Denuncian que un fallo na telepeaxe de Sigüeiro da AP-9 implica un sobrecusto do 75% aos turismos

A asociación sinala que o fallo detectado supón a aplicación automática aos usuarios de vehículos lixeiros do importe correspondente ao de vehículos pesados ao pasar polas cabinas de telepeaxe e de pago automático. Audasa analiza se houbo algún erro, pero descarta un fallo masivo

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/11/2019 | Actualizada ás 17:44

Comparte esta noticia

A asociación En Colectivo, que defende aos usuarios afectados polo cobro indebido das peaxes por parte de Audasa durante as obras da Ponte de Rande, denunciou un fallo na peaxe de Sigüeiro da AP-9, que implica un sobrecusto do 75% aos turismos.

A Ponte de Rande incluída na Ap-9 - Arquivo
A Ponte de Rande incluída na Ap-9 - Arquivo

A asociación sinala que o fallo detectado supón a aplicación automática aos usuarios de vehículos lixeiros do importe correspondente ao de vehículos pesados ao pasar polas cabinas de telepeaxe e de pago automático.

Explican que esta anomalía se detectou o pasado martes, día 26 de novembro, recomendou aos usuarios que revisen os seus recibos correspondentes ao servizo da autoestrada AP-9 e que contrasten coas tarifas oficiais para comprobar se Audasa realizou un cobro superior ao correspondente.

Ademais, púxose a disposición dos posibles afectados para proceder á reclamación pertinente a través do correo reclamaciones@en-colectivo.com.

RESPOSTA DE AUDASA

A empresa concesionaria da autoestrada do Atlántico, Audasa, analiza se houbo algún erro na telepeaxe de Sigüeiro, pero descarta que o fallo fose masivo, é dicir, que implicase a máis de 10 tránsitos.

Así o indican fontes da compañía, que asegura que o día ao que se refire a denuncia, o 26 de novembro, "non hai ningún erro masivo" xa non só en Sigüeiro, senón en toda a autoestrada, e que a firma tampouco rexistrou ningunha reclamación.

Ese día, o 26 de novembro, segundo os datos facilitados por Audasa, por Sigüeiro houbo máis de 9.000 tránsitos e "ningunha reclamación", destacan as fontes da empresa. En global, apunta que o cociente no que vai de ano sitúa o número de reclamacións nunha por cada 15 millóns de tránsitos.

En todo caso, admiten que "pode existir algún erro", posto que se trata de máquinas, e que esta posibilidade "se está comprobando", pero sería, afirman, algo puntual.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta