Bonni, de cadela abandonada a estrela de publicidade

Protagoniza 'Esteriliza, adopta', a nova campaña da Deputación de Pontevedra para fomentar a tenencia responsable de animais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/11/2019 | Actualizada ás 16:55

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este mércores a nova campaña de sensibilización do Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) que xestiona a institución en Armenteira (Meis), e que dá servizo a 48 concellos da provincia, cunha poboación estimada de 400.000 habitantes.

Esta nova campaña, baixo a lema 'Esteriliza, adopta', quere aproveitar a proximidade das festas do Nadal para facer fincapé "na importancia da adopción fronte á compra e tamén na importancia de esterilizar para evitar a cría irresponsable de animais que logo xera tantos problemas e tantos abandonos ou malos tratos", como subliñou Silva, que sostén que este problema "mide tamén que sociedade somos".

Acompañaron á presidenta nesta presentación o deputado Manuel González; o veterinario xefe do CAAN, José Luís Pedreira; o xefe do Servizo de Asistencia Intermunicipal (SAIM) da Deputación, Gabriel Rodríguez; e Bonni, unha cadela mestiza que tras ser abandonada foi acollida no centro e adoptada posteriormente.

De feito Bonni é unha das cadelas cuxa imaxe figura nos 13.340 dípticos e nos 9.031 carteis da iniciativa 'Esteriliza, adopta' presentada este mércores.

Carmela Silva lembrou que nestas festas "moitos animais son obxecto de agasallo" e a Deputación provincial quere "concienciar a quen estea a pensar en facer este agasallo para que adopte un can en lugar de compralo", unha actitude "moito máis responsable, máis social e acorde co benestar animal", engadiu.

"DATOS POSITIVOS"

Por outra banda, a campaña incide na importancia da esterilización, "para evitar a cría de animais que logo en moitas ocasións acaban abandonados". Silva destacou os "datos positivos" que arroxa ata o momento este ano 2019, tanto no que se refire ao descenso do número de recollidas, con 1.176 ata o 15 de novembro, por 1.788 en todo 2018, como no "incremento notable" das adopcións.

"Ata mediados de novembro conseguimos 410, superando de longo as 360 de todo o pasado ano, e parece que imos romper a marca de 430 adopcións que obtivemos no 2016", valorou. Desde 2015, levan máis de 1.900 adopcións.

Presentación de campaña de adopción de animais na Deputación de Pontevedra.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Presentación de campaña de adopción de animais na Deputación de Pontevedra.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Sen ánimo de incordiar aos votantes de PACMA pregúntome se Carmela Silva tería o mesmo mimo que amosa ter con Bonni coas mulleres que durmen na Acampada contra a Pobreza dende hai 1.000 días (coas súas 1.000 noites) e seguen sendo INVISIBLES aos ollos destes fenómenos do respecto animal !!! https://twitter.com/00Gamela/status...