José Luis García Pando: “Coido que as etapas de confrontación son xa pasado en Valdeorras”

O presidente da Consello Regulador da D.O. Valdeorras fai balance de máis de dous anos de xestión e amosa gran satisfacción pola espectacular vendima deste ano. Recolléronse preto de 6,8 millóns de quilos de uva, dous máis que o ano anterior, que farán posible que o viño deste territorio chegue a máis mercados.

Por X.M. Fernández | Vilamartín de Valdeorras | 02/12/2019 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

García Pando, como moitos valdeorreses, coñece dende cativo o que significa para esta terra a viticultura, un sector económico e de identidade que cómpre potenciar máis e mellor. Tras unha etapa anterior na presidencia do Consello Regulador, volveu con renovadas ilusións hai case dous anos e medio. Cóntanos que se está a mellorar en moitas cousas; das que está máis orgulloso son o esforzo en comunicación e promoción, acadar a acreditación ENAC, unha esixencia europea para todos os órganos de control de calidade dos consellos reguladores, e avanzar na posta en  marcha de proxectos para identificar a orixe da uva evitando posibles fraudes.

Marcos Prada e José Luis García Pando.  Vicepresidente e Presidente da D.O. Valdeorras
Marcos Prada e José Luis García Pando. Vicepresidente e Presidente da D.O. Valdeorras | Fonte: GC

Aproveitamos o bo momento da D.O. Valdeorras para falar con José Luis García Pando, responsable de xestionar a imaxe dos viños deste territorio, de posicionalos internacionalmente e de centrar o foco no interese común das adegas.

Valdeorrés de toda a vida?

Son valdeorrés de sempre, natural do municipio de Rubiá. Un dos concellos que integran, precisamente, o noso territorio amparado.

O interese polo mundo do viño venlle de berce ou chegoulle despois?

García Pando. Foto: Ideo Business
García Pando. Foto: Ideo Business

Venme de familia. Case todos os valdeorreses medramos ligados, dun ou doutro xeito, ao eido do viño. E eu non son unha excepción.

Valore a súa experiencia como adegueiro e cóntenos as aspiracións que ten no sector.

A verdade é que a miña experiencia como adegueiro sempre foi moi satisfactoria. Non podo dicir o contrario. Gustaríame, dende a Presidencia do Consello Regulador, contribuír a que o viño que se elabora en Valdeorras poida venderse a un prezo competitivo para as bodegas e que xere valor engadido na totalidade da comarca. Xunto a isto, outro dos meus soños sería constatar que os viticultores chegan a cobrar un soldo razoable pola uva, para que poidan dicir que paga realmente a pena o traballo realizado.

Como adegueiro que é, que aptitudes debe ter alguén que aposte por esta actividade ?

A paciencia e o agarimo nos coidados son dúas virtudes fundamentais para se achegar aos traballos da vide. Os ciclos son longos e cómpre coñecer ben o terreo e cada unha das etapas que o conforman para obter, cara a mediados de setembro, os mellores resultados. Se, ademais de colleitar, comercializamos e distribuímos o viño a través dunha adega debemos ser conscientes que xa entramos de cheo no eido empresarial. Como calquera firma doutra natureza, as adegas buscan a rendibilidade e para obtela é preciso dominar estratexias empresariais e comerciais que permitan situar o produto no mercado e facelo atractivo.

A D.O. Valdeorras ten na actualidade unhas 43 adegas. É bo ou malo para o territorio amparado esta 'atomización'?

A idiosincrasia do noso territorio amparado está conformada por moitas bodegas pequenas e de corte familiar. Isto non é malo en absoluto. Estas adegas coexisten en harmonía con outras de maior dimensión, con vocación máis internacionalizadora incluso. A ‘atomización’ nese sentido non é un problema.

No que si considero que debemos poñer o foco é na busca de fórmulas que permitan reorientar as terras abandonadas cara a novas plantacións e terreos produtivos porque no noso territorio amparado estamos moi limitados en termos de extensión. Por iso, levamos tempo instando as administracións competentes a procurar fórmulas que nos permitan obter unha maior produción.

Vostede estivo xa como Presidente do Consello Regulador nunha etapa anterior. Na comparación co momento actual en que se avanzou e mellorou nestes últimos anos?

Sen dúbida, un fito moi salientable acadado neste mandato ten sido a consecución da acreditación ENAC para o noso Consello Regulador. Trátase dunha esixencia europea para todos os órganos de control de calidade dos consellos reguladores que acredita o cumprimento de diversos parámetros, entre eles as cantidades de uva e viño producidos ou o desenvolvemento de determinados procedementos de control da actividade vitivinícola na comarca.

Tamén estamos a avanzar na articulación de procedementos e na posta en  marcha de proxectos que nos permitan identificar a orixe da uva para evitar o fraude. Neste sentido, temos en marcha unha iniciativa de investigación en colaboración coa Universidade de Vigo.

Nos 2 anos que completou en xullo no cargo déuselle especial importancia á promoción, xa sexa como publicidade pura e dura xa sexa con visibilidade en feiras e foros especializados. Está chegando o retorno deste traballo?

Coido que o esforzo que estamos a desenvolver en comunicación ten resultados moi visibles. Ata Valdeorras desprazáronse, por exemplo, nos dos últimos anos, dúas comitivas de xornalistas e influencers relacionados co eido do viño, que teñen publicado referencias en prestixiosos medios especializados e téñennos axudado a darnos a coñecer en novos mercados. A asistencia a feiras e foros ou a posta en marcha de degustacións e catas en diversos puntos do territorio é tamén fundamental para posicionarnos e para que cada vez se nos coñeza máis e mellor.

No aspecto máis 'socializador' coas adegas, como leva ese traballo de conciliación para sacar proxectos adiante? É tempo de pouca ou nula conflitividade neste senso?

Coido que as etapas de confrontación e conflito xa quedaron atrás e son pasado en Valdeorras. Todos temos que ser quen de antepoñer os intereses dos nosos viños aos particulares para levar adiante a fermosa misión de posicionar os nosos viños no mundo sen polémicas, nin contratempos, nin sobresaltos.

Recentemente arquivouse unha querela presentada no ano 2017 polo sindicato Unións Agrarias contra vostede por unha presunta mala xestión. Como valora este fallo xudicial que avala a fiabilidade da súa xestión?

Sempre estiven moi tranquilo ao respecto porque non tiña nada que agochar e confío plenamente na Xustiza. Dito isto, toca pasar páxina e avanzar cara a adiante. Os nosos viticultores, adegueiros e viños precisan que toda a nosa atención estea centrada en procurar a súa mellora e promoción e non en enredos xudiciais que, como se demostrou neste caso, teñen pouco percorrido.

Este ano tiveron unha vendima espectacular. Entendo que as expectativas con esta colleita son moi boas. Cóntenos.

Pois si. Superamos en case un millón de quilos a cifra inicialmente prevista de uvas recollidas e achegámonos aos 6,8 millóns (dous máis que o ano pasado). Ao haber máis uva, loxicamente haberá máis viño e teremos ocasión de chegar a máis mercados. Isto é, por suposto, moi positivo.

Que variedades teñen máis percorrido actualmente no mercado nacional e internacional? Falta recoñecemento ou falta distribución e promoción para chegar a máis consumidores potenciais?

A variedade godello é o noso buque insignia. E, por suposto, tamén a mencía. Pero cada vez teñen máis peso diferentes variedades minoritarias como a garnacha tintorera, a sousón e a albarello. Todas elas son tipos de uvas que están a marcar a diferenza e as posibilidades vinícolas do noso territorio amparado.

Como consumidor e postos a escoller, godello ou mencía? 

É difícil contestar a iso. Tanto como pode ser para un pai ter que escoller entre un fillo ou outro. É certo que estamos no berce do godello. É a variedade da uva máis emblemática e característica da nosa zona e os viños elaborados a partir desta uva son magníficos. Pero tamén temos cada vez mellores tintos, que son máis descoñecidos para o gran público pero non por iso menos sorprendentes. Vou ser politicamente correcto, quédome con ambas as dúas.

Que proxectos inmediatos ten por riba da mesa á fronte da D.O. Valdeorras?

Imos seguir volcados como ata o de agora no desenvolvemento de accións promocionais que nos permitan levar o nome do noso territorio amparado a diferentes cantos do mundo. En favorecer a formación dos nosos viticultores e adegueiros e tamén en axudarlles dende o plano técnico en todo canto estea na nosa man para favorecer a súa competitividade.

José Luis García Pando, presidente do CRDO Valdeorras. Fonte: Ideo Business
José Luis García Pando, presidente do CRDO Valdeorras. Fonte: Ideo Business
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta