Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/11/2019 | Actualizada ás 16:30
Adif restableceu na madrugada deste venres o tráfico ferroviario na liña de ancho convencional Zamora-Ourense, interrompido desde o 5 de novembro debido ás obras de construción da liña de alta velocidade Madrid-Galicia
Durante este corte, acometeu "diferentes traballos de adaptación" á alta velocidade do tramo Taboadela-Ourense, actuacións no túnel do Padornelo e a estación de Zamora, e modificacións de encravamentos e renovacións de vía.
Adif lamenta "as molestias ocasionadas" pola interrupción, así como polos ruídos ocasionados polos traballos.
Pero destaca que as actuacións levadas a cabo "redundarán nunha mellora da calidade do servizo ferroviario entre Galicia e a Meseta".
TRAMO TABOADELA-OURENSE
Durante o corte efectuáronse diversos traballos no tramo Taboadela-Ourense relacionados coa implantación do ancho de vía estándar neste traxecto, duns 16 quilómetros de lonxitude, e a súa electrificación, o que, resalta Adif, permitirá a chegada da alta velocidade á cidade de Ourense.
Aproveitando este corte tamén se efectuaron traballos de renovación de vía por tramos entre Baños de Molgas e Taboadela, na liña convencional Zamora-Ourense.
OUTRAS ACTUACIÓNS
Durante o corte procediuse a instalación dunha conexión temporal coa nova base de montaxe de vía de Miamán (Ourense) para o tramo de alta velocidade Campobecerros-Taboadela.
Ademais, Adif informa de que as obras na praia de vías da estación de Ourense xa están finalizadas e o novo encravamento en funcionamento.
Engade que as vías necesarias para a execución da estación de autobuses de Ourense quedaron liberadas en outubro, "conforme ao compromiso adquirido coa Xunta de Galicia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.