunda da Audiencia de Pontevedra este luns, antes do inicio do xuízo por malversación de caudais públicos contra o excontable da Confraría de Pescadores San Martiño do Grove, Fabricio F.A.

A primeira xornada do xuízo transcorreu coa conformación do xurado e a presentación das probas que esgrime cada unha das partes, quedando para o martes o inicio da vista oral coa declaración do acusado. Para el, a Fiscalía solicita unha condena de seis anos de prisión e 15 anos de inhabilitación.

Fabricio F.A., está acusado de apropiarse de 505.000 euros do depósito pero antes de que se iniciase contra el un procedemento xudicial por estes feitos confesou ante o Xulgado de Instrución número 1 de Cambados recoñecendo apropiarse indebidamente duns 190.000 euros, correspondentes unicamente ao diñeiro retirado das entidades bancarias Caixabank e Banesto (agora Banco Santander).

Con todo, no seu escrito de acusación, a Fiscalía sostén que o acusado "obrando con ánimo de ilícito enriquecemento, faltando ao deber de lealdade para coa confraría da que era empregado e aproveitando a circunstancia de ter acceso ás caixas e contas bancarias", "concibiu o plan de ir facendo súas paulatinamente diversas cantidades de euros durante os anos 2009 e 2010, logrando incorporar ao seu patrimonio un total de 505.515,83 euros".

O fiscal David de la Fuente advertiu aos membros do tribunal popular que "teñen unha tarefa ardua", xa que este "é un xuízo difícil". Con todo, o representante do Ministerio Público cre que os xurados contan cunha vantaxe e esta é que "os números son elocuentes, non se equivocan, din a verdade".

ALEGACIÓN DA DEFENSA

A defensa do acusado alega que no momento dos feitos Fabricio estaba afectado do trastorno do control de impulsos coñecido como ludopatía, polo que tiña limitada a súa vontade pola adicción aos xogos de azar.

O avogado da Confraría do Grove lembrou que naquela época había uns 800 socios, maioritariamente familias do Grove, "ás que non só defraudou a confianza, senón que se quedou con diñeiro alleo non por ludopatía, senón para manter un nivel de vida".

E é que este letrado da acusación particular sostén que o acusado, que tamén rexentaba varios negocios, "cando se viu descuberto teceu unha estratexia de confesión parcial". Por iso, entenden que "a ludopatía é unha estratexia procesual".

RESPONSABLES CIVÍS SUBSIDIARIOS

A confraría, o propio Ministerio Fiscal e a aseguradora Allianz S.A. tamén sinalan como responsables civís subsidiarios as dúas entidades bancarias Caixabank e o Banco Santander, das que sacou o diñeiro pertencente ao colectivo.

A primeira das entidades recoñeceu este luns a existencia dunha neglixencia bancaria por non esixir as dúas firmas mancomunadas necesarias para realizar os movementos do diñeiro. A segunda, Banco Santander, á que reclaman 34.300 euros, asegura que non existiu neglixencia.

Este martes retomarase o xuízo coa declaración do acusado e está previsto que ao longo de toda a semana comparezan na sala unha vintena de testemuñas entre excompañeiros do acusado, médicos forenses, técnicos economistas, peritos contables e psicólogos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta