O Goberno promete "solucións" aos empregados da central das Pontes

Javier Losada sinala que "aínda hai un tempo ata que (a decisión da empresa) se faga efectiva".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/11/2019 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, comprometeu "solucións de todo tipo para os empregados de Endesa, para as empresas auxiliares e para as empresas que viven na contorna" das Pontes para que exista unha transición ecolóxica "xusta".

Así o afirmou este xoves a preguntas dos medios en Santiago despois de que Endesa fixase 2022 como o ano de eliminación do carbón da súa produción, co consecuente aceleramento no peche da térmica pontesa.

Respecto diso, Losada sinala que "é unha decisión dunha empresa", pero "aínda hai un tempo ata que se faga efectiva". Así, asegura que haberá "unha implicación" dos ministerios de Transición Ecolóxica, Industria e Traballo, á vez que debe estar "coordinado" coa Xunta, "con todas as competencias industriais e económicas que ten". Todo iso en "íntimo contacto e colaboración co Concello das Pontes".

Sobre este extremo, sostén que haberá unha "transición xusta" para "resolver aqueles problemas que isto traia consigo para as poboacións, neste caso das Pontes". Esa transición "xusta" farase "buscando reindustrializar, buscando subvencionar novas formas de traballo", así como con "novos elementos de consecución de enerxía eléctrica" para a fábrica de Endesa nas Pontes.

"Xa dixo o presidente do Goberno que ningún territorio de España afectado polos peches produto da obsolescencia do carbón como material enerxético van ser abandonados á súa sorte", garantiu o delegado do Goberno.

Javier Losada en declaracións aos medios en Santiago
Javier Losada en declaracións aos medios en Santiago | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta