Miles de persoas maniféstanse para reclamar a reindustrialización de Ferrolterra, Eume e Ortegal

Solucións para Endesa e traballo para o sector naval, principais reivindicacións da marcha celebrada en Ferrol.

Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 28/11/2019 | Actualizada ás 22:47

Comparte esta noticia

Máis de 4.000 persoas manifestáronse a tarde deste xoves, desde as 20.00 horas, polas rúas de Ferrol para reclamar a "reindustrialización das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal", nunha marcha convocada polos sindicatos CIG, CC.OO. e UHT e que transcorreu entre a praza de España e o Cantón de Molins.

Os convocantes quixeron chamar a atención de todos os gobernos para demandar o apoio para os sectores produtivos de todo o norte da provincia da Coruña. Así, o secretario xeral de CIG, Paulo Carril, asegurou que no caso de Ferrol vese como a crise industrial "avanza dunha forma imparable".

"A Xunta íllase e non dá ningunha alternativa, mentres que desde o ámbito estatal o único que fan son políticas que permiten o peche de empresas", agregou. É por iso que indicou que "a mobilización é unha ferramenta que permite esixir aos gobernos políticas reais de emprego, contra a crise industrial e a emigración, e que é unha necesidade, máxime en Ferrol".

ALTERNATIVA

Pola súa banda, o secretario xeral de CC.OO. en Galicia, Ramón Sarmiento, destacou que "nestas comarcas levan confluíndo tempo un cúmulo de problemas, principalmente no ámbito industrial, agora no sector termo-eléctrico".

No ámbito político, o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso (PSOE), resaltou a necesidade de "berrarlle ás administracións con competencias en materia de industria e emprego, xa que hai un proceso de desindustrialización da segunda comarca máis industrial de Galicia". Respecto diso, incidiu en que existe "un risco de desaparición de Reganosa, Endesa ou Alcoa, e por iso moitas familias que se poden quedar sen emprego en dous ou tres anos".

González Formoso solicitou "que se mire para esta comarca. "Esiximos á Xunta, ao Ministerio de Industria e de Transición Ecolóxica, que sen políticas de implantación de novas industrias, evidentemente imos sufrir, porque esta comarca foi pensada co soporte da industria", reclamou.

A deputada electa de Galicia en Común Yolanda Díaz, tamén presente na protesta, afirmou que existen tres comarcas que están "arrasadas por un proceso de desindustrialización", e reclamou tamén "carga de traballo para o sector naval".

Manifestación este xoves 29 de novembro en Ferrol polo futuro industrial
Manifestación este xoves 29 de novembro en Ferrol polo futuro industrial | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ramiro de Yoli

Que non se preocupen que xa vai arranxar a situación Yolanda Díaz desde o seu cargo de MINISTRA DE TRABALLO