A empresa de xestión de residuos Valtalia compra a compañía Espina Obras Hidráulicas

A operación xera un grupo con case 800 empregos directos e un volume de facturación de ao redor de 150 millóns.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/11/2019 | Actualizada ás 19:03

Comparte esta noticia

Valtalia, con sede en Ourense, adquiriu o 100% da compostelá Espina Obras Hidráulicas, o cal xera un grupo empresarial con case 800 empregos directos e un volume de facturación que se aproxima aos 150 millóns de euros.

A través dunha nota de prensa, o grupo comprador destaca que esta operación "fortalece as dúas compañías galegas" e "mantén en Galicia o accionariado da histórica empresa compostelá".

Con ela, engade, o ciclo da auga, a enxeñaría hidráulica e diferentes áreas da enxeñaría civil pasan a formar parte do plan estratéxico de Valtalia.

O principal executivo e accionista maioritario de Valtalia, César Pereira, resalta que a integración representa "un gran desafío e un reto de máxima esixencia, para continuar o legado de Antonio González Espina".

"Convértenos en verdadeiros xestores integrais para asumir as esixencias da sustentabilidade e a economía circular con solucións prácticas", afirma o fundador e CEO de Valtalia.

Con esta compra, o grupo que dirixe Pereira impulsa o crecemento dos últimos anos tanto en España como no exterior, con actividade no sector privado, que representa o 60% do seu negocio, e con adxudicacións na vertente pública.

AS DÚAS EMPRESAS

A operación integra en Valtalia a un persoal de 370 traballadores que tiña Espina ao peche de 2018. A compañía compostelá ten a súa sede central no polígono do Tambre e conta con delegacións en Asturias, Castela e León, Romanía, Costa do Marfil e Uruguai. O pasado exercicio facturou máis de 35 millóns de euros, con máis dun 80% de carteira de obra internacional.

Con sede central en Ourense, Valtalia facturou 105 millóns de euros en 2018, con 424 traballadores en persoal. Os seus proxectos de enxeñaría, comerciais ou industriais esténdense por 19 países e mantén un crecemento sostido desde a súa constitución, en 2005.

Valtalia
Valtalia | Fonte: valtalia.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta