A Xunta confía en reducir a caída que sofren as exportacións ao longo deste ano

A baixada das vendas ao exterior ata setembro é do 6%, pero o Igape destaca que mellora a situación respecto de comezos de 2019.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2019 | Actualizada ás 14:24

Comparte esta noticia

O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Juan Cividanes, confía en "seguir reducindo" no último trimestre a caída que sofren as exportacións galegas en 2019.

En rolda de prensa este luns en Santiago, Cividanes destacou o dato do mes de setembro, coñecido hai uns días, no que as exportacións galegas repuntaron un 9,1% e romperon a tendencia negativa. Produciuse unha "diversificación" de mercados, cunha alza de case o 30% nas vendas a China, así como a Estados Unidos (+8,2%) e África (+5%).

O descenso acumulado no que vai de ano --entre xaneiro e setembro-- é do 6,1% na Comunidade respecto ao mesmo período de 2018. Con todo, o responsable do Igape destaca que se vai paliando o retroceso interanual, que chegou a ser do 15% no primeiro trimestre do ano. Ademais, no noveno mes de 2019 hai melloras en sectores como o téxtil (+14%) e a industria agroalimentaria (+13,4%). Tamén sobresae o sector aeronáutico, que duplica vendas.

MANTÉN O OBXECTIVO DOS 21.000 MILLÓNS DE EUROS

Todo iso, nun momento de "incertezas", tanto a nivel estatal pola non conformación dun Goberno central, como polo contexto internacional polo 'brexit' e a guerra comercial entre Estados Unidos e China. Cuestións que deron lugar a unha "desaceleración a nivel mundial", sostén. Ante isto, Cividanes puxo en valor diferentes medidas postas en marcha polo Goberno galego fronte á saída de Reino Unido da Unión Europea, como o cheque 'brexit' para gastos de consultoría de empresas, así como a posta en marcha dunha oficina informativa.

Así mesmo, o director do Igape mantén a previsión de que as empresas galegas alcancen os 21.000 millóns de vendas ao exterior este ano, a pesar da tendencia á baixa de 2019. Ata setembro, o acumulado supera os 16.000 millóns. Resalta que as exportacións galegas teñen un peso do 7,4% en conxunto do PIB de España, o que supón "un punto máis do que lle corresponde".

O director do Igape, Juan Cividanes. XUNTA
O director do Igape, Juan Cividanes. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta