O PP rexeita a comparecencia de Almuiña sobre a supresión do paritorio en Verín

Puy (PPdeG) defende que a centralización do servizo en Ourense se toma con base en criterios "técnicos e médicos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/11/2019 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

O PPdeG rexeitou a petición conxunta da oposición para que comparecese ante a Cámara o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, despois da decisión de suprimir o servizo de paritorios no hospital provincial de Verín, un asunto que os grupos introduciron na sesión plenaria da próxima semana a través de iniciativas parlamentarias e unha pregunta ao presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo.

A comparecencia de Almuiña, solicitada por toda a oposición --PSdeG, Común da Esquerda, BNG e En Marea--, quedou fóra da orde do día da sesión plenaria que o Pazo do Hórreo acollerá os días 3 e 4 de decembro, xa que o grupo maioritario, o PPdeG, considera que o conselleiro acudirá á Cámara para explicar a medida "canto todo estea pechado e encaixado".

Así o indicou o portavoz parlamentario dos populares, Pedro Puy, que defendeu que a supresión do servizo de paritorios no hospital comarcal de Verín atende a "criterios técnicos e médicos" que gozan do visto e prace dos "médicos, os responsables de servizo e as sociedades científicas", que, di, coinciden cos directivos da área sanitaria de Ourense en que "é o mellor para a saúde das nais e os bebés".

Neste sentido, asegurou que existe "unha redución importante" no número de partos no hospital de Verín, que presenta un índice de 60 ao ano --"pouco máis dun á semana"--, polo que os responsables estiman que "a mellor" forma de organizar os recursos é centralizar o servizo de paritorios no hospital de Ourense.

Con todo, os grupos da oposición, que criticaron en bloque a decisión do PPdeG de impedir a comparecencia do titular de Sanidade, introduciron na orde do día da sesión varios puntos do día sobre a eliminación deste servizo, que provocou protestas na comarca de Monterrei.

Así, En Marea empregará a súa intervención na sesión de control para cuestionar o xefe do Executivo galego sobre unha decisión "que contradí as recomendacións internacionais" e que obrigará as nais que dean a luz nas zonas máis afastadas da comarca a percorrer ata 113 quilómetros ata Ourense. "O que hai detrás desta decisión é o desmantelamento dos servizos sanitarios no rural", aseverou a deputada do mixto Paula Vázquez Verao.

Xunta de Portavoces no Parlamento galego.. EUROPA PRESS - Arquivo
Xunta de Portavoces no Parlamento galego.. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Pola súa banda, o PSdeG introduce o asunto no debate parlamentario a través dunha pregunta oral dirixida ao conselleiro sobre a supresión do paritorio que, segundo Xoaquín Fernández Leiceaga, contradí "o discurso" da Xunta compartido coa oposición de que "o maior problema ao que se enfronta Galicia é a crise demográfica". "Con isto dificúltase aínda máis ter fillos no rural", remarcou o ata este martes portavoz parlamentario dos socialistas galegos.

O Bloque, que presenta unha proposición non de lei sobre a decisión do Sergas, lamentou a "alarma e conflitividade" que a eliminación deste servizo está a xerar na comarca de Monterrei, polo que, da man da súa deputada Olalla Rodil, afeou que o PPdeG "entenda que non é importante a situación na que se some o hospital de Verín".

Por último, Grupo Común da Esquerda tamén empregará unha interpelación parlamentaria para demandar explicacións sobre unha cuestión "que non se entende".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta