Pillan oito autobuses pirata da Coruña que viaxaban ao estranxeiro con persoas con discapacidade

Formuláronselle once denuncias en materia de transportes e outras sete por infraccións "graves ou moi graves" ao Regulamento Xeral de Vehículos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/11/2019 | Actualizada ás 10:24

Comparte esta noticia

Axentes especialistas na inspección de transportes do Sector de Tráfico da Garda Civil en Galicia interceptaron na AP-9 un autobús que realizara un transporte internacional de viaxeiros sen a correspondente Licenza Comunitaria, que ampara o transporte internacional dentro da Unión Europea, ademais doutras infraccións en materia da lexislación de transportes.

Segundo informou o Instituto Armado, esta inspección "levantou as sospeitas dos gardas civís", que procederon a realizar unha inspección "máis exhaustiva" en diversas rutas da empresa que opera desde A Coruña.

Froito desas inspeccións, relataron as mesmas fontes, detectouse que esta empresa realizaba un servizo regular de uso especial de viaxeiros sen a correspondente autorización para efectuar este desprazamento.

O autocar foi sorprendido cando circulaba pola AP-9 e desviado á área de servizo de Ordes para o seu control. Transportaba en diversas rutas a persoas con discapacidade intelectual e mobilidade reducida a un centro ocupacional da provincia da Coruña. "Todo iso sen as correspondentes autorizacións de uso especial que concede a Xunta de Galicia para este tipo de transportes", subliñaron as mesmas fontes.

DENUNCIAS

Os axentes inspeccionaron oito autobuses, todos da mesma empresa, e formuláronselle once denuncias en materia de transportes e outras sete por infraccións ao Regulamento Xeral de Vehículos por infraccións "graves e moi graves", indicaron as mesmas fontes.

Ademais das denuncias por carecer das correspondentes autorizacións que levan aparelladas sancións económicas de 4.000 euros, formuláronse denuncias por cuestións técnicas como a ausencia do dispositivo acústico de marchas atrás, fallos na apertura das portas de emerxencias, carencia de botiquín, extintores caducados desde marzo de 2018 e diversos asentos "severamente degradados, con roturas en tapizado e parte acolchada que poderían ocasionar lesións en caso de sinistro ao non estar protexidas as partes metálicas dos mesmos", concretou a Benemérita.

Os axentes non puideron comprobar se tiñan contratado o seguro de responsabilidade civil ilimitada, obrigatorio para transportar viaxeiros deste tipo, cuestión que deberán acreditar ante a Xefatura de Tráfico da Coruña.

INSPECCIÓNS

"A seguridade é a máxima prioridade para as empresas dedicadas ao transporte de viaxeiros e as cifras de sinistralidade anuais reflicten que este é un sector seguro", lembra o Instituto Armado. Para a Garda Civil, segundo destacou, "a protección dos transportes de viaxeiros en xeral e de escolares e colectivos vulnerables en particular, é unha prioridade".

Os gardas civís realizan inspección e control deste tipo de transportes de viaxeiros, tanto de uso regular, como de uso especial e de escolares durante todo o ano á marxe das campañas específicas que se realizan.

Nas inspeccións periódicas que se realizan aos transportes de viaxeiros os gardas civís verifican o uso do cinto de seguridade, tempos de condución e descanso, velocidade, alcol e outras drogas, autorizacións e documentos tanto do vehículo como do condutor.

Detectada unha empresa de autobuses que operaba desde A Coruña sen as correspondentes autorizacións.. GARDA CIVIL
Detectada unha empresa de autobuses que operaba desde A Coruña sen as correspondentes autorizacións.. GARDA CIVIL | Fonte: Europa Press

SEN PRECEDENTES NA ZONA

O chamado transporte 'pirata' é un fenómeno en auxe no Estado. O pasado ano, a Comunidade de Madrid interpuxo un total de 3.081 denuncias a vehículos VTC por captación irregular de clientes ou non dispor de folla de ruta de traxecto, un requisito previo da precontratación desta modalidade.

Este tipo de denuncias repetíronse noutros puntos da xeografía, sobre todo taxis que traballaban de forma ilegal. A pesar diso, fontes da investigación aclararon que a detección deste servizo de autobuses 'pirata' que operaba na Coruña representa un caso puntual e "excepcional" na zona, do que non constan precedentes.

A Garda Civil realiza tarefas de inspección e control deste tipo de transporte de viaxeiros, tanto de uso regular como de uso especial, e de escolares durante todo o ano, á marxe das campañas específicas.

Nelas verifícanse cuestións como o uso do cinto de seguridade, os tempos de condución e descanso, velocidade, alcol, drogas, ou que as autorizacións e documentos estean en regra, tanto do vehículo como do condutor.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta