Detido un home en Pontevedra tras apuñalar a súa exparella diante dos seus fillos menores

Xa existían antecedentes de denuncias por violencia de xénero e no ano 2012 retirouse unha orde de afastamento que protexía a muller.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2019 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

Un home foi detido tras apuñalar a súa exparella en presenza dos seus dous fillos menores na madrugada deste luns nunha vivenda situada no barrio pontevedrés de Monte Porreiro.

Segundo informaron fontes da investigación, foi un veciño o que alertou á Policía Nacional despois de escoitar unha chamada de auxilio. Esta testemuña viu a un home que fuxía e unha muller ferida no portal.

A muller acababa de ser agredida no seu domicilio, pero conseguiu baixar ao portal para pedir axuda á veciñanza timbrando no telefonillo, indicaron as mesmas fontes.

Axentes da Policía Nacional detiveron a este home, de 34 anos, por tentativa de homicidio. O individuo foi localizado na Avenida de Lugo. A Policía Científica procedeu a analizar a arma branca coa que, supostamente, se produciu a agresión.

ANTECEDENTES

Neste caso xa existían antecedentes de denuncias por violencia de xénero. No ano 2012 retirouse unha orde de afastamento que protexía á muller da súa exparella. A vítima, de 33 anos, tivera unha relación sentimental co agora detido, e permitía que este home acudise á súa vivenda para poder ver aos fillos menores que teñen en común.

Esta madrugada, o home supostamente acudira á vivenda con esa intención de ver aos pequenos que se atopaban no domicilio cando se produciu a agresión. A muller permanece ingresada no Hospital Montecelo e o seu estado, en principio, non reviste gravidade, xa que non sufriu feridas en órganos vitais, pero si múltiples cortes.

A portavoz do goberno municipal do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías, expresou a súa repulsa en nome de toda a corporación ante esta agresión machista na cidade.

Policía Local de Vigo
Policía Local de Vigo | Fonte: xornaldevigo.gal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta